“Hambre”, de Knut Hamsun, é un libro sorprendentemente moderno para ter sido escrito a finais do século XIX. O propio autor, no epílogo, deféndese das críticas explicando que non pretendía escribir unha novela convencional, senón «un libro sobre as delicadas oscilacións dunha alma humana vulnerable, sobre esa estraña vida da mente, sobre os misterios dos nervios nun corpo consumido pola fame».

É unha novela moi innovadora para o seu tempo, porque apenas hai acción, trama ou evolución no sentido tradicional. Tampouco hai practicamente personaxes, agás o protagonista e narrador. A historia avanza como unha espiral: volve unha e outra vez sobre situacións, pensamentos, frustracións e obsesións semellantes. E precisamente aí está boa parte da súa forza. Máis que contar unha historia, Hamsun introdúcese na mente dun home que intenta sobrevivir.

A fame é, evidentemente, unha carencia física. Pero creo que nesta novela é moito máis ca iso: convértese tamén nun estado mental. O protagonista vive na pobreza, sen un traballo estable e dependendo dos textos que consegue vender aos xornais ou da escasa xenerosidade dalgunhas persoas. A fame vai alterando a súa percepción, o seu comportamento e a súa maneira de relacionarse cos demais. Hai momentos especialmente dramáticos, como o encontro cunha muller na súa casa, nos que a súa situación e o seu estado mental parecen condicionar por completo a relación. Nalgúns momentos, a fame convérteo en alguén irracional, contraditorio e mesmo difícil de comprender.

E aí é onde o personaxe me produce certo desacougo. Ás veces custa entender a súa falta de reacción, o seu orgullo levado ata extremos absurdos ou determinados comportamentos case pusilánimes. Porén, ao mesmo tempo, resulta interesante observar como intenta aferrarse a uns principios, á súa educación e a unha certa idea de dignidade. Non sempre o consegue, pero parece que ese é o faro que intenta seguir mesmo cando todo ao seu arredor se derruba.

Creo que “Hambre” formula unha cuestión que segue sendo moi actual: que significa realmente vivir con dignidade. A fame non aparece unicamente como unha necesidade fisiolóxica, senón tamén como unha forma de carencia que pode afectar á dimensión cultural, educativa, emocional e íntima dunha persoa. Ter cubertas as necesidades básicas é imprescindible, pero tamén o é dispoñer daquilo que permite construír unha vida con sentido e relacionarse cos demais desde a dignidade.

É un libro que pode resultar incómodo e mesmo irritante por momentos, precisamente porque non busca poñerllo fácil ao lector. Pero quizais esa incomodidade sexa unha das súas maiores virtudes. Hamsun non nos presenta o protagonista como un heroe nin como unha vítima perfecta, senón como un ser humano contraditorio, vulnerable e imperfecto.

Máis dun século despois, “Hambre” segue resultando actual porque, no fondo, non fala unicamente da pobreza. Fala da fraxilidade humana, da dignidade, do illamento e de como as circunstancias poden chegar a alterar a nosa maneira de pensar e de comportarnos. Unha novela estraña, obsesiva e por momentos desconcertante, pero tamén profundamente humana.


A poucas liñas de comezar esta novela, o propio narrador convídanos a entrar nela cunhas palabras que son case unha declaración de intencións:

«Si quieres partir conmigo hacia aquel mundo olvidado, si quieres saber de las aventuras del Pequeño Jim, y de Harrison el Campeón; si quieres conocer a mi padre, uno de los hombres de Nelson; si quieres incluso llegar a conocer a ese mismo gran marinero; y a George, el que tiempo después se convertiría en el indigno rey Jorge IV de Gran Bretaña; pero, sobre todo, si quieres conocer a mi célebre tío, sir Charles Tregellis, el Rey de los Galanes, y a los grandes luchadores cuyos nombres te son todavía familiares; entonces dame la mano y partamos.»

E Conan Doyle cumpre sobradamente a promesa. Porque Rodney Stone é moito máis ca unha novela de aventuras ou unha novela histórica. É un extraordinario retrato dunha Inglaterra que está a piques de desaparecer: a Inglaterra de finais do século XVIII e comezos do XIX, coas súas grandes mansións, os seus criados, os seus cabaleiros, os seus aristócratas, os seus personaxes populares, os seus códigos de honra, os seus absurdos prexuízos e tamén os seus valores.

E, no medio de todo iso, o boxeo. Un boxeo brutal, a puño limpo, sen límite de asaltos e no que os combates podían prolongarse durante horas. Un deporte perseguido pola lei en moitos lugares, pero que atopaba sempre novos escenarios e novos públicos. Conan Doyle describe ese mundo cunha viveza extraordinaria e converte os grandes loitadores da época en personaxes tan importantes dentro da novela coma os aristócratas e cabaleiros que os rodean.

