Khneman, pai da psicoloxía conductista e premio Nobel de Economía, ofrécenos unha exploración sobre como funciona a nosa mente e como tomamos decisións. O seu enfoque xira arredor de dous sistemas de pensamento: o Pensamento 1, rápido e intuitivo, e o Pensamento 2, lento e racional. A través desto, desmonta moitas das nosas certezas e amosa como os nosos prexuízos inflúen en decisións clave, desde a planificación financeira ata a asunción de riscos.
Un dos acertos do libro é a súa claridade ao trasladar conceptos complexos a exemplos cotiáns (hai moitos). O autor demostra que non somos tan racionais como pensamos e que a confianza no noso xuízo é, en gran medida, unha ilusión. Pareceume especialmente interesante a súa idea de que a seguridade nunha crenza non implica a súa veracidade, senón só a coherencia da historia que nos contamos.
Aínda así, algúns capítulos fixéronseme densos, os relacionados coa psicoloxía, mentres que os de economía ou socioloxía resultáronme máis amenos. Pero incluso nos momentos máis áridos, o libro sorprende e fai reflexionar.
En definitiva, este ensaio desafía a nosa percepción da racionalidade e obríganos a cuestionar se realmente somos donos das nosas decisións. Non é unha lectura lixeira, pero si enriquecedora. Kahneman fainos pensar sobre como pensamos, e ese exercicio, aínda que incómodo, é imprescindible.