A reunión no Ceres foi, unha vez máis, un deses encontros nos que nos analizamos ata o infinito e máis alá. Como hai sete días, volvemos xuntarnos arredor dunha mesa, pero esta vez cun xogo de cores que prometía revelar “profundos segredos” da nosa personalidade. Durante a semana, Raquel estivo “enganándonos”, coloreándonos de maneira “perversa”. O gran instrumento de autocoñecemento? Un “ral” de cores con só catro opcións: vermello, azul, verde e amarelo. Coma un parchís, máis ou menos. A cada un tócalle unha cor e despois é cuestión de ir tirando os dados. 

O exercicio non podía ser máis revelador: cada cor significaba algo sobre nós, un diagnóstico exprés da nosa forma de ser. Mentres Raquel explicaba o funcionamento deste sistema infalible, eu mostraba certo escepticismo e resignación (típico dos azuis). De verdade podíase reducir a complexidade humana a catro cores? Pois parece que si. Palabra de Raquel, te alabamos, Señora. 

Chegou a miña quenda. Raquel miroume, sentenciou con firmeza e sen dubidar: “Ti es azul.” 

Azul. O veredicto caeu coma cando che entregaban as notas no colexio. É o que hai. Azul. E agora que? Significa que teño que vivir segundo o manual de instrucións do azul? Raquel, moi convencida, explicoume que o azul define ás persoas organizadas, analíticas, perfeccionistas… Vamos, un manual de instrucións ambulante. Pero eu, mentres escoitaba, pensaba noutras cousas: que o azul era a cor favorita do meu fillo, no azul da camiseta do primeiro equipo de fútbol no que xoguei, nos pitufos da miña infancia, no Kind of Blue de Miles Davis, na icónica foto da Terra vista dende o espazo, en Grace Kelly e o seu vestido en “Atrapa a un ladrón”… Todo isto era azul para min, pero parece que iso non contaba. 

Non, hoxe pola mañá o azul non era iso. Hoxe o azul era unha desas etiquetas de psicoloxía que serven para clasificar as persoas en categorías cómodas e facilmente arquivables. Porque claro, etiquetar é fundamental para o autocoñecemento, igual que os códigos de cores para un pintor ou un barnizador. 

E aquí estou, etiquetado. Como se me acabasen de colgar unha desas etiquetas de plástico que levan as roupas do Zara. Porque, segundo parece, son metódico. Pois si, un pouco. Busco os meus obxectivos de maneira directa? Non sempre, ás veces prefiro usar a porta traseira ou directamente un pasadizo secreto. Son introvertido? Bueno, se por introvertido entendemos que me gusta estar só pero tamén desfruto da xente interesante, pois vale. Azul serei. 

Así que acepto ser azul. Pero non un azul estático e perfecto, senón un azul que ás veces se desgasta, se apaga ou se volve escuro. 

Grazas, Raquel. Saúdos dun pitufo.








“O malentendido” de Irène Némirovsky é unha novela que unha compañeira me recomendou, salientando tanto á autora como á obra en si. A trama céntrase na relación amorosa entre Yves Harteloup, descendente dunha familia burguesa empobrecida tras a Primeira Guerra Mundial, e Denise, a nova esposa dun antigo compañeiro do hospital militar. O seu idilio comeza durante unhas vacacións en Hendaya e continúa en París, onde as diferenzas de clase, inseguridades e malentendidos poñen a proba o seu amor.

A autora preséntanos a sociedade da época, destacando as diferenzas e barreiras entre as clases sociais, o valor do traballo e do prestixio social, así como as desigualdades entre homes e mulleres. A través dos seus personaxes, Némirovsky amosa como estas cuestións inflúen nas relacións persoais e na dinámica social do período, explorando temas como a confianza, a entrega e o amor.

A novela está ben escrita e reflicte a habilidade de Némirovsky para explorar a psicoloxía dos seus personaxes e as tensións sociais da época. Porén, o enfoque nunha relación amorosa non é do meu especial interese por cuestións de gustos persoais. Aínda así, valoro a calidade narrativa da autora e a súa capacidade para plasmar con precisión as complexidades e os sentimentos das persoas, neste caso, de dúas persoas namoradas que enfrontan diversas cuestións que complican a súa unión.





