«Tonto, muerto, bastardo e invisible» é unha novela que, con lucidez e unha feroz crítica social, explora as contradicións da condición humana e da sociedade contemporánea. Nel, Juan José Millás preséntanos a un home que, ao perder o seu traballo como alto executivo, decide reinventarse nun mundo onde a imaxinación é o seu único refuxio. O protagonista disólvese nunha sucesión de identidades (o tonto, o morto, o bastardo e o invisible), atravesando unha trama de surrealismo e absurdo que reflicte a deshumanización dun sistema que premia a mediocridade.
A través da parodia e o sarcasmo, Millás expón as contradicións da sociedade. Critica a sociedade, a hipocrisía, a mediocridade, a política, especialmente aos socialdemócratas, que segundo o protagonista, “se caracteriza por ser a única filosofía da vida que permite facer o contrario do que predica en nome do que predica”, é unha ironía que amosa o absurdo do discurso fronte á realidade. Esta reflexión parece cobrar unha sorprendente relevancia nos tempos actuais, a raíz das recentes declaracións de Aldama e da actuación de Sánchez e o seu goberno.
O humor negro e a introspección son esenciais nesta novela, onde as relacións familiares e as emocións humanas explóranse nun ton irónico. A través da súa esposa, un médico forense, e o seu fillo, cuxo heroe é o enigmático Olegario, Millás cuestiona as motivacións e o sentido das relacións persoais. Os momentos de baixa autoestima e de altiveza amosan as contradicións internas do protagonista, mentres se enfronta a unha existencia vacía e desconectada.
Os personaxes e elementos fantásticos, como a boneca china que non o é e quere ir a Dinamarca, a bruxa, “Luis, o huelemierda”, reforzan a atmósfera surrealista da novela, onde nada é o que parece. Estes elementos convértense en símbolos dunha realidade distorsionada que reflicte as debilidades e frustracións do ser humano.
A novela é un exemplo claro do talento único de Millás para crear historias que non só entretementen, senón que provocan unha reflexión profunda sobre a natureza da nosa existencia.
Un libro curioso. Un bo libro. Un libro de Millás.