A lectura de "El disfraz" e "Los años borrosos" de José María Pérez Álvarez (Chesi) permite apreciar dous rexistros narrativos moi distintos, aínda que atravesados por unha mesma maneira de entender a literatura como exploración do desorde e do humano.

En "El disfraz", a historia articúlase arredor de Antonio, propietario da “Ultramarinos Randulfe, Tiendas, 8, baixo”, inmerso nun “Ourense gris, provinciano, clandestino e triste” que define tanto o seu contorno como a súa propia forma de estar no mundo. A partir desa rutina aparentemente inamovible, o relato desestabilízase cando un antigo compañeiro o converte en personaxe dunha novela, o que desencadea un xogo de identidades cruzadas entre realidade e ficción. Desde aí, a narración ábrese a unha sucesión de situacións marcadas polo humor, o exceso e a desinhibición, onde o sexo aparece integrado como un elemento máis desa ruptura do cotián, sen solemnidade nin subliñado, dentro dun universo de personaxes contraditorios, a medio camiño entre o grotesco e o entrañable.

En "Los años borrosos", o ton desprázase cara a unha maior dureza. Os tres relatos que o compoñen sitúanse nunha España de posguerra dominada pola represión, a pobreza moral e a perda da inocencia. Nese contexto inclúense episodios de abuso de menores, tratados cunha franqueza narrativa que acentúa a violencia estrutural, a realidade das mulleres e a sordidez da época. A escrita vólvese máis contida, a veces difícil, sen concesións ao alivio humorístico, e orientada a mostrar unha realidade marcada pola degradación ética e social.

Estes dous relatos definen bastante ben como a obra de Chesi baséase nunha concepción da literatura como reconstrución do fragmentado. Os seus textos adoitan partir de estruturas non lineais, xogos temporais e cruces entre o real e o ficticio que obrigan o lector a recompoñer o sentido. Esta maneira de escribir dialoga cos seus referentes —Joyce, Kafka, entre outros— e cunha visión da vida entendida como algo inestable, cheo de bifurcacións, accidentes e fatalidades.


O seu estilo combina ironía, observación precisa e unha atención constante aos momentos nos que a realidade se desaxusta. Desde aí constrúe unha obra que transita entre o metaliterario e o humano, cunha forte conciencia do acto de escribir como forma de exploración e de explicación.

Sinalar, que como recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vínculo coa cidade, celebrarase un acto de homenaxe a José María Pérez Álvarez  este  sábado 9 de maio ás 11:00 horas no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde familiares, amigos, xornalistas e escritores repasarán a súa vida e a súa obra, estreitamente ligada a Ourense. Animo a todos a que vos acheguedes ata ali pois, sen dúbida, sera do mais interesante. 




Hai uns días, na última reunión do club de lectura, saíu o nome de Chesi, xunto co falecemento do autor en decembro de 2025. Case de inmediato, Maite comentou que tiña Las estaciones de la muerte e que era unha novela moi entretida. Prestouma, e acabei de rematala hai apenas unhas horas. E si, é entretida, pero sería inxusto quedarnos só con esa etiqueta.

Antes de nada, cómpre dicir que Chesi súmase a esa nómina de autores que lin recentemente e que convertiron Ourense —sobre todo o seu casco antigo— en territorio literario. A cidade non é aquí un mero decorado, senón un espazo vivo, recoñecible, case cómplice do que sucede. Nese sentido, lembroume ás novelas que lin recentemente de Tallón e Óscar M. Guzmán, que tamén sitúan a cidade no centro das súas historias, converténdoa nun microcosmos cargado de identidade e memoria. En Las estaciones de la muerte, Chesi preséntanos a un grupo de homes maiores, habituais do Liceo ourensán, que transitan os seus últimos anos entre rutinas, partidas de tute e conversas repetidas.