Esta falta de apoios, sumada ao feito de que o Goberno, un ano máis, non presentou os orzamentos, deixou en evidencia que, nestes momentos, non temos un Executivo coa suficiente solidez para afrontar o futuro con garantías. É un goberno débil, cuxo único obxectivo é a súa propia permanencia e que, para iso, recorre a calquera escusa e adopta medidas que, nalgúns casos, claramente atentan contra os principios dun Estado democrático. 

Imaxinemos que a nosa democracia é unha casa. Unha casa con muros de leis, vigas de institucións e unha estrutura que, aínda que ás veces coxe, nos protexeu de tormentas e derrubamentos. Non é perfecta, pero é a única que temos. Agora imaxinemos que alguén entra e comeza a cambiar as pechaduras, a mover as paredes, a pintar as ventás de negro para que ninguén vexa o que ocorre dentro. Faino cun sorriso, insultando e mentindo, coa tranquilidade de quen se sabe impune, coa desvergoña de quen está convencido de que a casa lle pertence, de que non é de todos, senón súa, de Sánchez.

O primeiro golpe chegou coa reforma do Código Penal. Onde antes había muros firmes, agora hai portas xiratorias polas que entran e saen aliados políticos beneficiados por leis feitas á medida. Logo veu a ocupación das institucións: unha colonización metódica do poder xudicial, do Tribunal Constitucional, de calquera organismo que puidese facer de contrapeso. Como quen enche unha casa de mobles ao seu gusto, sen preguntar se aos demais lles parece ben.

Despois chegou a quenda dos medios de comunicación e das empresas estratéxicas. Que importa a competencia ou as regras do mercado cando se pode intervir e colocar aos amigos? Mentres tanto, a seguridade do Estado, esa pechadura que debería protexernos a todos, deixouse aberta. Pactos opacos, concesións perigosas, decisións que debilitan a nosa posición fronte a quen nos desafía.

Pero o máis inquietante é outra cousa: a normalización do desacato. O Goberno descubriu que a Constitución se pode dobrar como un pano, que os seus límites son elásticos se se ten o poder suficiente. O que onte era impensable, hoxe é rutina; o que hoxe é escándalo, mañá será unha anécdota. E así, ladrillo a ladrillo, a casa convértese noutra cousa.

O problema das casas é que, cando se manipula demasiado a súa estrutura, corren o risco de virse abaixo. Entón xa non hai democracia, só entullos e po. Esa é a casa que nos está deixando Sánchez.








Ordesa é un libro que doe. Doe porque é un exercicio de memoria, pero tamén de ausencia, do que se lembra e do que nunca se soubo. Manuel Vilas escribe dende a ferida, dende unha orfandade que é máis ca a morte dos pais: é a certeza de que hai preguntas que nunca terán resposta. 

O libro é un longo monólogo que atravesa a súa infancia, a España dos sesenta e setenta, a súa relación cos pais, o seu divorcio, os seus fillos, o seu alcoholismo, a pobreza que sufriu e que segue sentindo como unha identidade, incluso como unha forma de moralidade. Todo isto, cunha prosa que oscila entre o poético e o brutal, entre o nostálxico e o descarnado. 

A morte é o gran tema de Ordesa. Vilas fala dela sen rodeos, sen misticismos, cunha crueza que ás veces desconcerta. Os seus pais, aos que converte en figuras case míticas, aparecen na narración como cadáveres, anxos, espectros. A morte do pai, sobre todo, é unha ferida aberta: “Non me dixo nada, non me dixo adeus, non me dixo quérote, non me dixo quéreste, así que calou”. Esa ausencia de palabras, de despedida, é o núcleo da dor que percorre o libro. 

Pero non só a morte pesa nestas páxinas. Tamén a soidade, a incomunicación, a fraxilidade do ser humano. Vilas retrata a súa propia vulnerabilidade sen reservas, amosando o seu desamparo, a súa distancia cos fillos, a súa vida tras o divorcio, o seu apartamento cheo de po. E porén, no medio de todo, defende a familia, aínda que sempre fose unha familia de silencios, de cousas que non se dixeron, de historias que se perderon. 

É un libro honesto, valente, por momentos incómodo, por momentos conmovedor. Un libro que busca poñer orde no caos da memoria, atopar sentido ao vivido, talvez pechar feridas ou, cando menos, nomealas. Porque nomear é resistir ao esquecemento. 

