Ás veces, os políticos sitúanse en polos ideolóxicos opostos, pero os seus discursos revelan coincidencias sorprendentes. É o caso dos recentes artigos publicados en La Región por Rosendo Luis Fernández (deputado provincial do PP e presidente do INORDE) e Álvaro Vila Araujo (alcalde de Taboadela, voceiro socialista na Deputación de Ourense e secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense). Aínda que se presentan como antagonistas, ambos recorren á mesma estratexia: enxalzar os supostos logros propios e botar toda a culpa sobre o adversario, sen asumir nin unha mínima parte de responsabilidade nos problemas que denuncian.
![]() |
¿La economía del cohete? |
Rosendo Fernández carga contra o relato triunfalista do Goberno sobre a economía, preguntándose como se pode falar dun “foguete económico” mentres Ourense segue á cabeza dos indicadores de pobreza e entidades como Cáritas están desbordadas. Neste punto non lle falta razón: existe unha fenda evidente entre as cifras macroeconómicas e a realidade cotiá de moitas familias. Pero o que omite é que o PP, o seu partido, foi protagonista durante décadas na xestión pública que contribuíu a esa situación: envellecemento, despoboamento, desindustrialización… O deterioro non comezou onte.
Desde a esquerda, Álvaro Vila responde con dureza, acusando a Rosendo Fernández de cinismo e sinalando o fracaso de modelos clientelares como o que representa o INORDE — organismo que preside o propio Rosendo —, ao que lle atribúe ter consumido millóns sen transformar a economía local. Cita a perda de máis de 130.000 habitantes en medio século como proba do fracaso estrutural. Pero o seu discurso, aínda que ben articulado, tamén require importantes matices.
![]() |
O cinismo na política ourensá |
Moitos dos logros económicos que Álvaro Vila parece atribuír ao actual Goberno central son, en realidade, resultado de inercias pasadas e de factores externos. Unha parte significativa do crecemento recente do PIB débese a reformas estruturais realizadas en etapas anteriores —como a reforma laboral de 2012, durante o goberno de Rajoy— ou ao contexto europeo favorable: baixos tipos de xuro, estímulos do BCE e transferencias da UE. Lonxe de ser froito dunha estratexia transformadora propia, o crecemento sostense nun modelo baseado no consumo público, na débeda e nos fondos europeos, que, lamentablemente, non se traduciron nunha economía máis competitiva nin nun cambio estrutural real, tal como se anunciara no seu momento. Cómpre lembrar, ademais, que levamos dous anos sen orzamentos e un terceiro en camiño con expectativas similares. Presumir de economía resulta, cando menos, bastante curioso.
A isto súmanse as crecientes dúbidas sobre a sustentabilidade do modelo actual. A presión fiscal aumentou, sen que iso se teña traducido en melloras palpables nos servizos públicos como a sanidade, a educación, o transporte ferroviario ou os modelos produtivos. Créanse novos impostos —ás grandes fortunas, ás plataformas dixitais, ás enerxéticas— que distorsionan o investimento e xeran incerteza. Mentres tanto, aliméntase un relato baseado nunha redistribución máis simbólica e propagandística ca efectiva, que acaba prexudicando máis ás clases medias e traballadoras ca aos grandes capitais. Todo isto, lonxe de ser xustiza social, convértese para moitos nunha forma de dependencia do Estado, máis que nun verdadeiro empoderamento cidadán.
E a todo isto engádese o máis preocupante: a deixadez, o inmobilismo e o silencio dos nosos representantes cando máis falta fan, cando —creo eu— é precisamente a súa obriga e compromiso alzar a voz. Agás, claro está, que se limiten a repetir o que se lles indica desde arriba. Cando os nosos dereitos, as nosas leis, as nosas institucións —e, con elas, o noso futuro— se manipulan, se negocian e se mercadean nos despachos por un feixe de votos, onde están eles? Cando se xoga co equilibrio territorial e se intercambian favores en nome dunha gobernabilidade sen principios, quen defende a provincias como a nosa? Cando a despoboación se agrava e a actividade produtiva se afunde, por que calan ou, peor aínda, obedecen dócilmente aos “popes” dos seus partidos? É descorazonador. É indignante.
Por iso preocupa que ambos dirixentes, nas súas respectivas intervencións, repitan un patrón moi semellante: falar só do que incomoda ao adversario e calar aquilo que compromete o propio partido. Rosendo Fernández ignora o papel do INORDE nesta historia de estancamento; Álvaro Vila omite os “cambios de criterio” do Executivo ao que representa, incluídos pactos cuestionables, cesións políticas e unha presión fiscal que asfixia sen transformar.
A política provincial e estatal caeu na trampa dos relatos prefabricados, os reproches cruzados e a ausencia case total de autocrítica. E iso ten consecuencias: mocidade que marcha, proxectos que se eternizan, servizos que se precarizan, infraestruturas que non chegan. Fartura, desilusión e, como resultado, un deterioro social e democrático cada vez máis evidente. E, sobre todo, unha cidadanía que comeza a desconfiar non só dos políticos, senón da posibilidade mesma dun cambio real.
Nun punto, Rosendo Fernández e Álvaro Vila coinciden: ambos denuncian —cada un á súa maneira— a fenda entre o relato oficial e a realidade. Pero o que deberían compartir non é só a crítica, senón o compromiso de construír algo distinto. De asumir responsabilidades propias. De atreverse a formular reformas serias, profundas e duradeiras. Eles, e os seus partidos. Non discursos de ocasión nin propaganda partidaria.
Queremos menos cinismo e máis compromiso. Porque a economía non despega se non aterra nos fogares. Porque non é xusto culpar sempre ao outro cando un tamén levou o timón.
E si, tamén os cidadáns debemos asumir parte da culpa: por mirar cara a outro lado, por non esixir máis, por non esixírmonos máis, por resignármonos. Pero esa responsabilidade compartida non pode servir de escusa para seguir adiando as decisións que realmente importan.
Teño a sensación —en realidade, a certeza— de que o que moitos políticos buscan é gañar adeptos ás súas posicións e inimigos encarnizados das contrarias, sen admitir a alternancia. E, polo tanto, sen defender un dos principios básicos de calquera democracia. Buscan seguidores (moi ao estilo das redes sociais), porque saben que un gran número deles defenderá a súa posición á marxe de calquera feito, argumento ou idea que contradiga o relato oficial do seu bloque.
Pois niso estamos.