Pero o que máis me gustou é que o boxeo non é máis ca un dos fíos dunha trama moito máis ampla. Polas páxinas de Rodney Stone aparecen Lord Nelson, Lord Cochrane, John Lade, Beau Brummell, Emma Hamilton e o príncipe de Gales, o futuro Xurxo IV. Aventuras, intrigas, duelos, romances, rivalidades, viaxes e enfrontamentos van sucedéndose mentres o protagonista, Rodney Stone, nos conduce por ese mundo fascinante.

E aí está, para min, unha das grandes virtudes da novela: a capacidade de Conan Doyle para converter unha época enteira nunha aventura. Non se limita a contarnos unha historia; consegue que o lector teña a sensación de estar camiñando por aquelas rúas, entrando naquelas casas, asistindo a unha pelexa de boxeo ou compartindo mesa con algúns dos seus personaxes.

Todo me gustou. O relato, a atmosfera, os lugares e, sobre todo, os personaxes e a personalidade perfectamente definida de cada un deles. Tamén esa mestura tan propia da literatura do XIX entre principios estúpidos e valores verdadeiros, entre aparencias, honra, lealdades, ambición e valentía.

Divertinme enormemente con esta historia. Ata o punto de buscar calquera momento para volver a ela, que probablemente sexa un dos mellores síntomas de que un libro che está gustando de verdade. Hai novelas que se len porque queres saber como rematan e outras que se len porque gozas do camiño. Rodney Stone pertence claramente ás segundas.

E quizais por iso me lembrou tanto aquelas lecturas de hai moitos, moitos anos: Salgari, Julio Verne, H. Rider Haggard, Dumas… Esa literatura de aventuras que consegue algo que non sempre é doado: facer que o lector volva sentirse un pouco neno sen deixar de ser un lector adulto.

E despois de acompañarnos durante toda a novela por ese mundo, Conan Doyle péchaa cunha imaxe magnífica:

«Aquel anochecer de octubre, vi levantarse en lentos remolinos las nubes de humo sobre la marejada del Atlántico, y ascender, y ascender, hasta diluirse en tenues hilillos y esfumarse en el azul infinito del cielo.»

É un final que resume perfectamente o espírito da novela: o final dunha época, o recordo dun mundo que se esvaece e a chegada doutro novo.

Rodney Stone foi para min unha auténtica delicia. Unha novela entretida, emocionante, chea de personaxes extraordinarios e escrita coa solvencia dun autor enorme. Unha mostra magnífica da gran literatura de aventuras do século XIX e, sobre todo, un libro que gocei moitísimo.

Unha delicia.


Hai libros que chegan no momento xusto. Libros que, case sen buscalo, conectan co que un está a vivir ou a pensar. O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati, foi un deles. 

Levaba tempo con ganas de ler esta novela, da que sempre escoitara boas referencias. E cando por fin me mergullei nas súas páxinas, entendín por que. Buzzati constrúe a historia de Giovanni Drogo, un mozo oficial destinado a unha fortaleza fronteiriza onde a ameaza é constante pero nunca chega a materializarse. Unha espera indefinida que, pouco a pouco, se converte no centro da súa vida. 

Pero esta non é só a historia dun militar nun lugar remoto. É, sobre todo, unha alegoría poderosa sobre a condición humana. Sobre esa tensión constante entre a seguridade e a liberdade. Sobre como, sen darnos conta, imos aprazando a vida real agardando un momento mellor que quizais nunca chega. Sobre o paso do tempo, que avanza silencioso mentres un cre ter marxe para decidir máis adiante. 

É unha novela que incomoda. Que che fai ler co estómago encollido. En moitos momentos sorprendeume estar enfadado con Drogo, coa súa maneira de afrontar —ou máis ben de non afrontar— a súa vida. Pero ese enfado non deixa de ser, en parte, un reflexo dun mesmo. Porque é difícil non recoñecerse nas súas dúbidas, nas súas renuncias, nesa tendencia a pospoñer decisións importantes baixo a promesa dun futuro mellor. 

Un dos aspectos que máis me chamou a atención é o peso que teñen as expectativas fronte ao presente. Como a vida se nos pode ir mentres seguimos agardando algo extraordinario que lle dea sentido. E, ao mesmo tempo, como ese paso do tempo vai moldeando a nosa relación cos demais e con nós mesmos. 

A novela tamén fala, de forma moi sutil pero profunda, das relacións humanas: das persoas coas que convivimos sen chegar a coñecer realmente, de quen falla e de quen sorprende, dos vínculos que non nos atrevemos a construír por falta de valor ou de claridade. E, sobre todo, desa dificultade para ser honestos con nós mesmos, para deixar de enganarnos. 

Ao final, todo desemboca nunha idea que percorre o libro de principio a fin: a soidade. Drogo remata enfrontándose á súa vida —e á súa morte— en soidade, como inevitablemente facemos todos. 

Hai un fragmento, case ao final do libro, que resume de maneira moi precisa esa sensación: 

“Pouco a pouco a confianza debilitábase. É difícil crer en algo cando un está só e non pode falar diso con ninguén. Precisamente nesa época Drogo decatouse de que os homes, por moito que se quixesen, sempre permanecen afastados; se un sofre, a dor é completamente súa, ningún outro pode tomar para si nin unha mínima parte; se un sofre, non por iso os outros senten dano, aínda que o amor sexa grande, e iso provoca a soidade na vida.” 