Recomendable.



Evelio Traba, compañeiro de lecturas e conversas, ofrécenos en El ritual de las cabezas perpetuas unha novela que sorprende pola súa elegancia narrativa e pola capacidade para entrelazar o histórico co fantástico. Ambientada no período do Terror da Revolución Francesa, a obra non só reconstrúe con precisión o clima de violencia e caos da época, senón que o transcende ao introducir elementos enigmáticos que converten a historia nunha experiencia inquietante e evocadora.

A novela segue a historia de Joseph, un médico cun pasado misterioso que chega a París no momento máis convulso da Revolución. Mentres os sanguinarios xuízos e execucións se multiplican, Joseph vese envolto nunha trama de segredos e experimentos prohibidos que desafían os límites da vida e da morte. A medida que a cidade se afunde no caos, el deberá enfrontarse non só á brutalidade do réxime, senón tamén ás consecuencias dun descubrimento que podería cambiar para sempre a comprensión da existencia humana.

Un dos maiores acertos da novela é o equilibrio entre a razón e o misterio, un diálogo constante que dota a trama dunha fondura singular. A prosa de Evelio é coidada e evocadora, lembrando a atmosfera gótica de autores como Mary Shelley e Robert Louis Stevenson, cuxa influencia se percibe na exploración dos límites entre a ciencia, a moralidade e a natureza humana.

A novela destaca pola súa capacidade para construír unha narración que desafía as fronteiras do posible sen perder de vista o rigor histórico. Evelio Traba mergúllanos nun mundo onde o real e o onírico conviven con naturalidade, logrando que a violencia desmedida da Revolución se converta nun escenario propicio para o inverosímil.

En definitiva, a novela cativa tanto polo seu estilo como pola riqueza dos seus plantexamentos. É unha obra que se inscribe na tradición da mellor literatura fantástica e histórica.




“La escuela del Paraíso” é unha novela marabillosa, chea de nostalxia e beleza, que nos transporta a unha Lisboa máxica e humilde, á vez dura e evocadora. José Rodrigues Miguéis escribe cunha delicadeza incrible, construíndo un mundo que oscila entre a memoria e o soño, entre a historia e a intimidade dunha familia de clase media en tempos de cambios cruciais.

Fascinoume como a novela mestura o cotián co poético, como as rúas de Alfama e a escola da Rúa do Paraíso se converten en escenarios dun universo cheo de vida, de pequenos momentos, de personaxes entrañables. Gabriel, o protagonista, guíanos pola súa infancia, pola relación cos seus irmáns Santiago e Águeda, polas conversas cos seus pais, Adélia e Augusto, e polos sucesos históricos que marcaron a súa época: o asasinato de Carlos I, a caída de Manuel II, a proclamación da República en 1910. Pero tamén nos amosa o seu espertar á literatura, á conciencia de si mesmo, á complexidade do mundo.

Encantáronme as referencias a Galicia e a Pontevedra, que aparecen como un lugar afastado, duro e misterioso, un punto de conexión coas raíces familiares do autor. E ese detalle fascinante do señor Augusto, que imaxina unha unión entre Portugal e Galicia baixo o nome de “Portugalicia”, achega unha visión curiosa e case utópica.

É un libro que sorprende, cunha prosa envolvente e unha capacidade narrativa que o converten nunha xoia. Miguéis é un autor que descubrín con esta novela e que, sen dúbida, merece máis recoñecemento. Como ben dicía Saramago, A escola do Paraíso é unha das grandes obras da literatura portuguesa do século XX.



A historia non sempre a escriben os gañadores. Ás veces, simplemente a reescriben mentres ninguén mira.

Ano 2025. España aínda se chamaba España, pero só nos mapas. Na práctica, era unha colección de territorios tratados de maneira desigual, onde a solidariedade brillaba pola súa ausencia, cada vez máis descoordinados, gobernados máis por intereses clientelares que por principios. O proceso fora lento, sen estridencias, sen que ninguén erguese demasiado a voz. Nin sequera aqueles que se supoñía que debían facelo.

