No sur da provincia de Ourense, no concello da Merca, situado dentro da comarca de Celanova e Baixa Limia, escóndese unha das xoias mellor conservadas e máis representativas do románico galego: a igrexa de San Pedro de A Mezquita. A súa situación, a só uns 15 quilómetros da cidade de Ourense, permite un acceso doado dende autoestrada A-5 a Rante dirixímonos cara A Telelleira (Concello de Taboadela) e, a pouca distancia, a Mezquita donde toparemos este fermoso templo, que emerxe entre a paisaxe cunha dignidade austera e monumental.
Contexto histórico
A orixe do lugar e da propia igrexa está estreitamente ligada ao mosteiro de Celanova, un dos centros monásticos máis influentes de Galicia na Alta e Plena Idade Media. Diversos documentos acreditan a pertenza desta zona ao dominio do cenobio celanovés, mediante múltiples doazóns que se sucederon ao longo do tempo. A máis antiga data do 10 de decembro do ano 989, cando un tal Vistrario ofreceu á comunidade monástica un casal situado “subtus Sancto Petro de Mezquita”, na zona denominada Bubale sub Castro Veives. No século XI, as doazóns continúan. En 1041, a condesa Toda entrega varias vilas, entre as que se menciona explicitamente “Sancto Petro de Mezquita”, e once anos despois, Pelayo Núñez doa a súa vila coa intención de ser enterrado alí. Estas referencias documentais testemuñan a importancia do lugar e a súa relación espiritual e administrativa co mosteiro de Celanova.
Arquitectura exterior
A igrexa é un magnífico exemplo do románico rural galego. Está composta por unha única nave rectangular que remata nunha cabeceira formada por un tramo recto e un ábside semicircular. Este tramo recto presenta unha maior altura e anchura respecto ao ábside, xerando un xogo de volumes que reforza a sensación de verticalidade do edificio. A verticalidade tamén se acentúa coa presenza de robustos contrafortes nos muros da nave e columnas adosadas no corpo absidal.
Os accesos ao templo distribúense en tres portas: unha na fachada occidental e outras dúas nos muros laterais norte e sur. A iluminación natural chega a través de oito vans na nave e cinco na zona da cabeceira, incluídos os do tramo recto e do ábside. A torre do campanario, de aspecto achatado por mor da altura da nave, está situada no extremo sur da fachada occidental e rematada por un tellado a catro augas.
A decoración escultórica no exterior é ampla e variada. Tanto os canzorros como as arquivoltas, capiteis e columnas presentan motivos xeométricos, vexetais e zoomorfos, que revelan unha complexidade e riqueza pouco habitual no románico do interior galego. Os vans do ábside, por exemplo, seguen un esquema moi coidado, con arquivoltas molduradas e columnas rematadas en capiteis decorados con follas, bólas e figuras de animais. A cornixa, sustentada en canzorros, remata con motivos como follas de col, volutas e entrelazados.
A fachada occidental
A fachada principal, como adoita acontecer no románico popular galego, está enmarcada por dous potentes contrafortes entre os cales se abre a portada. Esta está profusamente decorada e configúrase mediante un arco lixeiramente apuntado con tres arquivoltas, columnas lisas e columnas centrais entorchadas. As arquivoltas presentan un repertorio ornamental riquísimo: arquillos cegos, follas carnosas dispostas radialmente, perlas e tacos. O tímpano, monolítico, exhibe unha cruz co Cordero no seu centro, e nas súas esquinas unhas rosetas. Esta iconografía, de inspiración bizantina, mostra a conexión do románico galego con influencias artísticas que chegaron probablemente a través de modelos orientais.
As enxutas desta portada acollen dúas figuras esculpidas: á esquerda, San Pedro, identificado pola chave que sostén, e á dereita, unha figura feminina que podería representar a Santa Ana, a Virxe María ou mesmo a Igrexa. Nos contrafortes, máis esculturas complementan o programa iconográfico: unha loba amamantando aos seus lobeznos, un animal depredador coa súa presa, e mesmo un guerreiro armado cunha lanza.
Por riba da portada, á altura do segundo corpo da fachada, sitúanse dous vans: unha ventá con arquivolta sobre columnas e un rosetón. A súa decoración, novamente, mostra motivos vexetais e xeométricos dispostos con gran coidado estético.
Os muros laterais
Tanto o muro sur como o norte están divididos en tres tramos mediante contrafortes. Os vans están dispostos simetricamente e decorados con arquivoltas sobre columnas adosadas. Destacan os capiteis e os cimacios, cunha decoración variada que inclúe elementos vexetais, bolas, entrelazados e figuras de animais. A cornixa, como no resto do templo, está sustentada por canzorros tallados con motivos xeométricos e fitomorfos.
As portas laterais tamén amosan tímpanos decorados: a do sur representa dous leóns apoiando as patas dianteiras nas almenas dun castelo, mentres que a do norte amosa un tímpano modificado, con elementos reaproveitados e decoración vexetal nos capiteis.
O ábside
A cabeceira está formada polo tramo recto e o hemiciclo absidal, que se articula mediante columnas con capiteis decorados con follas, entrelazados e figuras animais. As ventás do ábside, tres en total, seguen un modelo uniforme, con arquivoltas molduradas, capiteis decorados e columnas de fuste liso sobre basas áticas.
No tramo recto do presbiterio atópanse dúas ventás, unha moderna e outra antiga, en forma de óculo con celosía, ademais dunha credencia escavada no muro. O conxunto da cabeceira destaca tanto pola súa solidez estrutural como pola súa harmonía estética e riqueza ornamental.
O interior
No interior, a igrexa mantén a sinxeleza e sobriedade propias do románico, pero cunha clara intención monumental. A nave está cuberta por unha estrutura de madeira sustentada por dous grandes arcos diafragma lixeiramente apuntados, que descansan sobre columnas encastradas con capiteis decorados con motivos vexetais. Estes mesmos arcos serven para organizar o espazo interior, ao igual que o arco triunfal que dá acceso ao presbiterio.
A bóveda do presbiterio componse dun tramo con bóveda nervada e outro con bóveda de forno. As nervaduras rematan en columnillas que conectan coas fiestras do ábside, seguindo unha liña de imposta en baquetilla. Os capiteis decorativos repiten motivos vexetais, destacando a presenza de follas picudas, volutas e bolas. As claves das bóvedas preséntanse con floróns e rosetas.
O conxunto interior é iluminado por once vans en total, entre a nave e o ábside, e presenta escasa intervención moderna, salvo o acceso á sacristía e unha ventá no muro sur.
Cronoloxía e influencias
A construción do templo sitúase entre finais do século XII e o primeiro cuarto do XIII. Unha inscrición interior apunta ao ano 1172 (era Mccx), aínda que podería referirse a unha data algo posterior. Outras inscricións mencionan os anos 1254 e 1263 como momentos de doazóns para continuar ou finalizar a obra.
Diversos elementos estilísticos e decorativos conectan esta igrexa co ámbito compostelán e co taller do Mestre Mateo, especialmente nos festóns de arquitos, as follas dispostas radialmente, os fustes entorchados e outros motivos típicos. Ao mesmo tempo, algúns detalles góticos, como os floróns e nervaduras, amosan a influencia do estilo cisterciense, moi presente na arquitectura galega do século XIII.
Valor artístico
A igrexa de San Pedro de A Mezquita constitúe un exemplo singular e excepcional do románico rural galego. A súa excelente conservación, a riqueza escultórica e a coidada organización estrutural fan deste templo unha peza de referencia dentro do patrimonio relixioso e artístico da provincia de Ourense.