Para o imaxinario popular, a década de 1920 é a dos «anos tolos», «anos dourados» ou «felices», é o tempo do jazz, charleston, garzonas e flappers, decó e vangardas, do cine e ocio desmedido...Pero baixo todo ese brillo, que Hollywood se empeña en mitificar, ocúltanse os contrastes da época: especulación financeira, urdimento do consumismo, auxe do fascismo e os totalitarismos.

En 1920 o mundo comeza a recuperarse dunha Guerra Mundial, da Revolucion Rusa e dunha pandemia das máis devastadoras da historia. Europa, campo de operacións da guerra, arrasada, ten que recorrer ao mercado americano para abastecerse. EEUU, vencedor entre os vencedores, convértese na locomotora económica mundial. A súa clase media prospera, e mentres intenta liberarse dos traumas da guerra, concédelle agora valor a unha xuventude antes vista como unha etapa pasada. O lecer ocupa un lugar preferente e as mulleres comezan a liberarse de ataduras.

As revistas e o cine difunden a idílica imaxe americana, mais a onda tivo intensidade desigual no resto do mundo. Só os sectores máis acomodados en Europa podían reproducir ese estilo de vida.

España convivía ademais con crises de goberno e econômicas, co desastre de Annual e cunha ditadura. Quizais nunca existiu tanta distancia entre unha sociedade que demandaba modernización, vitalismo, emancipación... fronte a unhas autoridades políticas, igrexa e exército que evolucionaban moi lentamente.

A través dunha selección fotográfica pretendemos construir un relato que axude a comprender a complexidade e contradicións desta icônica época situándonos no Ourense do momento.

Producida polo Museo Arqueolóxico de Ourense conta co xeneroso préstamo de particulares e outras institucións.

TURNISMO

A inicios da década de 1920 o sistema político da Restauración estaba en crise. Baseabase na alternancia no poder dos partidos conservador e liberal, deixando fóra do xogo político a calquera partido da oposición. Para isto valianse dunha rede caciquil que intercambiaba favores por votos (construción de camiños e escolas, favores no pago de tributos, exención do servizo militar..) e de artimañas como a modificación do censo, cambiar as actas reais das votacións ou non abrir os colexios electorais o día da votación. Gabino Alvarez Bugallal polo partido conservador e Vicente Pérez Romero do partido liberal, era a nivel provincial que comandaban esta estrutura.

A nivel estatal o pacto establecido en 1874, desde xullo de 1917, facia augas.

Nos seis anos seguintes, ata o Golpe de Estado producironse 14 crises de goberno, con catro eleccións xerais e coa dimisión de tres presidentes do Consello de Ministros.

Tal situación, creabatedio e apatía na clase popular que renunciaba a participar nun sistema viciado. De modo que a sociedade foi creando as súas propias forzas políticas á marxe do sistema: o sindicalismo de clase, o republicanismo de Lerroux e os nacionalismos periféricos.

O movemento obreiro do Ourense desta época benefíciase da chegada de líderes sindicais foráneos para a construción da Ponte Nova sobre o río Miño entre 1911 e 1918. De feito, nada máis comezar a obra, 200 canteiros decláranse en folga polo despido improcedente dun compañeiro e a actitude do capataz. Na industria as mobilizacións concentráronse na fábrica que máis traballadores empregaba: a fundición Malingre. As folgas responden a solidariedade con compañeiros e situacións que se consideraban inxustas ou á demanda de melloras no traballo, como a xornada de 8 horas. O lema a nivel internacional era «888»: oito horas para o traballo; 8 para a formación e recreo; 8 horas para durmir. En 1919 lograríase a aplicación da xornada de 8 horas diarias (de luns a sábado).

En 1923, a Ditadura supuxo a desarticulación do movemento obreiro. O anarquismo estaría proibido e por tanto a CNT pasaría a clandestinidade; a relación co comunismo tamén era hostil mentres que a UXT está en auxe ao colaborar co réxime. De feito, son que trala creación en 1926 dos comités paritarios, os que acapararán os postos de representación. Durante estes anos, a bonanza económica favoreceu a baixa conflitividade, grazas tamén ao aumento dos salarios e ás medidas de protección obreira que o socialismo introduce. En Ourense, o primeiro de maio de 1929, no solpor da Ditadura, a asociación de traballadoras e traballadores con Manuel Suárez como vocal delegado consegue inaugurar a Casa do pobo, logo de case tres lustros de obras.

Autoridades e público ourensán na Alameda
José Pacheco, 1921
Positivo sobre papel
Biblioteca da Deputación de Ourense

Mitin de Basilio Álvarez "o cura de Beiro" lider do Agrarismo
Manuel Garrido González, Ca 1920
Positivo sobre papel
Familia Garrido, Antonio Piñeiro

EMIGRACION

«Os galegos sabemos arranxar os papeis e pedir unha pasaxe de terceira; sabemos agacharnos nas bodegas dun transatlántico cando non temos diñeiro; sabemos agarrar camiño cun fardo no lombo ou empuxando una roda de afiar; sabemos abrir fronteiras cerradas e pedir traballo en todas as linguas; sabemos en fin, canto debe saber un bo camiñante, aínda que a viaxe sexa a primeira da nosa vida».