O Goberno seguía vendéndose como progresista, solidario e feminista, pero as súas políticas contaban outra historia. Perdoábanse débedas millonarias a Cataluña mentres se compartían co resto de comunidades. Defendíase o control das fronteiras desde unha óptica humanitaria… pero agora, en Cataluña, desde unha posición claramente supremacista, permitíase á Generalitat decidir quen entraba e quen non. Falábase de feminismo, pero a maior contribución fora a lei do “Só si é si”, que permitiu reducir condenas a centos de agresores sexuais. Ademais, nas filas do goberno, os verdadeiros machistas ocultábanse detrás de pancartas, de slogans e de argumentos tan hipócritas.

Pero o máis sorprendente non era iso. Non era a hipocrisía, nin a desvergoña. Era tamén a falta de oposición tanto institucional como da cidadanía.

A dereita oficial, os populares, quedara en terra de ninguén, atrapada entre o seu medo a ser chamada ultradereita e a súa falta de reflexos para marcar un rumbo claro. Os seus líderes, máis preocupados por non parecer “demasiado duros”, levaban anos movéndose con máis cautela que determinación. E cando por fin intentaban reaccionar, facíano sen confianza, sen contundencia, con reservas.

Mentres tanto, VOX seguía sendo a coartada perfecta para Sánchez. Necesitábao, alimentábao. Cada unha das súas declaracións máis incendiarias servía como xustificación para que o Goberno redobrase o seu control, para que o seu electorado tragase con máis cesións e máis autoritarismo. Porque, que importaba o que fixese o PSOE se do outro lado estaban “os fachas”?

E logo estaba el. Sánchez. O home que fora capaz de soster todas as contradicións posibles sen que o seu electorado pestanexase.

Porque non se trataba só do seu dobre discurso en economía, en feminismo ou en inmigración. O seu maior acto de incongruencia estaba na súa relación co independentismo.

O Sánchez de 2017 apoiara sen titubeos a aplicación do artigo 155. “Non haberá independencia, non haberá autodeterminación”, dicía. O independentismo, segundo el, era unha ameaza ao Estado de dereito e á convivencia. Puigdemont, un fuxitivo.

O Sánchez de 2025, en cambio, entregáralles todo o que pedían. Amnistía, recursos, competencias. Onde antes falaba de legalidade e Constitución, agora falaba de diálogo e encaixe territorial. Onde antes se presentaba como un defensor da unidade de España, agora era o principal garante dos privilexios de quen a querían romper.

O BOE certificaba cada unha das súas contradicións.

UNHA SAÍDA EN SOIDADE

Pedro Sánchez abrochou o abrigo negro antes de saír da Moncloa. Por primeira vez en moito tempo, facíao sen o seu círculo máis próximo. Non estaba Ábalos, atrapado nunha maraña de maletas ateigadas de billetes que xa non podía xustificar. Non estaban Koldo nin Cerdán, afundidos ata o pescozo en escándalos que el mesmo finxira non ver. Nin Bolaños, entretido en sacar lustre ao seu líder a costa do que fose: negar evidencias, atacar ás institucións, xuíces, etc. Nin sequera a súa muller, Begoña, o acompañaba; demasiado ocupada explicando aos xuíces como obtivera o seu máster, ese que ninguén recordaba terlle concedido ou participado.

Só. Pero consciente de que atrás deixaba todo ben atado. A onde ía, non tanto.

O coche arrancou con suavidade, deslizándose polas rúas de Madrid baixo unha chuvia persistente, gris como o ánimo do presidente. Avanzaba lentamente entre un tráfico atrofiado, os limpavidros marcando o ritmo monótono da espera.

Entón viuos.

Carteis. Xigantescos, estratexicamente colocados en cada punto neurálxico da cidade. Rostros serenos, firmes. Slogans directos, eficaces. “Liberdade.” “Madrid funciona.” “España non se rende.”

Ayuso.

Sánchez frunciou o cello e apartou a vista. Pero non podía evitar que cada un deses carteis lle recordase o que xa sabía: a súa imaxe estaba desgastada. Ayuso converterase nun símbolo, nunha espiña cravada no seu costado. Unha espiña que intentara sacarse utilizando á fiscalía e que todo parecía que fose estoupar no seu interior

O coche seguiu o seu camiño ata a base aérea de Torrexón. Alí esperaba o seu Falcon.


