O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está situado nunha paraxe espectacular no souto de Merilán.

O mosteiro benedictino ten a súa orixe no século X. Primeiro foi un mosteiro independente e despois da reforma do século XVI, queda como priorado dependente do mosteiro de San to Estevo de Ribas de Sil, do mesmo xeito que o de San Vicente de Pombeiro en terras de Pantón. Neste momento é cando se reforma o claustro e fanse as pinturas da igrexa. Foi un dos mosteiros máis importantes de Ribeira Sacra durante a Idade Media, como o demostran os vestixios das vías de comunicación que se conservan. Os monxes dedicáronse ao cultivo do castiñeiro e da vide. A desamortización supuxo o abandono definitivo do lugar.

Conserva a súa igrexa románica de finais do século XII e principios do XIII. Ten planta de cruz latina. A cabeceira está formada por tres ábsidas semicirculares, sendo o central máis elevado que os laterais. A fachada está divida en dous corpos. No superior, destaca o fermoso rosetón calado. A portada é abucinada. Presenta tres arquivoltas sinxelas decoradas con molduras de ajedrezado. Os capiteis están decorados fundamentalmente con motivos vexetais. O tímpano é liso. No interior, a nave cóbrese cunha cuberta de madeira a dúas augas que se apoia sobre uns arcos apuntados que descansan sobre ménsulas, que están decoradas con motivos xeométricos e bólas. Na ábsida central, conserva unhas pinturas murais, renacentistas, do século XVI. Nelas podemos ver á Virxe e San Juan, acompañados de Santo Domingo, San Antonio e Santo Tomás. Na parte superior, Santa Lucía e Santa Bárbara. Nunha das capelas laterais consérvase o altar románico.

No muro norte, atópase a torre-campanario que ten certo carácter defensivo. A base era unha especie de locutorio. Remata cun almenado e cuberta en forma de pirámide.

Facendo ángulo coa fachada da igrexa atópase a portada de acceso ao mosteiro. Ten unha soa arquivolta decorada con grandes follas e dobre moldura xeométrica en zig-zag. No intradós do arco están representados o catro evanxelistas: aguia (San Juan), anxo (San Mateo), touro (San Lucas) e león (San Marcos).

Das dependencias onde vivían os monxes consérvase pouco. Do claustro, tan só consérvanse dúas ás con arcos sobre un basamento corrido de gran sobriedade. Corresponde ás reformas do século XVI.

(Fonte: Turismo Ribeira Sacra)

Máis fotografías en  Flickr







Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.