Castelao. Sempre en Galiza. 1944


Entre 1880 e 1930, mais de 900 000 galegas e galegos probaron fortuna en busca do soño americano. A maioría foron mozos, sen máis estudos que os primarios ou analfabetos, solteiros e labregos de ocupación, que a precaria agricultura galega non podía ocupar debido ao crecemento de poboación, nin a industria acadara o desenvolvemento como para darlles cabida. Este aumento viuse favorecido polo levantamento de restricións legais á emigración e por unhas condicións moi vantaxosas dos países receptores ante a necesidade de man de obra para as súas puxantes economías.

Ademais viaxar era sinxelo. As grandes compañías de buques transoceánicos abarrotaban as páxinas publicitarias dos xornais, tamén na rúa e dispuñan de oficinas nas mellores zonas. O cruce foi cada vez máis rápido, seguro e frecuente. Nuns 20 dias podiase chegar ao destino, con cada vez mellor comodidade na viaxe, mesmo en terceira clase en que viaxaba a maioría, aínda que persistian o amontoamento de persoas e as malas condicións hixiénicas.

A partir de 1910 increméntase o número de mulleres que viaxan soas, ata chegar a primeira metade da década de 1920 na que representan o 40% do total. Se anteriormente o destino principal da emigración era os campos de Cuba, agora recalan preferentemente na Arxentina. En 1914 entre un 8 e un 10% da poboación bonaerense era galega. A súa ocupación mais frecuente é a de criadas/os (mucamas/os), mozos de corda ou o pequeno comercio.

A inserción non foi fácil e a miúdo obxecto de discriminación. Poucos foron os que triunfaron. Algúns «indianos» volveron facendo gala do gañado e aprendido mais aplicaron os seus capitais non e industria senón en edificios. Non obstante, as remesas americanas produciron enorme impacto na economía galega desta época, con efectos moi positivos como permitir o financiamento de numerosas escolas primarias (en menor medida na provincia de Ourense), a activación de sociedades agrarias que introduciron grandes avances agrícolas ou o financiamento da redención foral.

Voda de Daniel Veiga Quija, oriundo de Riós, en Pittsburg
Autoría descoñecida. Entre 1926-1930
Positivo sobre papel
Aída Salgado Veiga

GUERRA DO RIF OU DE MARROCOS

En novembro de 1912, España firma con Francia a creación do Protectorado español de Marrocos. Ese territorio estratéxico, o último reduto libre sen colonizar, quedaba baixo a «tutela» de dúas potencias europeas. E aí xurdiu o verdadeiro problema para España cando se lle encarga a un exército limitado materialmente emprender a ardua tarefa de someter a orde colonial ás belixerantes tribos do norte de Marrocos, de Yebala, Gomara e o Rif, que si algo valoraban era a súa independencia.

As continuas campañas bélicas provocaban unha sangría económica cun exército, ineficaz e corrupto que consumía o 35% do orzamento nacional. Pero foi sobre todo un drama en perda de vidas. Estímanse 30 000 soldados mortos. Algún autor considera que deles 8000 era galegos. O momento mais tráxico foi a batalla de Anual en 1921, cando son abatidos 9000. Esta masacre conduciu a unha grave crise política e puxo a espoleta ao Golpe de Estado de 1923. Tras Anual foron mobilizadas as quintas de 1918, 1919 e 1920, incluídos os soldados de cota, obrigados a ir a unha guerra profundamente impopular. Ata a fin da guerra en 1927, a prática totalidade das familias españolas tiveron nalgún momento un membro servindo en África. Moitos ourensáns preferiron ser declarados prófugos (en 1917 case o 40% dos chamados a filas non se presentaban) ou exiliarse e pór terra de por medio (o caso máis coñecido é o de Eduardo Blanco Amor) a ter que ir ao norte de África.

As condicións na fronte era penosas. Cambios bruscos de temperatura, escaseza e falla de potabilidade da auga, mala calidade dos alimentos, amoreamento das tropas, falla de hixiene, molladuras, insolacións... segundo o viviu o ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea quen, baixo o pseudônimo de Ben Cho Shey, envía ao xornal La Zarpa a crónica dos acontecementos.

A longa intervención en Marrocos dá lugar a un fenómeno clave nese momento e no futuro: a formación do grupo dos militares «africanos» que ascenden rapidamente por méritos de guerra (Sanjurjo, Mola, Franco...). Ao tempo, os centros de decisión política desprázanse cara aos cuarteis. Non é estraño que en setembro de 1923 se cresen donos da vontade popular para dar un Golpe de Estado.

Durante a Ditadura a guerra seguía sendo o centro de atención. En setembro de 1925 conclúese con éxito o desembarco en Alhucemas, o que supuña o principio da fin da contenda. Esta fazaña permítelle a Primo de Rivera acadar gran popularidade e aplicar un plan para institucionalizar o seu goberno. Restablece o Consello de ministros coa entrada de civís, mais sen Constitución e eleccións. Nestes anos a oposición ao réxime será moito maior e as medidas represoras do réxime tamén máis duras.