DESTINO: SUÍZA

O ceo sobre Xenebra era un manto de nubes densas, inmóbiles, pesadas. Como a carga que levaba enriba. Pedro Sánchez descendeu do avión cunhas lentes de sol que non eran necesarias. O día era gris, apagado, pero levábaas por costume. Un escudo entre el e o mundo.

Sabía que o recoñecerían. Unha mestura de orgullo e de temor axitábase no seu interior. Gustáballe que o mirasen, que bisbisen o seu nome nos corredores dos aeroportos internacionais. Pero aquel non era un deses momentos, non quería preguntas. Non aquí. Non agora.

Avanzou rápido, co queixo alto, sen se deter. Os seus escoltas, silenciosos como sombras, seguíano de preto.

Un coche negro esperaba. Subiu sen mirar atrás.

O condutor levouno a través da cidade, cruzando rúas elegantes e limpas, moi lonxe do ruído e da crispación de Madrid. Pero a pesar da serenidade suíza, Sánchez non podía relaxarse. Sabía a onde ía. Sabía con quen se ía atopar.

E, sobre todo, sabía cal era o seu papel.

A SOMBRA DE PUIGDEMONT

Era incrible. Inconcibible. E, porén, aconteceu.

Agosto de 2024. Paseo Lluís Companys, Barcelona.

Carles Puigdemont, fuxitivo da xustiza, exiliado en Waterloo, reapareceu da nada. Subiu a un escenario xunto ao Arco do Triunfo, na cidade condal, baixo a mirada atónita de miles de persoas. Non se agochaba. Non se disfrazaba. Non precisaba maleteiros esta vez.

Alí estaba, cos focos sobre el, desafiando a todos. A policía, a Garda Civil, o Goberno.

Durante unha hora, falou de autodeterminación, de patria, de resistencia. Sabía que non lle pasaría nada. E así foi.

Cando rematou o seu discurso, baixou do escenario con calma e desapareceu. Ningunha autoridade o detivo. Ningún corpo de seguridade moveu un dedo.

Horas despois, estaba de volta en Waterloo, riíndose de España. Ríndose de todos.

A mensaxe era clara: xa non era un fuxitivo. España, en mans de Sánchez, concedéralle un salvoconduto invisible. El tiña agora o poder.

A REUNIÓN

Suite privada nun hotel con máis historia ca publicidade. Os grandes acordos internacionais asíñanse en despachos oficiais; as verdadeiras traizóns, en lugares coma este.

Carles Puigdemont chegou primeiro. Sorría coa confianza propia de quen se sabe invulnerable.

Oriol Junqueras chegou despois, corpulento, imperturbable. Cunha presenza solemne, case eclesiástica, parecía un bispo ortodoxo ou un sacerdote de calquera aldea pagès.

E Pedro Sánchez era o seu refén.

—Pedro, Pedro… Qui ets sense nosaltres?(1) —dixo Puigdemont, cun sorriso que mesturaba burla e condescendencia, mentres lle tendía a man e o convidaba a sentar.

Junqueras riu con tranquilidade, coma quen xa ten a partida gañada.

—Un político calquera. Un cadáver político, máis ben. Aínda que, claro, un dels nostres (2), non? Sempre o soubemos, só que ás veces parece que se che esquece…

Sánchez non respondeu. Limitouse a asentir nos momentos oportunos mentres tomaba asento. Levaba anos desempeñando este papel. Sabía que o desprezaban, pero iso non importaba mentres lle garantisen o único que realmente lle interesaba: seguir sendo presidente. Ese era o prezo.

Puigdemont tomou a iniciativa.

—Sigamos co plan. O referendo será o último paso, pero antes temos que facer que pareza inevitable. Hai que seguir debilitando o Estado, transferindo competencias clave. Seguridade, inmigración, facenda… Iso xa está. Ti seguirás facendo ver que te resistes, que é imposible constitucionalmente, pero ao final cederás. Como sempre.

Junqueras interveu cun ton de sabedoría irónica.

—Non necesitamos proclamas, Pedro. Xa temos o control financeiro, o territorio, a narrativa. Só falta a guinda. E, claro, iso farémolo co teu toque tan característico: facendo ver que non é unha cesión, senón unha solución. Como sempre fixeches, non? O imprescindible de sempre, pero que nunca se inmola. Para iso xa estamos nós. Ti, Pedro, es un dels nostres, lembra. Un dels nostres.