A premisa é tan sinxela como inquietante: don Eusebio, un dos protagonistas, ambiciona converterse en socio de honra do Liceo. O problema é que diante del hai outros máis vellos, máis antigos, máis “merecedores” por simple cuestión de idade e antigüidade. A partir de aí, a novela deslízase cara a unha trama que, en apariencia, podería lembrar ao xénero true crime, pero non. A este plantexamento súmase o feito de que na cidade actúa un asasino en serie que está acabando con anciáns de maneira inmisericorde e a un ritmo frenético. Con todo, pronto comprendemos que o interese do autor non está no suspense policial, senón nun territorio moito máis profundo. Chesi propón unha reflexión amarga sobre a vellez, a soidade e a desesperanza. Cando a vida parece reducida a unha sucesión de hábitos mecánicos, cando a esposa faleceu e os amigos comezan a desaparecer, a pregunta deixa de ser “qué facer” para converterse en “para que vivir”. Nese contexto cobra especial sentido unha frase que me gustou:

«O delito é vivir sen afáns; o delito é ir ao Liceo a xogar ao tute por mera costume de autómata; o delito é non atopar un resorte que nos extraia dunha mediocridade na que existir non é un reto, senón unha condena».

Ahí está o corazón da novela. Máis que un relato criminal, é a historia dunha fuxida desesperada da vellez entendida como condena. Don Eusebio constrúe unha sorte de xogo no que se outorga a si mesmo o poder de decidir sobre o destino dos demais, como se converterse nun pequeno deus puidese devolverlle a intensidade que sente perdida. Pero ese xogo remata desdibuxando a fronteira entre imaxinación e realidade. Non sei con certeza se o protagonista xa non distingue ambos planos ou se, no fondo, non quere distinguilos.

A novela é breve, áxil e está escrita cun humor que, lonxe de restar profundidade, a potencia. Fainos sorrir mentres nos enfronta cunha cuestión incómoda: que ocorre cando vivir deixa de ser un desafío e convértese en mera inercia? Chesi, fiel a esa súa idea de que «a vida interesa cando se desordena e aparece a literatura», constrúe unha historia na que o desorde non é só narrativo, senón tamén existencial.

Despois de lela, un comprende mellor por que foi unha obra recoñecida desde a súa publicación e por que o seu autor, sempre discreto e afastado do ruído mediático, foi considerado un dos grandes narradores contemporáneos galegos en castelán, como se indicaba no artigo publicado en La Voz de Galicia con motivo do seu falecemento. Las estaciones de la muerte é unha novela que entretén, si, pero, sobre todo, invita a reflexionar máis do que parece á primeira vista. E quizais esa sexa a súa maior virtude.




No sur da provincia de Ourense, no concello da Merca, situado dentro da comarca de Celanova e Baixa Limia, escóndese unha das xoias mellor conservadas e máis representativas do románico galego: a igrexa de San Pedro de A Mezquita. A súa situación, a só uns 15 quilómetros da cidade de Ourense, permite un acceso doado dende autoestrada A-5 a Rante dirixímonos cara A Telelleira (Concello de Taboadela) e, a pouca distancia, a Mezquita donde toparemos este fermoso templo, que emerxe entre a paisaxe cunha dignidade austera e monumental. 

Contexto histórico

A orixe do lugar e da propia igrexa está estreitamente ligada ao mosteiro de Celanova, un dos centros monásticos máis influentes de Galicia na Alta e Plena Idade Media. Diversos documentos acreditan a pertenza desta zona ao dominio do cenobio celanovés, mediante múltiples doazóns que se sucederon ao longo do tempo. A máis antiga data do 10 de decembro do ano 989, cando un tal Vistrario ofreceu á comunidade monástica un casal situado “subtus Sancto Petro de Mezquita”, na zona denominada Bubale sub Castro Veives. No século XI, as doazóns continúan. En 1041, a condesa Toda entrega varias vilas, entre as que se menciona explicitamente “Sancto Petro de Mezquita”, e once anos despois, Pelayo Núñez doa a súa vila coa intención de ser enterrado alí. Estas referencias documentais testemuñan a importancia do lugar e a súa relación espiritual e administrativa co mosteiro de Celanova. 




Arquitectura exterior 

A igrexa é un magnífico exemplo do románico rural galego. Está composta por unha única nave rectangular que remata nunha cabeceira formada por un tramo recto e un ábside semicircular. Este tramo recto presenta unha maior altura e anchura respecto ao ábside, xerando un xogo de volumes que reforza a sensación de verticalidade do edificio. A verticalidade tamén se acentúa coa presenza de robustos contrafortes nos muros da nave e columnas adosadas no corpo absidal. 