Na guerra de Marrocos
Xosé Ramón Fernández Oxea "Ben Cho Shey", 1921-1922
Positivo sobre papel
Biblioteca da Deputación de Ourense

SISTEMA BANCARIO

Durante os anos da Primera Guerra Mundial España podía considerarse un país case rico. A agricultura, industria e comercio beneficiáronse da neutralidade española grazas á demanda dos países belixerantes.

A bonanza económica vai ser administrada pola Banca privada que se converte no principal centro de decisión e actuación da industria. Polo contrario, carecía de regulación. Podía fundarse, establecerse, fusionarse e facer calquera operación sen límites, traballando coas tarifas que consideraba oportunas.

Como no resto do país, a banca ourensá nesta época adoece de preparación técnica. Son empresarios individuais, normalmente vencellados a unha familia burguesa. Ademas do Banco de España, operan neste momento en Ourense o de Viuda e Hijos de Juan Fuentes Pérez, Pedro Romero y Hermanos, Banca de Hijos de Simeón García y Cía., Banca Nogueira en Ribadavia, a Banca Cid en Verín e os foráneos Banco Hispano Americano, Banco de Vigo, Sobrinos de José Pastor e o Banco de La Coruña a finais da década.

1921 marca o cambio de tendencia cara unha grave depresión económica. Acabaron as exportacións extraordinarias e comezaron as suspensión de pagos, a máis sonada, a do Banco de Barcelona en decembro de 1920, que puxo en alerta sobre as deficiencias do sistema.

A solución pasaba pola Lei Cambó de finais de 1921 coa primera regulación seria dos bancos privados, que obrigaba a pasar balances ao Banco de España, aumentaba as inspeccións e incrementaba os impostos. As medidas contribuirían principalmente a ofrecerle garantía á clientela. Non obstante, para Ourense chegaba tarde. En maio de 1921, Pedro Romero y Hermanos, coñecida como Banca Romero, presentaba a suspensión de pagos. Supuxo unha conmoción tremenda para motos ourensáns que perderían os seus aforros e inversións neste banco. Unha política de compras de bens e empresas erradas e un contrato de suministro co ferrocarril que non foron capaces de cumprir arruínaron a tesorería da firma. Non axuda, a desaparición do xerente da entidade, Daniel Romero, que permanece fugado ata que é detido en Tánxer en outubro de 1922.

A outra vítima dos problemas é a de Viuda e Hijos de Juan Fuentes Pérez. O nerviosismo polo suceso da Banca Romero fixo que lle retirasen moitos depósitos e se agravase a súa xa delicada situación. En novembro de 1921, entra en suspensión de pagos e finalmente a quebra en febrero de 1923.

Entre a clientela damnificada, quizais o caso máis célebre é o de Ramoneca e Pichagris:

«Unha parella feliz que decidira afogar as súas penas en viño. Probaran fortuna en America e cando regresaron da Arxentina depositaron toda a súa fortuna, corenta mil reais, nun Banco que deu en quebra, e desde entón, cantando acompañándose do acordeón recorrían as rúas recollendo as dádivas dos ourensáns. Non tocaba ben, tiña unha man eivada, e cantaba peor, pero o que se premiaba eran os seus ditos e agudezas. Como o músico, facía vida bohemia, erguíase moi tarde, polo que moitas veces Ramona laváballe a cara no primeiro pilón que encontraba e secáballa co mandil. Os diálogos eran graciosísimos e a súa vida real vivida en plena vía pública, adquiría elevados matices de teatro espontáneo e popular que nunca vin superado."

Ernesto Gómez del Valle, xornal La Noche, 1963


Nalgún caso sufriron unha década de espera, mais a maioría das persoas afectadas puideron recuperar o seu diñeiro.

Ramoneca e Pichagris co seu acordeón
Augusto Guedes Bautista "Pacheco", 1927
Positivo sobre papel
Museo Etnolóxico. Ribadavia

CULTURA E GALEGUISMO

Nos anos 20, Ourense é berce e escenario da más importante actividade cultural de Galicia. É un momento de esplendor das letras e a cultura, no que se publica boa parte da obra más relevante da literatura galega. Gran porcentaxe dese impulso débese á actividade da Revista Nós, fundada e dirixida por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, cuxa liña de acción principal era universalizar a cultura galega dentro un espírito de autoafirmación colectiva.

Estenden o uso do galego á prosa -case reservado anteriormente para a poesía- e a ámbitos como a política, prensa, ensaio ou ciencia. Nunha aptitude de insubmisión o galego é a súa lingua habitual tamén na fala, nunha sociedade urbana e burguesa que renega da súa raizame.

A investigación histórica de un salto cualitativo no ámbito da Prehistoria de Galicia, ao descubrir un déficit de estudo, dentro dunha nova arqueoloxía na que non se limitan a describir acontecementos e se fixan o obxectivo de reconstruír unha civilización descoñecida ata ese momento.