Sánchez asinte, sen convicción. Sabe que calquera obxección sería inútil. Está alí para recibir ordes, non para dalas.

Puigdemont inclínase sobre a mesa e, cun sorriso condescendente, dálle dous golpiños na boneca.

—Ben, Pedro, xa te chamaremos cando toque. Que a cousa segue. Venga.

Sánchez aperta os beizos.

Junqueras, ao seu lado, sorrí con certo desprezo nos ollos.

—Ah —di Puigdemont mentres se levanta—, dálle recordos a Illa. Debe de estar desfrutando moito no Palau… aínda que todos sabemos que non manda nin no seu despacho.

Junqueras ri con complicidade.

—Si, si, que nolo coide ben. Pronto necesitarémolo.

A risa de ambos queda flotando no aire mentres Sánchez se levanta, sen responder. Sabe que xa non é máis que un peón nun taboleiro que outros moven ao seu antollo.

Fóra, as luces de Xenebra tremelican na noite. Dentro da habitación, asínase a sentenza dun país.



-------------------------------------------------

(1)   Quen es ti sen nós?
(2)  Un dos nosos

-------------------------------------------------

Nota: Este texto, por suposto, é completamente ficticio. Os personaxes son reais, claro, pero a trama é unha invención total, tan afastada da realidade como un conto de fadas. Non?






Juan Tallón mergúllanos nunha historia intrigante cun punto de partida potente: un empresario funerario, Antonio Hitler, obsesionado co éxito, que ve como a súa realidade se esborralla inexplicablemente tras alcanzalo. A premisa é atractiva, e o xogo con identidades paralelas, realidades distorsionadas e saltos no tempo engade complexidade á narración. Porén, aínda que a novela ofrece momentos de gran destreza estilística e situacións que convidan á reflexión, deixa unha sensación de inconsistencia.

A alternancia entre os dous Antonios —o empresario e o director do museo— resulta interesante, pero nalgúns momentos pouco crible. O primeiro, violento, drogadicto e presuntuoso, está sometido aos seus vicios, inseguridades e á sombra do seu pai. O segundo, en aparencia un home culto e respectado, non é máis ca un corrupto cunha boa imaxe pública. Tallón xoga coa ambigüidade e as aparencias, pero a estruturak da novela, con capítulos que oscilan entre ambas realidades, xera máis desconcerto ca profundidade.

A nivel temático, a novela explora a nostalxia, a identidade, as relacións, a fraxilidade e a superficialidade da vida e do éxito. Máis ca un home de negocios ambicioso, Antonio semella un nostálxico atrapado no seu propio pasado. Talvez esa sexa a intención do libro: transmitir o carácter relativo da realidade e a inestabilidade da identidade. Porén, na práctica, a historia ás veces semella desnortada e sen un fío condutor claro. No medio deste caos, Irene, a súa filla, é quizais o único elemento que mantén certa consistencia na súa vida, un punto de ancoraxe nunha realidade que se esborralla.

Un punto a favor é a ambientación, con referencias concretas a Ourense e personaxes recoñecibles na vida real, como cando relata que viu ao expresidente da Deputación, a quen retrata entrando ás agochadas no Hotel San Francisco cunha camisa hawaiana e lentes de sol, ou cando Antonio mantén unha reunión coa directora da Biblioteca Nós. Estes detalles achegan un toque de ironía e reforzan o contraste entre o realismo e a confusión que vive o protagonista.

En definitiva, O mellor do mundo formula cuestións interesantes e conta coa solvencia narrativa de Tallón, pero o seu desenvolvemento deixa unha sensación de desconcerto. A prosa é brillante e os personaxes están ben construídos, pero o conxunto non sempre acada unha cohesión que sosteña a historia.





O Goberno de Sánchez, refén de Puigdemont: unha cesión máis no seu pacto de supervivencia

O último acordo entre o Goberno e Junts, polo cal Cataluña asumirá competencias en materia de inmigración e control de fronteiras, non é máis ca unha nova entrega na venda progresiva do Estado que Pedro Sánchez está disposto a consumar con tal de se manter no poder. Unha cesión que responde, non a unha necesidade dos cidadáns nin a un interese xeral, senón á aritmética parlamentaria e á chantaxe permanente de Carles Puigdemont.