Os accesos ao templo distribúense en tres portas: unha na fachada occidental e outras dúas nos muros laterais norte e sur. A iluminación natural chega a través de oito vans na nave e cinco na zona da cabeceira, incluídos os do tramo recto e do ábside. A torre do campanario, de aspecto achatado por mor da altura da nave, está situada no extremo sur da fachada occidental e rematada por un tellado a catro augas. 

A decoración escultórica no exterior é ampla e variada. Tanto os canzorros como as arquivoltas, capiteis e columnas presentan motivos xeométricos, vexetais e zoomorfos, que revelan unha complexidade e riqueza pouco habitual no románico do interior galego. Os vans do ábside, por exemplo, seguen un esquema moi coidado, con arquivoltas molduradas e columnas rematadas en capiteis decorados con follas, bólas e figuras de animais. A cornixa, sustentada en canzorros, remata con motivos como follas de col, volutas e entrelazados. 





A fachada occidental 

A fachada principal, como adoita acontecer no románico popular galego, está enmarcada por dous potentes contrafortes entre os cales se abre a portada. Esta está profusamente decorada e configúrase mediante un arco lixeiramente apuntado con tres arquivoltas, columnas lisas e columnas centrais entorchadas. As arquivoltas presentan un repertorio ornamental riquísimo: arquillos cegos, follas carnosas dispostas radialmente, perlas e tacos. O tímpano, monolítico, exhibe unha cruz co Cordero no seu centro, e nas súas esquinas unhas rosetas. Esta iconografía, de inspiración bizantina, mostra a conexión do románico galego con influencias artísticas que chegaron probablemente a través de modelos orientais. 

As enxutas desta portada acollen dúas figuras esculpidas: á esquerda, San Pedro, identificado pola chave que sostén, e á dereita, unha figura feminina que podería representar a Santa Ana, a Virxe María ou mesmo a Igrexa. Nos contrafortes, máis esculturas complementan o programa iconográfico: unha loba amamantando aos seus lobeznos, un animal depredador coa súa presa, e mesmo un guerreiro armado cunha lanza. 

Por riba da portada, á altura do segundo corpo da fachada, sitúanse dous vans: unha ventá con arquivolta sobre columnas e un rosetón. A súa decoración, novamente, mostra motivos vexetais e xeométricos dispostos con gran coidado estético. 









Os muros laterais 

Tanto o muro sur como o norte están divididos en tres tramos mediante contrafortes. Os vans están dispostos simetricamente e decorados con arquivoltas sobre columnas adosadas. Destacan os capiteis e os cimacios, cunha decoración variada que inclúe elementos vexetais, bolas, entrelazados e figuras de animais. A cornixa, como no resto do templo, está sustentada por canzorros tallados con motivos xeométricos e fitomorfos. 

As portas laterais tamén amosan tímpanos decorados: a do sur representa dous leóns apoiando as patas dianteiras nas almenas dun castelo, mentres que a do norte amosa un tímpano modificado, con elementos reaproveitados e decoración vexetal nos capiteis. 









O ábside

A cabeceira está formada polo tramo recto e o hemiciclo absidal, que se articula mediante columnas con capiteis decorados con follas, entrelazados e figuras animais. As ventás do ábside, tres en total, seguen un modelo uniforme, con arquivoltas molduradas, capiteis decorados e columnas de fuste liso sobre basas áticas. 

No tramo recto do presbiterio atópanse dúas ventás, unha moderna e outra antiga, en forma de óculo con celosía, ademais dunha credencia escavada no muro. O conxunto da cabeceira destaca tanto pola súa solidez estrutural como pola súa harmonía estética e riqueza ornamental. 



O interior 

No interior, a igrexa mantén a sinxeleza e sobriedade propias do románico, pero cunha clara intención monumental. A nave está cuberta por unha estrutura de madeira sustentada por dous grandes arcos diafragma lixeiramente apuntados, que descansan sobre columnas encastradas con capiteis decorados con motivos vexetais. Estes mesmos arcos serven para organizar o espazo interior, ao igual que o arco triunfal que dá acceso ao presbiterio. 

A bóveda do presbiterio componse dun tramo con bóveda nervada e outro con bóveda de forno. As nervaduras rematan en columnillas que conectan coas fiestras do ábside, seguindo unha liña de imposta en baquetilla. Os capiteis decorativos repiten motivos vexetais, destacando a presenza de follas picudas, volutas e bolas. As claves das bóvedas preséntanse con floróns e rosetas. 

