“El olor del bosque” parte dunha premisa suxestiva: unha muller, Élisabeth Bathori, mergullada no dó, recibe un encargo que semella profesional, pero que a leva a unha viaxe moito máis íntima e transformadora. A través dun legado inesperado —cartas, un diario en clave, un álbum de fotografías e unha casa no campo— iníciase unha investigación que vai máis alá do histórico para se afondar no profundamente humano.

A novela entretece o pasado e o presente con habilidade: a vida de Alban de Willecot durante a Primeira Guerra Mundial, os seus sentimentos, medos e vínculos, despéganse ante Élisabeth, quen á súa vez confronta as súas propias perdas e preguntas existenciais. Esta conexión entre dous tempos dálle á obra unha riqueza narrativa innegable. 

Porén, malia o atractivo da proposta e as excelentes críticas que recibiu, “El olor del bosque” non acabou de convencerme do todo. Comecei a lectura con interese, seducido polo prantexamento inicial e pola maneira na que se introducen temas como o dó, a memoria, o amor ou a escrita. Pero a medida que avanzaba, a novela resultoume por momentos algo densa, e mesmo tediosa.

A estrutura de múltiples voces, os saltos temporais e as diversas tramas entrelazadas —que para algúns poden ser un gran acerto— non acabaron de atraparme por completo. Sentei que, se ben a novela busca reflectir os ecos do pasado no presente, a historia se dispersa en exceso e perde forza nalgúns treitos.

Iso si, recoñezo o valor literario da obra: a importancia que lle dá á palabra escrita, tanto nas cartas como nos diarios, e a súa relación coa fotografía, outorgan unha dimensión artística e case filosófica ao relato. É unha obra que reflexiona sobre a memoria, o tempo e as pegadas que a guerra deixa nas persoas.

En resumo, “El olor del bosque” é unha novela ambiciosa, complexa e moi coidada, que aborda grandes temas con sensibilidade. Aínda así, a nivel persoal, non logrou emocionarme nin engancharme como esperaba.


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.