A novela “Con estas manos: Los años del acero” lévanos á vida de Alfonso, un mozo que renuncia á súa identidade tras a Guerra Civil Española para converterse en Dieter Reich, un "superhome ario" (Ubermensch) ao servizo das SS, do Terceiro Reich. A través da ollada dun criminal sen remordementos, o lector percorre episodios escuros da historia do século XX, desde as atrocidades no fronte oriental da Segunda Guerra Mundial ata as loitas de poder no corazón do réxime nazi.
O relato comeza cun elemento intrigante: un paquete que un carteiro galego debe entregar nun nicho do cemiterio. O destinatario, unha muller falecida, recibe unha carta escrita polo seu fillo, condenado a morte nunha prisión de Texas. Este misterio inicial serve como punto de partida para unha historia que abarca a caída da República en España, Stalingrado, os campos de exterminio como Treblinka, os guetos de Varsovia, entre outros eventos históricos.
Con todo, a pesar dos elementos dramáticos e bélicos que contén a trama, o libro parece perderse no seu intento de manter unha narrativa atractiva. Ao longo da historia, a insistencia en retratar o protagonista como un "superhome ario" malo, malísimo, acaba por resultar repetitiva, sen achegar unha maior profundidade ao seu carácter. A intención de resaltar a súa maldade e frialdade opaca calquera complexidade que podería facer máis interesante o personaxe, que non chega a definirse de maneira clara.
Así mesmo, o estilo do autor, cargado de adxectivos, tecnicismos e unha inmensa cantidade de datos, contribúe a que a lectura se volva densa e pouco fluída. Ademais, a influencia de películas de acción como “Capitán América”, “Rambo” ou “Depredador” é evidente, o que dá a sensación de que a novela foi escrita pensando máis nunha futura adaptación cinematográfica ou televisiva que na creación dunha obra literaria sólida.
En definitiva, “Con estas manos: Los años del acero” é unha novela cun fondo histórico importante, pero que non logra despegar do todo. Aínda que o tema e o contexto son potentes, a execución narrativa non conseguiu captar completamente a miña atención. Para quen goce dunha mestura entre ficción bélica e personaxes extremos, pode ofrecer momentos interesantes, pero para outros, o exceso de detalles, a falta de profundidade no protagonista e unha trama pouco consistente poden resultar frustrantes.