“Pel de cordeiro” de Ledicia Costas é unha novela que me gustou moitísimo e sorprendeume gratamente. Coñecía a Ledicia Costas polo seu traballo na literatura infantil e xuvenil, pero esta obra para adultos amosa unha gran habilidade para mergullarnos nunha historia chea de misticismo, realismo e crítica social.

A trama desenvólvese en dúas épocas diferentes, unindo as vidas de Catalina e Lola, dúas mulleres separadas por máis de dous séculos pero conectadas por experiencias de resistencia e transformación. Na primeira parte, sigo a historia de Catalina, unha moza que medra nunha Galicia rural, analfabeta e máxica, onde a morte e a maxia están sempre presentes. Fascinoume como Costas describe este mundo ancestral, cheo de sabedoría popular e do poder das plantas medicinais, un coñecemento que Catalina herda da súa avoa. A ambientación escura e chea de rituais e conxuros absorbeume por completo, e a autora denuncia as inxustizas que sufriron moitas mulleres por practicar estas artes nunha sociedade que as perseguía e temía.

A segunda parte da novela, centrada en Lola, transpórtanos ao século XXI e, nun primeiro momento, parece romper coa atmosfera creada na historia de Catalina. Sen embargo, axiña me conectei con Lola e coa súa crise persoal: a ruptura da súa relación, as súas dúbidas sobre a maternidade e o colapso emocional que a leva a cuestionarse toda a súa vida. Costas aborda temas como a violencia obstétrica e a vulnerabilidade das mulleres no sistema de saúde (deixando ao hospital de Ourense nun mal lugar), e sentín que a historia de Lola ofrece unha reflexión profunda sobre a busca de identidade e a necesidade de sanar, tanto emocional como fisicamente.

A pesar dos momentos duros e crús, a narrativa envolvente de Costas atrapoume por completo. A conexión entre as loitas destas dúas mulleres, separadas no tempo pero unidas no seu desexo de liberdade e de desafiar o destino, fai que a historia sexa conmovedora e que sexa imposible deixar de ler.

“Pel de cordeiro” é unha lectura que recomendo moitísimo. Non só entretén, senón que tamén invita a reflexionar sobre a historia, a forza das mulleres e os desafíos persoais que todos e todas enfrentamos. Para quen estea interesado, pode atopala na Biblioteca Pública Municipal de Taboadela


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.