Codesás un tranquilo recuncho na parroquia de Quins, dentro do municipio de Melón en Ourense, preséntase hoxe dividido en dúas localidades distintas: Codesás Vello e Codesás Novo. A pesar da breve distancia que os separa, apenas 100 metros de asfalto, estas dúas partes do pobo parecen existir en diferentes épocas e estilos. En diferentes vacios.

En Codesás Novo, unhas 25 casas están rodeadas por campos de cultivo. Aquí, un conxunto de elementos patrimoniais recibe aos visitantes, incluíndo un peto de ánimas con dúas cruces flanqueándoo, coñecido como o Calvario de Codesás, cuxa inscrición data de 1851. Ao seu lado, atópase unha pequena eira de hórreos en un estado de conservación bastante bo. Estes son os primeiros dos moitos que nos atoparemos en Codesás

Continuando pola estreita estrada, chegamos ás ruínas do que unha vez foi unha fermosa aldea. Segundo ia camiñando atopeime cunha veciña que estaba atendendo a sua leira e coa que conversei sobre este lugar que fai anos que se atopa baleiro, sen xente nas súas casas. Os últimos habitantes, contoume esta muller, foron os seus sogros e que faleceron hai polo menos 40 anos. O  demais veciños faleceran antes ou abandonaron o lugar. Isto ocorreu facía, polo menos, 70 anos segundo esta boa muller.

É este un lugar fermosisimo que no outono resulta especialmente máxico debido a que a natureza realza todos os rincons deste lugar de maneira esaxerada. As construcións presentan unha diversidade de estilos e materiais, combinando pedra, ladrillo e madeira. Algunhas conservan a estrutura típica do Ribeiro, mentres que outras revelan indicios de ser maxestosas construcións de pedra no pasado. Algúns hórreos asoman entre a vexetación como recordos dunha época esquecida.

Os carreiros entre as casas aínda se manteñen, e algunhas das edificacións utilízanse para resgardar colleitas ou trastos de todo tipo. Chama a atención o impoñente tamaño dalgunhas construcións, como a que se atopa ao final do pobo, culminada por un arco baixo que marca o antigo roteiro.

É relevante destacar que Melón e o seu histórico mosteiro formaban parte dun roteiro crucial que conectaba a costa de Galicia con Ribadavia, Ourense e a Meseta. Nas proximidades de Codesás, transcorría o antigo camiño real que conducía directamente a Francelos, a beiras do río Miño, nas proximidades de Ribadavia. Esto, sen dubida, dotou dese caracter "señorial" que trasloce Codesás.

É unha pena ver como este lugar, e moitos outros en Galicia, van desaparecendo de maneira silenciosa. E triste como un lugar como Codesás, co seu encanto e co seu significado histórico, con un interensante legado arquitectónico popular, invadido pola maleza, se vexa abandonado e sen que ninguén tome medidas para a súa conservación.































































Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.