Paralelamente, Vicente Risco publica á Teoría do nacionalismo galego, obra na que define á nación como un feito natural baseado precisamente na cultura, lingua, historia e tradición, elementos que constituían a singularidade do pobo galego e sobre os que o galeguismo vai pivotar a súa acción política nesta época.

A inicios da década comezan a organizar as estruturas dos partidos galeguistas. A Ditadura en 1923 vainos someter á clandestinidade. Traballan arduo na sombra, de feito cando asoma o cambio de réxime reorganizanse rapidamente. O galeguismo é forte no sur de Galicia e Ourense o meollo. O esforzo veuse recompensado nas primeras elección de xuño de 1931 (aínda sen o voto feminino, aprobado o 1 de outubro de 1931), nas que logran acadar representación en Madrid -feito que non se volveu repetir na provincia de Ourense- con dous deputados: Castelao e Otero Pedrayo, este último foi ademais o candidato máis votado na cidade de Ourense.

Florentino Cuevillas, Vicente Risco e Otero Pedrayo
xunto a outros compoñentes do Seminario de Estudos Galegos
Autoria descoñecida, 1928
Positivo sobre papel
Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento

DITADURA DE PRIMO DE RIVERA 

Nunha soa ocasión visito Ourense o xeneral Primo de Rivera. A sociedade acollera no peor dos casos con indiferenza o Golpe de Estado do 13 de setembro de 1923. O ditador contaba co apoio da burguesía, que buscaba un clima de seguridade para as súas inversións, coa simpatía popular, que esperaba a resolución dunha guerra interminable con Marrocos e non houbo resistencia por parte de organizacións como agraristas ou socialistas aos que a ruptura do statu quo lle abría a posibilidad de participar no xogo político do que o turnismo os mantiña afastados. Non obstante, a ditadura supuxo un notable recorte das liberdades civís e políticas.

As primeras medidas foron disolver o Congreso, Senado, suspender as garantías constitucionais e declarar o estado de guerra (no que se viviría indefinidamente). O 31 de setembro disolveu todos os concellos de España. Serían substituídos por unha Xunta de asociados, nomeados directamente por un delegado de xerarquía militar que estaba á fronte de cada partido xudicial. En xaneiro faría o propio coa Deputación provincial.

Outra das primeiras medidas foi estender o Somatén toda España. Constituía esta, unha organización de individuos de «recoñecida moralidade», con profesión ou oficio nas localidades nas que residían, aos que se lle permitía o uso de armas como axentes da autoridade ou policia auxiliar.

Moitas das persoas que os integraban formaban parte de Unión Patriótica, o partido do Goberno. Marcial Ginzo Soto, Arturo Noguerol, Xavier Prado Lameiro ou Arturo Salgado Biempica foron algún dos significados representantes de Unión Patriótica. Máis que un partido político ao uso, sobre todo nos primeiros tempos, era un movemento cuxa misión era exercer as necesidades propagandísticas do réxime. Da súa man corre a visita que en xullo de 1924 fai á capital provincial. O más rechamante desta foi o banquete popular que congregou a 1600 persoas (4000 segundo a organización) no Xardín do Posío, mais a principal preocupación da sociedade ourensa foi aproveitar a viaxe para transmitirlle a «presidente» algunas reclamación históricas. Ao longo do percorrido que debía facer o vehículo presidencial pola cidade, un comité pro-ferrocarril coloco tres carteleras atravesando a estrada cos escudos de Ourense e Zamora e a lenda: «Ferrocarril Orense Zamora». Dos balcóns das vivendas colgaban idénticos textos e á entrada do ditador no Goberno Civil explosionaron dos foguetes deixando caer multitude de octavillas coa reclamación.

A construción dun enlace de Madrid co porto de Vigo era unha vella aspiración que databa de mediados do século XIX. Construído o Orense - Vigo e o tramo de Madrid ata Zamora, só quedaba conectar Ourense con esta última cidade. Desde a aprobación da liña en 1912 o proxecto ten unha tramitación complicada e lenta ata que é incluído no Plan Preferente de Ferrocarrís de Urxente Construción, engadindo o prolongamento do tramo ata á Coruña. Ao ano seguinte comezarían as obras que tras longas obras remataron na súa totalidade en 1958.

Primo de Rivera non visitou máis Ourense. O resto foron paradas fugaces de paso a outros lugares. Saúdos nas estacións ferroviarias ou no descanso do automóbil. En 1929, cando se dirixía a Mondariz, deteñen o auto en Verín. Sabedoras desta viaxe as autoridades ourensás cítanse ás seis da tarde para esperalo ás portas do Goberno civil. Alí estaban o alcalde, o presidente da Deputación, o da Audiencia, o tenente coronel da Garda Civil, o delegado gobernativo, varios deputados e concelleiros, o arquitecto municipal, o director do hospital... e moitas otras persoas. As oito e media a comitiva presidencial cruzou a cidade sen deterse. Non obstante, o «presidente» ao darse conta da presenza das autoridades, sacou o busto fóra do coche e descuberto saudou afectuosamente.

