Despois de estar en Figueiredo, collin unha pista estreita cara a Golpellas, máis concretamente a Santa Baia de Golpellás. Foi un traxecto tranquilo, sen présas, gozando do silencio que envolvía a paisaxe, só interrompido por unha liña de ferrocarril que, ao igual que o entorno, parecía esquecida polo tempo. Despois de percorrer apenas dous quilómetros, cheguei ao meu destino. Primeiro, recibiume un sinxelo cruceiro e, máis adiante, un precioso cabalo.

Nese lugar, onde o silencio o domina todo, atópase primeiro a reitoral e, pegada a ela, a igrexa xunto a un impoñente ciprés.

A igrexa de Santa Baia de Golpellás é un templo barroco de planta rectangular, co ábsida lixeiramente elevado respecto á nave. A nave está protexida por unha cuberta a dúas augas, mentres que o ábsida, de maior altura, acóllese baixo unha cuberta a catro vertentes. Os seus muros están construídos en perpiaño granítico de boa calidade na modalidade de opus quadratum. A fachada principal conta cun único oco: a porta de acceso, baixo un arco escarzano que marca o seu eixe de simetría. Esta remátase en altura cunha estilizada espadaña de forma piramidal e dous corpos, que acolle dúas campás na sección inferior, deixando libre o superior, acompañado por pináculos e edículos ornamentais.

A reitoral é un edificio de planta poligonal e dúas alturas, cunha cuberta a catro augas de tella do país. Presenta pequenas ventás de dobre folla ubicadas de maneira equidistante. O paramento está constituído por perpiaño concertado na modalidade de opus vittatum no andar residencial, combinado con opus incertum no andar inferior. O elemento máis singular do inmoble é unha torre rectangular, levantada integramente en opus quadratum e cuberta a catro augas, de tres plantas, que se ergue nun dos extremos do edificio, ofrecendo boas vistas ao templo e ao atrio parroquial. O edificio conta cun amplo terreo de cultivo anexo, delimitado por un muro de pedra de 1,5 metros de altura, e posúe algún módulo en mampostería adosado ao edificio principal que distorsiona a visualización dos volumes orixinais. A cronoloxía máis probable do inmoble é do último cuarto do século XVII ou primeiro do XVIII. Nesta casa vive e traballa actualmente o pintor Baldomero Moreiras.

Desde este lugar, a visión é extensa, coma unha gran cartografía: Taboadela na lonxanía, a parte alta de Barbadás, ao fondo Dozón e Serra Martiñá; cara á dereita, na estela dunhas montañas picudas, intúese San Pedro de Rocas.

O pintor Baldomero Moreiras leva vivindo e traballando nesta reitoral durante máis de 30 anos. Nunha entrevista con La Región, comentou que o lugar o atrapou polo seu illamento e beleza natural. Dende entón, vive alí en plena natureza, nunha rutina de silencio, cunha pequena horta e adicado á pintura.

Despois de dar voltas, mirar e sacar fotos, escoitar e falar un anaco co meu anfitrión, con aquel cabalo que me recibiu e que de vez en cando deixaba de comer para prestarme algo de atención, decidín sentarme no maleteiro do meu coche a gozar da inmensa quietude que todo o invadía e da magnífica luz que unha tormenta anunciada vestía todo.























Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.