O conxunto interior é iluminado por once vans en total, entre a nave e o ábside, e presenta escasa intervención moderna, salvo o acceso á sacristía e unha ventá no muro sur. 

Foto: Arteguías


Cronoloxía e influencias 

A construción do templo sitúase entre finais do século XII e o primeiro cuarto do XIII. Unha inscrición interior apunta ao ano 1172 (era Mccx), aínda que podería referirse a unha data algo posterior. Outras inscricións mencionan os anos 1254 e 1263 como momentos de doazóns para continuar ou finalizar a obra. 

Diversos elementos estilísticos e decorativos conectan esta igrexa co ámbito compostelán e co taller do Mestre Mateo, especialmente nos festóns de arquitos, as follas dispostas radialmente, os fustes entorchados e outros motivos típicos. Ao mesmo tempo, algúns detalles góticos, como os floróns e nervaduras, amosan a influencia do estilo cisterciense, moi presente na arquitectura galega do século XIII. 

Valor artístico 

A igrexa de San Pedro de A Mezquita constitúe un exemplo singular e excepcional do románico rural galego. A súa excelente conservación, a riqueza escultórica e a coidada organización estrutural fan deste templo unha peza de referencia dentro do patrimonio relixioso e artístico da provincia de Ourense. 




Fonte: ROMÁNICO DIGITAL





San Miguel de Soutopenedo é unha xoia arquitectónica que se erixe no lugar da Eirexa, ao oeste do Valle da Rabeda e ao leste do castro de Trelle, preto dos ríos Valverde e Barbaña, dentro do concello de San Cibrao das Viñas. Esta igrexa, que experimentou importantes transformacións ao longo dos séculos, presenta unha fascinante mestura de estilos arquitectónicos e elementos históricos.

A igrexa, dunha soa nave e ábsida rectangular, conserva a súa estrutura románica orixinal na nave, construída cun aparello pseudoisódomo de perpiaños graníticos dourados e canecillos. Con todo, a fachada principal é netamente barroca, destacando unha esvelta torre cun balcón de pedra e un cornisamento notable. A portada meridional, aínda que mantén elementos orixinais, mostra evidencias de reformas posteriores co uso de perpiaños de granito gris xunto aos dourados.

Particularmente interesantes son os canecillos que adornan as cornixas, cunha variedade de temas xeométricos, figurados e vexetais. Os temas figurados inclúen representacións de cabezas de animais como carneiros, lobos e un raposo, así como figuras humanas, destacando un home pensativo e unha muller con toca. Estas esculturas ofrecen unha rica visión da iconografía e a simboloxía da época.

Aínda que non tiven a oportunidade de entrar ao interior da igrexa, é sabido que este foi profundamente transformado, preservando só os muros orixinais da nave e algunhas saeteras. O retablo barroco e a bóveda de madeira da capela maior son elementos destacados do interior. A ausencia dunha ábsida románico, substituído por unha capela barroca, e as sucesivas reformas evidencian unha historia de adaptacións e cambios.

Aínda que os datos precisos para datar a igrexa son escasos, os segmentos de cornixa adornados con bólas e os canecillos figurados suxiren unha orixe a finais do século XII ou principios do XIII. A influencia da catedral de Ourense no uso destes elementos decorativos é notable e reflicte a conexión cultural e artística da rexión.

Ademais de explorar a igrexa, tiven a oportunidade de percorrer a súa contorna inmediata, que engade un encanto especial á visita. A casa reitoral e outras vivendas tradicionais, xunto cos hórreos, achegan unha visión auténtica da arquitectura rural galega. Descubrín outro reloxo de sol, ademais do que se atopa no lateral da igrexa, o que engade un toque de historia e funcionalidade a esta fermosa paisaxe.

Detalles arquitectónicos como portas talladas e balcóns ornamentados resaltan a atención ao detalle e a artesanía que caracterizan á zona. A riqueza destes elementos contribúe a unha experiencia visualmente rica e culturalmente profunda, enmarcada por unha contorna natural apracible e encantador.

Todo isto, como xa sinalei, atópase moi preto de Ourense, o que fai de Soutopenedo, no concello de San Cibrao das Viñas, un destino accesible e altamente recomendable para quen desexe saber algo da nosa historia, da nosa arquitectura e da beleza do rural galego.






























































oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.