Gañadora do prestixioso Premio Planeta 2024, “Victoria” é unha novela que cativa pola combinación dunha trama intensa e emocionante cunha análise profunda das tensións históricas e humanas do mundo tras a Segunda Guerra Mundial. Paloma Sánchez-Garnica tece con mestría a historia da súa protagonista, Victoria, unha muller forte que loita por saír adiante nun Berlín devastado e, máis tarde, nos Estados Unidos, un país que aparenta ser a “terra prometida” pero que tamén enfronta as súas propias sombras.

A autora non só destaca as fendas nas sociedades da época, como o racismo enraizado nos Estados Unidos e a persecución do macartismo, senón tamén as semellanzas coa Alemnia nazi que perdera a guerra. Estas problemáticas, lonxe de ser só un recordo do pasado, seguen resoando na nosa realidade actual. A loita pola igualdade, a manipulación da verdade e a intolerancia son temas que aínda persisten, o que converte a novela nunha reflexión vixente sobre como o odio e a división se repiten ao longo da historia.

Ademais, o retrato das relacións entre Victoria, a súa filla Hedy e a súa irmá Rebecca achega unha dimensión profundamente humana. Os sentimentos encontrados de amor, resentimento, envexa, perdón e solidariedade reflicten as complexidades das relacións familiares en tempos de crise, converténdose nun espello dos dilemas emocionais que todas e todos enfrontamos.

Victoria non é só unha novela histórica; é unha obra que conecta co presente ao mostrar as similitudes e contradicións entre diferentes momentos históricos. Esta novela non só entretén e engancha á persoa lectora, senón que tamén a desafía a reflexionar sobre canto avanzamos e canto queda aínda por superar.


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.