A lectura de "El disfraz" e "Los años borrosos" de José María Pérez Álvarez (Chesi) permite apreciar dous rexistros narrativos moi distintos, aínda que atravesados por unha mesma maneira de entender a literatura como exploración do desorde e do humano.
En "El disfraz", a historia articúlase arredor de Antonio, propietario da “Ultramarinos Randulfe, Tiendas, 8, baixo”, inmerso nun “Ourense gris, provinciano, clandestino e triste” que define tanto o seu contorno como a súa propia forma de estar no mundo. A partir desa rutina aparentemente inamovible, o relato desestabilízase cando un antigo compañeiro o converte en personaxe dunha novela, o que desencadea un xogo de identidades cruzadas entre realidade e ficción. Desde aí, a narración ábrese a unha sucesión de situacións marcadas polo humor, o exceso e a desinhibición, onde o sexo aparece integrado como un elemento máis desa ruptura do cotián, sen solemnidade nin subliñado, dentro dun universo de personaxes contraditorios, a medio camiño entre o grotesco e o entrañable.
En "Los años borrosos", o ton desprázase cara a unha maior dureza. Os tres relatos que o compoñen sitúanse nunha España de posguerra dominada pola represión, a pobreza moral e a perda da inocencia. Nese contexto inclúense episodios de abuso de menores, tratados cunha franqueza narrativa que acentúa a violencia estrutural, a realidade das mulleres e a sordidez da época. A escrita vólvese máis contida, a veces difícil, sen concesións ao alivio humorístico, e orientada a mostrar unha realidade marcada pola degradación ética e social.
Estes dous relatos definen bastante ben como a obra de Chesi baséase nunha concepción da literatura como reconstrución do fragmentado. Os seus textos adoitan partir de estruturas non lineais, xogos temporais e cruces entre o real e o ficticio que obrigan o lector a recompoñer o sentido. Esta maneira de escribir dialoga cos seus referentes —Joyce, Kafka, entre outros— e cunha visión da vida entendida como algo inestable, cheo de bifurcacións, accidentes e fatalidades.
O seu estilo combina ironía, observación precisa e unha atención constante aos momentos nos que a realidade se desaxusta. Desde aí constrúe unha obra que transita entre o metaliterario e o humano, cunha forte conciencia do acto de escribir como forma de exploración e de explicación.
Sinalar, que como recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vínculo coa cidade, celebrarase un acto de homenaxe a José María Pérez Álvarez este sábado 9 de maio ás 11:00 horas no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde familiares, amigos, xornalistas e escritores repasarán a súa vida e a súa obra, estreitamente ligada a Ourense. Animo a todos a que vos acheguedes ata ali pois, sen dúbida, sera do mais interesante.