Dende o golpe fallido de 2017, o independentismo adoptou unha estratexia máis insidiosa pero igual de efectiva: se non poden romper España dun só golpe, farano anaco a anaco. A entrega de competencias en inmigración encaixa perfectamente neste esquema. A Generalitat, que xa actúa coma se fose un Estado dentro do Estado, agora terá aínda máis ferramentas para reforzar o seu relato soberanista. Controlar quen entra e quen sae, decidir sobre as devolucións de inmigrantes e expedir documentos de identidade para estranxeiros en solo catalán non son meros trámites administrativos: son símbolos de soberanía. E Sánchez, na súa desesperación por seguir na Moncloa, volveu cruzar outra liña vermella.

O argumento do PSOE para xustificar este acordo é, cando menos, inquietante. Segundo os socialistas, o 18% da poboación en Cataluña é estranxeira e un 24% naceu fóra, o que xustificaría a necesidade dunha xestión propia da inmigración. Dende cando unha maior presenza de inmigrantes nunha rexión xustifica que esa rexión asuma competencias exclusivas en materia migratoria? De aceptar esta lóxica, calquera comunidade autónoma cunha poboación estranxeira significativa podería reclamar o mesmo trato. Pero non o farán, porque esta cesión non responde a criterios técnicos, senón á presión política dun independentismo que considera que os inmigrantes que chegan a Cataluña non deben ser xestionados polo Estado español, senón pola súa futura “república”.

O máis preocupante de todo isto é o arrecendo supremacista da medida. Resulta irónico que aqueles que pasaron anos denunciando as políticas migratorias de Donald Trump agora exixan un control máis férreo sobre quen pode entrar ou permanecer en Cataluña. A diferenza é que, neste caso, non se trata dun rexeitamento á inmigración en xeral, senón dun filtro de conveniencia: os independentistas deixaron claro en máis dunha ocasión que prefiren aqueles inmigrantes que “se integren” no seu proxecto nacionalista. Non é unha cuestión de dereitos, senón de identidade.

Pero se o contido do acordo xa é escandaloso, aínda o é máis a maneira en que se presenta. A pesar de que numerosos expertos o consideran manifestamente inconstitucional, o Goberno e Junts maquillárono como un simple “acordo de colaboración”, evitando deliberadamente recoñecer a cesión de competencias que realmente supón. Un eufemismo máis na longa lista de trampas lingüísticas ás que o sanchismo nos ten afeitos.

E todo isto chega apenas uns días despois da condonación de 17.000 millóns de euros da débeda catalá, outro agasallo do Goberno aos independentistas. Un xesto que, lonxe de se traducir en estabilidade ou lealdade institucional, non serviu máis ca para reforzar a idea de que a chantaxe funciona. Junts, con Puigdemont manexando os fíos dende Waterloo, segue marcando o rumbo dun Executivo que cada día se parece máis a unha sucursal do separatismo.

Sánchez segue cedendo. Faino coa amnistía, co financiamento, coa xustiza e agora coa inmigración. Cada concesión non é máis ca outro paso na descomposición do Estado. Pero o peor non é que o independentismo continúe a súa folla de ruta; o verdadeiramente escandaloso é que o Goberno de España sexa o seu principal aliado no proceso.



Europa atópase nunha encrucillada histórica. Mentres moitos insisten en que non estamos en guerra porque non hai tropas europeas loitando directamente contra Rusia, a realidade é outra: Europa xa está en guerra. Estáo desde o momento en que financia, arma e respalda política e estratexicamente a Ucraína na súa loita contra Moscova. Estáo porque impuxo sancións económicas sen precedentes, porque rompeu as súas relacións comerciais con Rusia e porque adoptou unha postura de confrontación que a converte, aos ollos de Putin, nun actor belixerante.

O problema é que, aínda que estamos en guerra, non estamos actuando como se o estivésemos. A tibieza dos gobernos europeos, as divisións internas dentro da UE e a falta dunha estratexia clara leváronnos a un escenario perigoso: participamos no conflito, pero sen asumir completamente as súas implicacións. Mentres Rusia mobilizou a súa economía e a súa sociedade para a guerra, Europa segue con debates burocráticos e atrasos na entrega de axuda militar. Canto tempo máis pode sosterse esta incoherencia?

