“El prisioneiro de Zenda” de Anthony Hope é unha desas novelas que te atrapan dende as primeiras páxinas, non só pola historia, senón por esa calidade que fai que nunca envelleza. Publicada en 1894, é un claro exemplo de como o xénero de aventuras pode transcender épocas e lectores. A trama, ambientada na Europa imaxinaria de Ruritania, combina amores imposibles, heroes valentes, viláns carismáticos e unha intriga palaciega que mantén a calquera en vilo.
Este exemplar comprei no rastro que se celebra na Praza Maior de Ourense os primeiros domingos de mes. É unha edición de 1987 de Planeta (hoxe precisamente entrega os seus premios), o que engade un toque especial á experiencia de lelo.
O que máis me encantou da novela é a súa capacidade para transportarte a un mundo de duelos, conspiracións e grandes sacrificios, todo nun entorno tan detallado que parece real. Un verdadeiro e clásico libro de aventuras. Rudolf Rassendyll, o protagonista, é un gentleman que, por accidente, se ve envolto na trama dun reino estranxeiro, e a súa relación imposible coa princesa Flavia engade unha capa de emoción e traxedia que lle dá profundidade á historia.
Ademais, a novela non só é unha gran aventura, senón que tamén destaca pola complexidade dos seus personaxes. O antagonista, Ruperto de Hentzau, é un vilán fascinante: elegante, perigoso e cheo de carisma.
“El prisioneiro de Zenda” é, sen dúbida, unha desas historias que non deberían faltar na vida de calquera lector, pois ten o poder de facernos soñar e vivir grandes aventuras. Unha auténtica delicia.