* NOTA: información que indico a continuación é a mesma que aparece nos paneis informativos que existen no xacemento de Castromao


O xacemento galaico-romano de Castromao, a antiga Coelióbriga, a capital do pobo dos coelernos, un dos pobos indíxenas que habitaba a Gallaecia durante a Idade do Ferro e a Romanización. 

Os coelernos eran unha das dez civitates ou pobos galaicos que conformaban o Conventus de Brácara Augusta, con capital na actual Braga, un dos tres conventos xurídicos nos que os romanos dividiron a Gallaecia. Castromao é unha cidade prehistórica que foi habitada entre os anos 700-600 antes de Cristo e 200-300 despois de Cristo. Posúe unhas dimensións principais de 2,26 ha e aparece protexida por unha muralla perimetral, aínda que as estruturas arqueolóxicas localizadas superan amplamente este elemento defensivo.

Arredor dunha plataforma superior na que se atoparon restos da Idade do Bronce (2.500-800 antes de Cristo) e dunha capela da Idade Moderna, as estruturas arqueolóxicas galaico-romanas sitúanse en sucesivas plataformas graduadas separadas por muros de contención. 

O espazo mellor coñecido é a terraza inferior situada intramuros, a mesma na que se levaron a cabo a meirande parte dos traballos arqueolóxicos desde a década de 1920 ata o ano 2008. 

Esta área escavada supón un cuarto da superficie total do espazo dentro da muralla. Neste espazo documentáronse un total de 136 estruturas, das que unhas 80 se corresponden a construcións habitacionais ou de almacenaxe, formando ata 36 unidades familiares, conxuntos ou barrios nos que vivirían entre 4 e 6 persoas. En todo caso, fóra do recinto amurallado e por baixo da actual aldea de Castromao, téñense atopado restos de máis estruturas, polo que a extensión do poboado sería moito maior da que delimita a muralla. 

Extrapolando esta información a toda a área do castro podemos supor que no momento de máximo esplendor da vida do mesmo puidérono habitar arredor de 500 persoas, ás que habería que sumar outras moitas que residirían nas construcións exteriores, podendo ter acadado entre 800 e 1.000 habitantes ao redor do século 1º antes de Cristo e o 1º da nosa Era. 

Padrão dos Povos

No Padrão dos Povos de Chaves (Portugal), unha columna romana epigrafada datada no ano 79 d.C, cítanse o nome das dez civitates ou pobos prerromanos que constituían o Convento Bracarense. Un deles son os coelernos.

Unha cidade antiga

Ao igual que xacementos como Sanfins (Portugal) ou Santa Tegra (A Guarda), Castromao é un oppidum, isto é, unha cidade prerromana antiga que exercía de capital política dos coelernos e que xogaba un papel clave na organización do territorio.


Cada unha das construcións tiña unha función determinada: almacéns de cereal e landras, de ferramentas, obradoiros de artesáns, cortes para o gando e vivendas. Estas últimas tiñan no seu centro un fogar, en ocasións delimitado por laxes, destinada a cociñar alimentos e manter quente o espazo no que durmían os membros da familia.











A casa dos galaicos

Castromao foi un asentamento de campesiños e mineiros romanizados, pero a súa arquitectura e o seu urbanismo son debedores da tradición acuñada durante a Idade do Ferro (s. VIII-Ano 0). Tratábase dunha comunidade complexa formada tamén por artesáns (oleiros, ferreiros, ourives), como evidencian as ferramentas, moldes e útiles atopados nas distintas campañas arqueolóxicas.






Entre os séculos IV e II antes de Cristo, en Castromao as construcións petrifícanse e ocupan toda a superficie da acrópole: 2,2 hectáreas. A muralla consolidada funciona como referencia básica para ordenar as vivendas. Nun contexto social de paz e bonanza económica, a Coelióbriga romanizada alcanzou unhas dimensións moi superiores ás que hoxe define a muralla visible. Así o evidencia a aparición de múltiples materiais arqueolóxicos na aldea próxima de Castromao, o que nos induce a pensar nunha aldea aberta desprovista de muralla. A organización das vivendas deste sector do castro responde a un conxunto de estruturas ao redor dun patio común, destacando como construción principal para vivenda unha con planta circular e vestíbulo, con fogar central e pía no interior. Do outro lado do patio sitúanse unha segunda construción circular e unha terceira cuadrangular de esquinas redondeadas, posiblemente con función de almacenaxe ou corte.