Un libro profundo, incómodo e necesario. Deses que non só se len, senón que quedan contigo.


Acabo de rematar a lectura deste extenso e ambicioso libro, e a sensación que me deixa “Doctor Zhivago” é a de ter percorrido non só unha historia, senón toda unha vida, e mesmo a dun país enteiro reflectida na traxectoria dun só home. Non é unha novela lixeira nin rápida; esixe tempo, atención e certa implicación emocional, pero a cambio ofrece unha profundidade moi notable. 

A historia de Yuri Zhivago, médico e poeta, articula o relato e serve como fío condutor para comprender a Rusia de comezos do século XX. Desde a súa infancia, marcada pola morte da súa nai, ata a súa propia morte, a súa vida avanza en paralelo aos grandes acontecementos históricos: a caída do zarismo, as revolucións e a guerra civil. Porén, fronte a ese plano colectivo —dominado pola dor, a fame, a pobreza e a violencia—, a novela céntrase nunha dimensión máis íntima, amosando como eses feitos afectan ás persoas, ás súas decisións e aos seus sentimentos. 

Nese percorrido vital, a relación entre Zhivago e Lara constitúe o núcleo emocional da obra. A súa historia constrúese a través de encontros e separacións, sempre condicionados polo contexto histórico, dando lugar a un amor intenso, complexo e, en boa medida, imposible. Máis ca un simple relato romántico, é a expresión de como os sentimentos máis profundos se ven constantemente alterados por forzas externas que os superan. 

Pasternak non adopta unha posición explícita a favor ou en contra dos acontecementos que narra. Porén, a medida que avanza a novela, percíbese certo desencanto que se manifesta a través da experiencia de Zhivago. Así, a obra non pretende explicar a historia, senón reflectir as súas consecuencias, amosando a complexidade dunha sociedade fragmentada en múltiples realidades: revolucionarios, campesiños, intelectuais, soldados, oportunistas ou vítimas das circunstancias, partisanos, brancos e vermellos conviven nun mesmo escenario marcado pola inestabilidade. 

O propio Zhivago encarna esa falta de rumbo. É un personaxe que se move sen atopar unha estabilidade definitiva, alleo ao fanatismo e ás grandes consignas ideolóxicas. A pesar da súa formación e posición, non busca protagonismo nos movementos revolucionarios; o seu interese céntrase na súa vida, no seu traballo como médico, na súa escrita e, sobre todo, nos seus sentimentos e no seu amor por Lara. Esa renuncia convérteo nunha figura profundamente humana, pero tamén illada nun contorno dominado polos extremos. 

Neste contexto, as tres mulleres que marcan a súa vida —Tonia, Lara e Marina— poden interpretarse como un reflexo simbólico das distintas etapas históricas de Rusia. Tonia representa a estabilidade do mundo anterior ás revolucións; Lara encarna a esperanza, o cambio e os ideais de transformación; mentres que Marina simboliza o final do camiño, un desencanto sereno e a aceptación dunha realidade sen grandes expectativas. Esta evolución reforza a idea de que a vida de Zhivago e a do propio país avanzan en paralelo, aínda que desde planos distintos. 

Máis alá da trama, a novela destaca pola súa dimensión ética e emocional. É, en certo modo, un canto á bondade como principio vital e unha defensa da pureza dos sentimentos fronte á adversidade. Nas súas páxinas aparecen as paixóns, as inxustizas, os excesos do poder e a resistencia duns ideais que se negan a ser completamente anulados. Todo iso tradúcese nunha reflexión profunda sobre a dignidade humana, a compaixón e o amor. 

No que respecta ao estilo, a obra amosa con claridade a condición de Pasternak como poeta, un dos principais autores rusos de comezos do século XX. A súa prosa ten un marcado alento lírico, con pasaxes de gran beleza que, en ocasións, poden resultar densas, especialmente nas descricións. Porén, esa mesma riqueza expresiva é a que achega profundidade e fai que a novela vaia gañando forza a medida que avanza. Non deixa de ser significativo que esta sexa a súa única novela, fronte a unha traxectoria amplamente recoñecida no ámbito poético, que culminou coa concesión do Premio Nobel de Literatura en 1958. 

Publicada por primeira vez fóra de Rusia —en Italia, en 1955— e prohibida no seu país ata 1988, a obra adquire tamén un valor engadido desde o punto de vista histórico e cultural. Non só polas circunstancias da súa publicación, senón pola ollada íntima e case espiritual que ofrece sobre unha época decisiva. 

En definitiva, “Doctor Zhivago” é unha novela esixente pero profundamente enriquecedora. Máis ca relatar un período histórico, amosa o que ese período provoca nas persoas. É unha obra que deixa pegada, que invita á reflexión e que, malia a súa extensión, remata xustificando plenamente cada unha das súas páxinas.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.