Parada do ditador Miguel Primo de Rivera na estación de Ribadavia
Autoría descoñecida. 17-VIII-1928
Positivo sobre papel
Museo Etnolóxico. Ribadavia

En 1913 xorde un movemento político arredor da figura de Antonio Maura, denominado Maurismo, que preconizaba a ruptura do marxismo. Un mozo enrolado nas súas filas sobresaía como orador e invitaba á axitación popular, era José Calvo Sotelo. Con raíces ourensás, e 1917 é promovido polo líder provincial dos mauristas como representante de Ourense. Comeza unha brillante carreira política. En 1919 acada acta de deputado. A súa estela acoden antigos liberais do grupo de Vicente Pérez, moitas sociedades agrarias, tradicionalistas e socialcatólicos. Calvo Sotelo te un prestixio inigualado na política galega. Ao producirse o Golpe de Estado de 1923, decide colaborar coa Ditadura. O nomeamento como Director Xeral da Administración é ben acollido mesmo polas Irmandades da Fala, coas que mantiña boa sintonía, especialmente con Losada Diéguez e Vicente Risco, a que seducía a idea de Calvo Sotelo da creación dunha mancomunidade galega, como forma inicial dunha autonomía rexional e reconecemento da personalidade galega, o que supuña a desaparición das Deputacións.

Calvo Sotelo é a persoa forte da Ditadura. Afíns ao calvosotelismo toman a representación das institucións ourensas, do mesmo modo que coloca, por toda a xeografía peninsular e altos cargos da administración central, gobernos civís ou empresas públicas a moitos ourensás e galegos.

Uns meses despois, en marzo de 1924, apróbase a súa grande obra, o Estatuto Municipal. Foi un intento de democratización e modernización da vida local. Funcionariza ao persoal administrativo, permite aos concellos organizar e xestionar servizos públicos e preve que parte da corporacion poida ser elixido por voto.

O Estatuto recoñece o dereito ao voto para as mulleres. Coa condición de ser maiores de 23 anos, non suxeitas a «patria potestade, autoridade marital ou tutela» e estivo vixente por un breve período. O artigo 84.43 sinalaba como elixibles ás mulleres cabeza de familia. Aínda que non chegaron a celebrarse as eleccións municipais programadas, a renovación de corporacións municipais por designación permitiu acceder á vida política ás primeiras mulleres. María de la Torre Hacha por Vilamarín ou Blanca Calvo Moraza e María Amor Roland por Ourense en 1925, son designadas concelleiras grazas a este avance.

Permitía o Estatuto a fusión ou segregación de concellos. Baixo esta norma, no ano 1926 fusionáronse os concellos de Vilamea e Freas de Eiras, constituíndo o novo concello de Ramirás. En 1927, o concello de Vilanova dos Infantes intégrase no de Celanova e o de Moreiras no de Xinzo de Limia. No mesmo ano a parroquia de Regodeigón segrégase do Concello de Beade e intégrase no de Ribadavia.

A reforma administrativa continuou co Estatuto Provincial de 1925. Este plan abría a posibilidade do Rexionalismo. Calvo Sotelo neste momento xa non o defendía coa mesma intensidade e Primo de Rivera opúñase claramente, o que fixo que no pasase do Provincialismo e a conseguinte decepción dos galeguistas.

Antes de ser nomeado como Ministro de Facenda creou o Banco de Crédito Local, que permitiu, no caso da cidade de Ourense distintas vilas a execución de importantes proxectos de obras.

Como ministro, entre outras reformas, creou o Monopolio de petróleos, coa compañía Campsa á fronte da cal colocou ao ourensán Arturo Salgado Biempica.

Unha grave crise monetaria faría dimitir a Calvo Sotelo o 20 de xaneiro de 1930. Unha semana despois faríao Primo de Rivera e caía a Ditadura.

Conmemoración do golpe de Estado de 1923
Manuel Riesco, 16-IX-1924
Positivo sobre papel
Arquivo do Concello de Allariz

MODERNIZACION

Terminada a guerra de Marrocos -e o enorme gasto que esta supuña- a Ditadura acometeu un ambicioso programa de obras públicas, cunha inversión prevista de 5200 millóns de pesetas que ía desde obras hidráulicas (coa creación das Confederacións Hidrográficas) ata estradas, ferrocarris e portos.

Por un lado estaba o Circuíto Nacional de Firmes Especiais que en Ourense afectaba ás estradas de Ourense a Vigo e de Ponferrada a Ourense. Consistía nun asfaltado especial e na mellora da seguridade nestes vías: redución de curvas, desmontes para mellorar a visibilidade, peraltes... Por outro lado, incrementouse o número de quilómetros de estradas convencionais construídos, cun ritmo de 40 por ano. Tamén financiada polo Estado a Deputación acelerou a construción de camiños veciñais.

