Juan Tallón mergúllanos nunha historia intrigante cun punto de partida potente: un empresario funerario, Antonio Hitler, obsesionado co éxito, que ve como a súa realidade se esborralla inexplicablemente tras alcanzalo. A premisa é atractiva, e o xogo con identidades paralelas, realidades distorsionadas e saltos no tempo engade complexidade á narración. Porén, aínda que a novela ofrece momentos de gran destreza estilística e situacións que convidan á reflexión, deixa unha sensación de inconsistencia.

A alternancia entre os dous Antonios —o empresario e o director do museo— resulta interesante, pero nalgúns momentos pouco crible. O primeiro, violento, drogadicto e presuntuoso, está sometido aos seus vicios, inseguridades e á sombra do seu pai. O segundo, en aparencia un home culto e respectado, non é máis ca un corrupto cunha boa imaxe pública. Tallón xoga coa ambigüidade e as aparencias, pero a estruturak da novela, con capítulos que oscilan entre ambas realidades, xera máis desconcerto ca profundidade.

A nivel temático, a novela explora a nostalxia, a identidade, as relacións, a fraxilidade e a superficialidade da vida e do éxito. Máis ca un home de negocios ambicioso, Antonio semella un nostálxico atrapado no seu propio pasado. Talvez esa sexa a intención do libro: transmitir o carácter relativo da realidade e a inestabilidade da identidade. Porén, na práctica, a historia ás veces semella desnortada e sen un fío condutor claro. No medio deste caos, Irene, a súa filla, é quizais o único elemento que mantén certa consistencia na súa vida, un punto de ancoraxe nunha realidade que se esborralla.

Un punto a favor é a ambientación, con referencias concretas a Ourense e personaxes recoñecibles na vida real, como cando relata que viu ao expresidente da Deputación, a quen retrata entrando ás agochadas no Hotel San Francisco cunha camisa hawaiana e lentes de sol, ou cando Antonio mantén unha reunión coa directora da Biblioteca Nós. Estes detalles achegan un toque de ironía e reforzan o contraste entre o realismo e a confusión que vive o protagonista.

En definitiva, O mellor do mundo formula cuestións interesantes e conta coa solvencia narrativa de Tallón, pero o seu desenvolvemento deixa unha sensación de desconcerto. A prosa é brillante e os personaxes están ben construídos, pero o conxunto non sempre acada unha cohesión que sosteña a historia.


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.