Europa, sempre desexada, sempre indecisa

A situación actual non é nova. Europa foi, ao longo da historia, un continente cobizado, un espazo de riqueza cultural, económica e estratéxica que sempre estivo na mira dos grandes poderes. A súa falta de firmeza á hora de defenderse non é unha novidade. Pasou no século XX, pasou antes e pasa agora.

O mito grego do rapto de Europa ilustra ben esta vulnerabilidade. Europa, na lenda, era unha princesa fenicia cuxa beleza cautivou a Zeus. Para facerse con ela, o deus supremo transformouse nun manso touro branco e, coa súa aparente docilidade, conseguiu que Europa confiase nel. Só cando xa estaba sobre o seu lombo comprendeu a verdade: era un engano, e Zeus levábaa á forza a Creta, lonxe do seu fogar e de calquera posibilidade de resistencia.

Europa, no seu significado mitolóxico e na súa realidade histórica, sempre foi un obxectivo. Non é só unha cuestión de territorios, senón de valores, de influencia, de poder. E como a princesa fenicia, a nosa Europa contemporánea parece incapaz de comprender que está sendo arrastrada sen que a súa vontade importe demasiado. Non ten o control, non toma decisións firmes e segue sendo o botín de quen ten máis visión estratéxica e máis determinación.

Hoxe, o touro xa a tomou e arrástraa cara a un destino incerto. E, como daquela, Europa dubida, teme, non reacciona.

As leccións da historia: a antesala dun conflito maior

Se observamos o pasado, atopamos demasiadas similitudes coas situacións previas ás dúas guerras mundiais. Antes de 1914, Europa estaba dividida en bloques, cunha carreira armamentista en marcha e conflitos rexionais que prefiguraban un choque maior. Hoxe, a OTAN e a UE están aliñadas contra Rusia, mentres Moscova reforza os seus lazos con China, Irán e Corea do Norte. Como na Primeira Guerra Mundial, achegámonos a un punto de ruptura onde un só incidente podería desatar un conflito aínda maior.

O caso da Segunda Guerra Mundial é aínda máis revelador. Nos anos 30, as democracias occidentais enganábanse crendo que podían evitar a guerra cedendo ante Hitler. Cada concesión —Renania, Austria, Checoslovaquia— só fortaleceu a súa posición ata que foi demasiado tarde para detelo sen un custo catastrófico. Acaso non estamos vendo algo semellante con Rusia? En 2014, Occidente permitiu a anexión de Crimea sen maiores consecuencias. Agora, tras dous anos de guerra en Ucraína, seguimos sen unha estratexia clara para frear a expansión rusa.

Trump, China e a nova orde global

Co regreso de Donald Trump á Casa Branca, o panorama xeopolítico xa cambiou radicalmente. Trump non ocultou o seu escepticismo sobre o apoio incondicional a Ucraína e insinuou que Europa debe asumir unha maior responsabilidade na súa defensa. Ao mesmo tempo, hai sinais de que podería tentar atraer Rusia ao seu lado na súa verdadeira gran batalla: a confrontación con China. Se Trump logra romper o eixo Moscova-Pequín, o taboleiro global cambiaría por completo. Pero se fracasa, o conflito entre bloques endurecerase aínda máis.

En calquera caso, Europa non pode seguir esperando pasivamente a ver que decide Estados Unidos. Debe asumir que o mundo entrou nunha fase de confrontación global e que xa non é suficiente con sancións ou axudas parciais. Se queremos defender os nosos valores e a nosa seguridade, debemos actuar en consecuencia.

Europa debe espertar

É hora de deixar de finxir que non estamos en guerra. Estamos, e seguir actuando como se non o estivésemos só nos debilita. Europa debe abandonar a súa indecisión, reforzar a súa capacidade militar e preparar a súa sociedade para un escenario que, nos guste ou non, xa está en marcha. A historia ensinounos que a inacción só conduce ao desastre. E hoxe, como no pasado, o prezo de non facer nada podería ser demasiado alto.

Se Europa non quere ser, unha vez máis, a princesa raptada da historia, debe espertar antes de que novos touros a leve demasiado lonxe.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.