A importante inversión pública foi a dinamizadora da construción de novos equipamentos nas vilas e cidade. O Barco, Carballiño, Celanova ou Ribadavia constrúen a súa Praza de Abastos e Matadoiro nesta década. O mesmo fará o concello de Ourense, que mercede a un préstamo do Banco de Crédito Local de 3,5 millóns acometerá cinco grandes proxectos: a traída de augas coa construción da presa de Castadón, a renovación da rede de sumidoiros e saneamento, o plano de poboación, a construción da Praza de abastos e o Matadoiro. Ademais o Estado edifica o Instituto Provincial de Hixiene, as novas delegacións do Banco de España e a de Facenda e finalizase a construción do Novo Hospital Provincial das Lagoas. Principianse tamén neste momento os proxectos da Delegación do goberno e do edificio de Correos.

As novas instalacións melloraron notablemente o servizo á cidadanía mais trouxeron consigo, nalgún caso, a desaparición de valiosos elementos patrimoniais como o Hospital de San Roque ou o Convento de Santo Domingo.

Desacertadas actuacións en nome do progreso, nunha década que se iniciara co intento de derruba de parte do edificio do antigo Pazo episcopal para ampliar unharúa, o traslado en 1927 da igrexa dos franciscanos ou o proxecto da praza de San Martín fronte á Catedral que permitía o arrasamento dunha extensa zona da cidade antiga.

Hospital de San Roque de Ourense en proceso de derrumbamento
Foto Villar, 1930
Negativo cristal
Museo Etnolóxico. Ribadavia

Construcción dunha tendido eléctrico 
Francisco Conde-Valvís Fernández, Ca 1920
Negativo plástico
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Actuación da gaitera Áurea Rodríguez con Maravillas
na inauguración do serradoiro de La Industrial (A Manchica)
Manuel Garrido Gonzalez, 1925
Familia Gariido, Antonio Piñeiro

Corpo Municipal de Bombeiros de Ourense
José Pacheco, 1928
Positivo sobre papel
Arquivo Municipal de Ourense

SANIDADE

«Onde non hai moito tempo loitaban os homes contra as feras van loitar agora os homes de ciencia contra os microbios». No 1922 o doutor Rionegro aludia ao antigo solar da praza de touros no que agora se inauguraba un Hospital de infecciosos. Era a resposta da sociedade ourensá á epidemia gripal de 1918. A necesidade de infrastruturas era perentoria. A pandemia da gripe puxera en evidencia a necesidade de hospitais que só a actitude decidida de persoas como o propio Rionegro ou Juan Guerra Valdés, na comarca de Verín, puido resolver. Non obstante, o Hospitaliño de Ourense, construído por subscrición popular, carecía de auga corrente, luz e do equipamento necesario, motivo polo que foi totalmente desaproveitado.

Certo é, que desde 1921 existía o Instituto Provincial de Hixiene, o cal desde 1923 debe estar sostido pola provincia e encomendarse do control das enfermidades infecto-contaxiosas. Facíanse neste centro análises de auga, urina, sangue e tamén de bebidas e alimentos. Desde aquí organizáronse as campañas de vacinación de enfermidades que seguían sendo temibles: varíola, cólera, tuberculose...

Para atender esta última, unha mancomunidade das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra acomete a iniciativa de construír e soster un edificio da Leprosería Rexional do Noroeste de España a situar en Toén. A Deputación de Ourense aprobou o proxecto en 1928. Nunca chegou a ser finalizado como tal. Anos despois retomaríase o proxecto reconvertido en Hospital psiquiátrico.

A grande obra desta época foi poder rematar a construción do novo Hospital provincial. Concibido desde comezos do século, as obras paralizáronse en 1917 e ata 1925 non se retoman. En 1930 iníciase o servizo nos novos pavillóns (dividido así para gañar luminosidade e ventilación) situados ás aforas da cidade, nun solar das Lagoas.

O traslado do antigo Hospital das Mercedes deixaría mais espazo para o Asilo provincial no que eran acollidas as persoas anciás desamparadas. A Inclusa, tiña espazo propio no novo Hospital. Marcábase o reto de diminuír a mortalidade do centro que chegaba case ao 60 %. En cambio, a provincia carecía dun orfanato, quedando esta protección en mans particulares ou fundacións como a que erixe Angela Santamarina Alducín no asilo do Santo Anxo no que daba auxilio a orfas dos 3 aos 24 anos.

Novo Hospital de Ourense. Sala de enfermos
José Pacheco, 1928
Arquivo da Deputación de Ourense

AUTOMOBILISMO

Había en Ourense 1332 veículos matriculados en 1928; en 1915 eran só 59. En 1899, o almacenista Aquiles Paris Fernández adquirira o primeiro automóbil da provincia. Segurono outros ricos comerciantes e aristócratas que importaron as súas máquinas vía París. Causaban expectación por onde pasaban, ás veces con resultados catastróficos. Como e 1906, cando o auto de Isidoro Temes é apedrado por unha turba nunha viaxe a Pontevedra por considerala unha máquina infernal. É precisamente Isidoro Temes quen inaugura a lista de coches matriculados e Ourense, adiantándose uns meses á Real Orde de 1907 que obriga a portar placas de matrícula e inscribirse no Goberno Civil.

