O 28 de abril, España quedou sen luz. Só foron cinco segundos, pero abondaron para que Pedro Sánchez acendera a súa enésima batalla política. Un apagón técnico, con causas identificadas por expertos e explicacións ofrecidas por Red Eléctrica, converteuse, da noite para a mañá, no novo episodio dun guión xa coñecido: o do líder que nunca asume, sempre sinala e transforma cada crise nunha guerra útil. Pedro Sánchez, na súa segunda comparecencia, dixo que non se coñecían as causas do apagón, pero xa sinalara os culpables: as operadoras privadas.

A secuencia é de manual. Prodúcese un fallo eléctrico a gran escala, sen treboadas, sen ciberataques, sen inimigos externos visibles. Segundo diversas opinións de expertos, todo apunta a unha causa técnica: unha sobretensión provocada por un exceso de produción de enerxía non firme —solar, basicamente— nun momento de baixa demanda. As instalacións fotovoltaicas, nun acto automático de autoprotección, desconéctanse da rede. Resultado: caída masiva da xeración e colapso momentáneo do sistema.

A causa? Un erro de planificación. Aquel día, o mix enerxético estaba desequilibrado: 18 GW de solar fronte a apenas 3,5 de hidráulica e 1,6 de gas. Ao día seguinte, con condicións similares, corrixiuse: reduciuse a solar e aumentouse a enerxía firme. Identificouse o erro. Axustouse o modelo. Fin do misterio técnico.

Pero o Goberno, e en particular Sánchez, decidiron non asumir esta explicación. Nin unha mención ao erro de planificación. Nin un recoñecemento de responsabilidade, malia que Red Eléctrica está baixo control público (a SEPI ten o 20 % e a súa presidenta, Beatriz Corredor, foi ministra socialista nomeada a dedo). No seu lugar, unha cortina de fume: ciberataques, sabotaxes, “alguén oculta algo”. O importante non era dar respostas, senón sementar sospeitas.

A comparecencia de Sánchez foi todo menos esclarecedora. Foi un exercicio de cinismo político: atacar sen asumir, desviar sen explicar, axitar sen resolver. En vez de aclarar que pasou, dedicouse a crear un inimigo: a sombra dunha ameaza dixital, útil para xustificar novos controis e distraer dunha realidade incómoda.

E en paralelo, outro fronte: o ataque implícito á enerxía nuclear. Sen probas, sen argumentos técnicos, pero en liña co seu discurso ideolóxico. Aínda que voces dentro do PSOE —e desde comunidades como Estremadura— piden reabrir o debate sobre a enerxía firme, Sánchez prefire aferrarse ao seu relato renovable, sen matices. Nin unha palabra sobre a incapacidade actual das enerxías non firmes para estabilizar a rede en tempo real. Nin palabra de mellorar a rede de distribución eléctrica da que viñan avisando expertos. Porque aquí o debate non é renovables si ou non, senón como xestionalas con responsabilidade. Pero iso esixe humildade técnica, non propaganda política.

E mentres tanto, hai consecuencias reais. Non só a incerteza nos fogares. Non só a parálise momentánea. Tres persoas morreron, como aconteceu en Taboadela, o meu concello. Unha delas dependía dun respirador que deixou de funcionar durante o apagón. Iso non é unha anécdota nin un susto: é unha traxedia.

España non precisa líderes que vexan inimigos en cada esquina. Precisa gobernantes que saiban xestionar, asumir e corrixir. O ocorrido o 28 de abril non foi unha conspiración: foi un erro. E o verdadeiramente preocupante é que, lonxe de aprender del, o Goberno decidiu convertelo en munición para a súa guerra política perpetua.

Porque se algo ten demostrado Pedro Sánchez, é que nunca desaproveita unha boa crise para reforzar o seu relato. Aínda que se apague a luz, el asegura que o foco siga sobre a súa versión. Aínda que o sistema colapse, o relato segue acendido.

Benvidos, unha vez máis, á España das crises útiles. #apagon #indecencia


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.