A miña relación coa narrativa de Manuel Jabois fora ata agora a dun mero intento, sen continuidade. Probeino primeiro con Malaherba, despois con Mirafiori, e aínda que en ambos casos había elementos que me interesaban, non acabei de conectar do todo. Aínda así, algo na súa maneira de contar facía que seguise achegándome ás súas historias, como se soubese que nalgún momento atoparía o meu lugar como lector dentro do seu universo. Supoño que, como todo, tamén era cuestión de tempo.
Ese momento chegou con La víspera.
Coincidiu, ademais, cunha etapa persoal algo especial, o que probablemente influíu na lectura. Ou quizais non. O libro foi un agasallo dunha persoa á que quero moito, e tivo incluso ese punto de fermosa casualidade: mercouno na libraría Tanco, onde tempo atrás me comentaran que tentarían organizar unha presentación da novela tras a súa publicación en maio. Todo parecía aliñarse para que esta vez si.
Lin La víspera nunha fin de semana, entre sábado e domingo, practicamente dunha tirada. É unha novela que formula moitas cuestións e que, en certo modo, encaixa perfectamente coa personalidade do Jabois xornalista ao que sigo desde hai anos. Compartimos, por exemplo, o madridismo (estado máximo de felicidade que pode acadar un afeccionado ao fútbol; dío el, e eu reafírmoo), aínda que el o vive con moita máis intensidade. Pero, sobre todo, interésame a súa mirada: tanto no deportivo como na actualidade, sempre cun punto de ironía, finura e unha intelixencia sutil que tamén está moi presente na súa literatura. Lembro, ademais, a súa participación en La Cultureta de Onda Cero, xunto a Carlos Alsina, onde xa deixaba ver esa forma tan particular de observar o mundo, acompañado polo propio Alsina, Gistau, Amón, entre outros.
Ao comezar a novela, pensei que atoparía unha historia moi centrada en Galicia —algo lóxico, tendo en conta a súa vinculación con Pontevedra— e nos conflitos familiares: amores, desamores, tensións, silencios. E non me equivocaba, pero a novela vai moito máis alá. Hai familia, si, pero tamén unha exploración máis profunda dos baleiros, dos xestos —unha man no ombreiro, a preocupación polo outro—, de todo aquilo que forma unha familia (e mesmo a contorna máis próxima, que case tamén o é) e que se vai transformando a medida que avanzamos na vida, a través dos fitos que cumprimos e do que se perde polo camiño.
Jabois sitúa todo isto nun ámbito de certa escuridade, de claustrofobia, cun punto case psicótico (as festas do Nadal, o aniversario de Maite e o inverno na costa galega contribúen a iso). Pero, a pesar disto, a novela ten unha chispa humorística moi evidente —con escenas tan inesperadas como a de machucar unha pastilla de viagra cun chisqueiro do CD Ourense, especialmente graciosa polo seu contexto recente— e, ao mesmo tempo, mantén un ton escuro. A ambientación galega, coa súa orografía e a súa atmosfera, reforza esa sensación inquietante de fondo.
A trama —ou as tramas— desenvólvese en apenas 24 horas, durante unha carreira popular de Nadal na que desaparecen uns nenos. A partir de aí, a narración articúlase arredor de Amalia Constela, aínda que o verdadeiro eixo emocional é Maite, a nai. O seu fillo, Chami Palmeira, tamén ten un peso importante: ambos personaxes contrapoñense, aínda que quizais menos do que as súas propias vidas poderían suxerir.
Maite é quen vertebra emocionalmente a historia. A medida que avanza, o libro achégase incluso ao relato de sucesos, rozando por momentos o thriller, sen deixar de lado a súa dimensión máis íntima. E é aí onde aparecen moitas das preguntas que Jabois formula sen necesidade de pechalas do todo. Non todo ten resposta, nin falta que fai.
Se tivese que quedar cunha idea central, diría que La víspera é unha novela sobre as aparencias: sobre como, en moitas ocasións, pesan máis ca a propia verdade; sobre a necesidade de que a familia se manteña en pé, aínda que sexa sostida por equilibrios fráxiles, silencios ou segredos. Nun momento do libro dise que, como en toda boa familia, esta está chea de segredos. Non sei se iso é universal, pero si teño claro que poucas cousas son tan importantes como seguir sendo —cando menos aparentemente— unha familia.
En definitiva, é unha lectura que me sorprendeu e que, en certo modo, me reconciliou coas experiencias anteriores que tivera co autor. Unha novela curiosa, intelixente e con capas, que deixa pouso. E, se finalmente Jabois presenta o libro na libraría, alí estarei. Sen dúbida, recoméndoa.