En pouco tempo os automóbiles deixaron de ser unha anécdota. Xa na segunda década abundan os negocios que se dedicaban á súa venda, á vez que ofrecían servizos de garaxe e reparación. Chevrolet, Mercedes, Renault, Oakland, Hispano-Suiza ou Ford era algunhas das marcas máis habituais.

A progresiva redución de prezo, impostos baixos e a extensión e mellora do firme das estradas favoreceron a multiplicación de automóbiles. Ao mesmo tempo, regulaméntase adecuadamente a circulación. Despois do primeiro código publicado en 1900, apareceno de 1918, 1926 e o de 1928 de circulación urbana e interurbana, que no anexo explicaba graficamente como debía ser un adiantamento, como se debía circular por unha rotonda ou mostraba os primeiros modelos de sinais. Previamente, en 1924, establecérase que se debía circular pola dereita no sentido da marcha e todas as vías urbanas.

En 1926 a publicidade da prensa de Ourense anunciaba o coche ideal para a muller: «por fortuna está xeneralizado o agradable costume de que as señoras aporten ao automobilismo o valioso e simpático concurso da súa demostrada pericia no manexo do voante». As mulleres gañaran o dereito a conducir en 1918, e aínda que menos habitual do que dicía o anuncio, houbo mulleres que abriron camiño, a pesar de que para conducir precisaban autorización do pai ou marido e seguían vetadas nos veículos de servizos.

Paseo no automobil
Francisco Conde-Valvís Fernández, 1925-1930
Negativo plástico
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Exposición de automóbiles no xardín de Posío de Ourense
José Pacheco, 5-VI-1926
Positivo sobre papel
Museo Etnolóxico. Ribadavia

MONARQUÍA

Funcionaron sempre ben como estratexia propagandística as viaxes rexias. Nelas difúndese unha imaxe de persoas amantes do seu pobo, achegadas e bondadosas. Son tamén un éxito na difusión nos medios de comunicación, no apoio das institucións e as masas.

O 29 de setembro de 1927, Afonso XIII vestía uniforme de Marina, coas catro insignias das ordes militares. Con enorme frecuencia acostumaba vestir as debido á súa admiración polo exército. De feito, tras baixar do tren na estación de Ourense o primeiro acto é a revista de tropas. Mais tarde inspeccionaría tamén o Cuartel, daquela no Convento de San Francisco.

Pola súa parte Victoria Eugenia de Battenberg vestía cu sinxelo vestido de ton rosa cuberto cun abrigo azul. Desde que ela chegou a palacio europeizou a moda e costumes. Desde entón todas as modas entraron en España pola Corte e non a pesar da Corte.

Ata a Catedral fixeron o recorrido en coche, mentres recibían a aclamación pobo. Ao chegar, axeonllaronse sobre almofadas de damasco e bicaron o crucifixo, para despois -baixo palio sostido por seis coengos- penetrar na Catedral a asistir ao Te Deum. O xesto repetíase na igrexa de cada destino das viaxes rexias. A imaxe pública do monarca era a dun fervente e devoto católico, protector e garante da relixión. A partir de 1923 dentro do nacionalcatolicismo a súa fe e patriotismo son a lexitimidade da monarquía. Alfonso XIII sentíase cómodo á sombra do ditador.

As viaxes programábanse nos meses de verán. Acostumaban pasar esta temporada no norte e ademais garantianse boas condicións meteorolóxicas.Así puido celebrarse no xardín do Posío un festival. O Orfeón entoou o «Negra sombra» escoitouse a gaita de Faustino Santalices unto a De Ruada e Os enxebres completaron o cartel.

Coa Marcha real interpretada pola Banda Municipal dirixíronse cara á Deputación. Alí, un pouco mais tarde do habitual tomaron un te. Esta innovación do té das cinco, foi unha moda a imitación da inglesa Raiña Victoria, que o impuxo en Palacio. En realidade, non era mais que cambiar o nome á merenda, porque a aristocracia e burguesía continuou co seu chocolate con bolos na mesma hora.

En 1929 Afonso XIII decidiu retirarlle o seu apoio a Primo de Rivera. A primeiros de 1930 este decide dimitir e o rei nomea presidente ao xeneral Berenguer. O descontento coa actuación do monarca foi en aumento. Ortega v Gasset escribía: Delenda est Monarchia (a Monarquía debe ser destruída). En febreiro o almirante luan Batista Azar, como presidente, convoca eleccións municipais.

O resultado en Ourense difire da tónica xeral do país, xa que a maioría das cidades e capitais de provincia votaron contra a monarquia, mentres que aquí se mantén o tradicional dominio conservador: 9 conservadores, 4 Unión Monárquica, 6 republicanos, 4 socialistas e 1 agrario.