A muralla do castro

En ausencia de rúas rectas interiores, que chegarán da man de asentamentos romanos de nova planta, a muralla de Castromao, ademais de como elemento defensivo, servía tamén de vía de comunicación principal a través do seu adarve, facilitando a circulación de persoas e bens dentro do poboado, como testemuñan varias escaleiras que dan acceso a el desde diferente barrios.



Outra dimensión da muralla é a simbólica. A monumentalidade deste muro defensivo transmitía unha idea de prestixio aos foráneos, anticipando os recursos económicos e o poder que tiña a comunidade á que lle daba protección. O conxunto de estruturas que ves aquí, aparentemente inconexas, foron as primeiras escavadas de todo o castro, en 1966. As construcións da plataforma máis baixa forman un “barrio de tipoloxía indíxena” limitado pola propia muralla, e aparece separado por muros de contención e nivelación doutras construcións que se levantan nas plataformas superiores.




Barrio da tabula

Este sector do castro, datable no século II d.C., está conformado por un conxunto de seis construcións que constitúen unha unidade familiar ou barrio. Está situado nunha zona chan a carón da muralla norte e nel destaca a existencia dun tramo de patio lousado así como de catro edificacións de planta cadrada, dúas delas dotadas cun vestíbulo que precede á estancia principal.



Dentro do conxunto, delimitado orixinalmente por muros dunha altura mínima de 2 m de alto, distínguense unha serie de tres arquitecturas adxectivas (cortes, graneiros, almacéns...) e dúas vivendas de planta cadrada dotadas cun fogar para cociñar e quentar o espazo vivideiro. Nestas dúas construcións residenciais puido vivir unha familia de entre 4 e 6 membros adultos.











A Romanización

Entre finais do s. I antes de Cristo e o s. II da nosa Era, a romanidade penetra de forma plena no noroeste da península. Antes dese momento a cultura material romana (lucernas, ánforas, moedas, etc) xa estaba presente nos castros por influenzas culturais e contactos comerciais, pero entorno ao cambio de era a arquitectura do imperio faise visible xa en forma de construcións de planta cadrada e rectangular que se teitan cunha técnica máis duradeira: a tella cerámica.


O lousado de patios, a planificación da recollida de augas pluviais ou as plantas rectangulares de vivendas son elementos propios da arquitectura romana que, pouco a pouco, fanse presentes en castros como Coelióbriga. Porén, a nova arquitectura non chegará nunca a substituír aos modelos indíxenas baseados na planta circular e nas cubertas de colmo, senón que convivirá con esta. 


Os grandes poboados ou oppida como Castromao vense obrigados a adoptar unha nova maneira de xestionar a vida dentro da cidade fortificada, o que os move a crear novos espazos para a vida en común, o establecemento de normas e o exercicio do poder dentro da comunidade. 

No ano 1984 foi localizada una ara romana formando parte do antigo lagar da Casa Reitoral de Santa María, na actual aldea de Castromao, onde se conservan inda restos doutra. Trátase dun pequeno altar de granito no que figura unha inscrición que foi interpretada como: Aper, fillo de V(rs)ico, dedicou de boa gana un voto a Reva Siboico.





Aldea do Bronce

Os restos de ocupación mais antigas no Castromao data de finais da Idade do Bronce (entre o 700 e o 600 antes de Cristo), un momento no que as cabanas se construían en materiais perecedoiros (madeira, palla e barro), de aí que esta arquitectura apenas deixe rastro no rexistro arqueolóxico. Esta etapa da prehistoria coincide coa aparición da metalurxia, unha tecnoloxía que revoluciona esta sociedade prehistórica. A nova técnica permitiu a fabricación de armas (espadas, puñais ou alabardas por exemplo), o que explica a xerarquización da sociedade e a creación de elites de goberno de carácter militar.


Grazas á metalurxia intensificouse tamén a actividade agrícola e forestal e a fabricación de apeiros e útiles máis avanzados e resistentes (arados, aixadas ou fouces).






O que non podemos esquecernos e de subir a parte máis alta do xacemento para disfrutar das suas maravillosas vistas











oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.