O 14 de abril é proclamada a II Republica e Alfonxo XIII abandona o pais e mesmo día, Victoria Eugenia un día despois. A institución monárquica fora substituída sen mediar violencia civil ou militar

Visita dos reis Victoria Eugenia de Battenberg e Alfonso XIII a Ourense
Foto Villar, 29-IX-1927
Positivo sobre el papel
Museo Etnolóxico. Ribadavia

INDUMENTARIA

A moda penetra en España como por toda Europa, divulgada polas imaxes das revistas. As ilustracións representan mulleres esveltas, fumando, con saias cortas e peiteado á garçonne. E o estilo das «modernas» das cidades que ao modo dos novos tempos, se cortan definitiva e radicalmente a melena, dando así por terminada unha época. Era mais que unha moda, un símbolo. Escribía «Colombine», Carmen de Burgos, que as mulleres traballadoras e as deportivas non dispuñan de tempo para facerse peiteados cheos de complicacións. A muller emancipada non levaba cabelos longos nin saias longas.

As mulleres xa non debían destacar as súas curvas e os vestidos dunha peza, carecían de corsés e forma. A roupa debía ser sinxela e prática, sen deixar de ser elegante. Posteriormente o patrón vaise estreitando e cingindo ao corpo. Parte da vestimenta feminina masculinizase. Hai mulleres que poden vestir chaqueta de traxe, pero o pantalón só o utilizarían as mais atrevidas, para o campo ou a neve; ningunha muller se atrevería a sair con el por unha cidade.

A indumentaria masculina tivo menor transformación. Predomina o corte clásico, agora con cores mais claras e combinacións de tecidos entre pantalón e chaqueta. Abundan os «pollos», «pollos bien» ou «pollos pera» que coidaban ata o último detalle do vestiario. O famoso canotier (sombreiro de palla) que fixo famoso Maurice Chevallier, era case indispensable nas saídas de verán. A finais da década, os extremadamente amplos pantalóns Oxford, póñense de moda. As chaquetas son longas e con amplas solapas. Con este corte comezou a confeccionar os seus traxes o xastre coruñés Luis Huici quen regularmente se trasladaba a Ourense a vestir aos dandis ourensas. Non faltaba no corte Huici o chaleco cruzado e a finais da década a chaqueta frouxa de ombros anchos.

A moda xeneralizouse porque a fabricación e a confección era moito menos custosa. Se non se prestaba atención ao material, detalles do corte ou aos accesorios non se distinguía clases sociais.

Non obstante, fóra das cidades e destes grupos reducidos, a realidade da década dos 20 era moi distinta. En 1922, o viaxeiro inglés Aubrey F. G. Bell describenos a imaxe maioritaria das xentes da provincia, na súa maioría como a de décadas antes: «Os homes, cando van á misa visten de veludo negro ou castaño, ou con pana ou pano marrón, con camisas brancas sen gravata e con sombreiros de feltro, maiormente negros, ás veces marróns ou grises [...] Os cativos visten de pana marrón e con enormes puchas azuis [...] As mulleres de facianas longas e ovaladas levan panos marróns ou carmesís atados por baixo do papo, e tanto as mulleres como as rapazas usan corpiños que chegan non ata a cintura senón ata o xeonllo."

Fillos Felipe Fernández da Mezquita
Autoría descoñecida. Entre 1920-1930
Positivo sobre papel
Familia Fernández Fernández

Grupo na Praza Maior de Ourense
Julio García Pérez, Ca 1920
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Grupo na Alameda de Ourense
Julio García Pérez, Ca 1920
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Funeral en Parderrubias (A Merca)
Manuel Garrido González. Ca 1924
Positivo sobre papel
Familia Garrido, Antonio Piñeiro

Veciñanza da Fraga. Lobeira
Xaquín Lorenzo Fernández "Xocas". Ca 1925
Negativo plástico
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Retrato de perfil
Francisco Conde-Valvís Fernández, VI-1924
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Grupo en Xinzo de Limia
Antonio Nieto Olivia. Ca 1925
Positivo sobre papel
Victor Vázquez Domínguez

Voda
Francisco Conde-Valvís Fernández, Ca 1920
Negativo Cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Ermitas Ramón Fernández lucindo pantalóns
Xosé Ramón Fernández Oxea "Ben Cho Shey", 1924
Positivo sobre papel
Biblioteca da Deputación de Ourense

BAÑOS DE MAR

Aínda que cada vez más estendida, a moda de ir á praia a bañarse, era costume e posibilidade da alta sociedade ou cando menos das clases medias. A finais do século XIX, dentro das correntes hixienistas, recomendábanse como remedio de certas doenzas os baños de mar ou de olas. Iso si, tiñan que ser fríos. A principios do século XX as praias frías do norte de España tiñan a primacía no panorama turístico nacional. De Ourense viaxábase a Baiona, Vigo ou A Coruña. En ocasións na prensa ourensá solicitábase axuda para persoas as que se lle recetaran baños de mar para as súas doenzas e non podían custearse a viaxe. Para resolver este problema o concello de Ourense tiña en 1927 un programa mediante o cal lle sufragaba a estancia no sanatorio marítimo de Oza ás nenas e nenos que figuraban no padrón municipal de pobres.

A medida que avance o século, os adiantos na medicina restaron valor ás crenzas nas propiedades curativas das augas. Os «baños de mar», son agora espazo más de lecer e socialización. Fóra da auga había que reporse cun refrixerio a base de biscoito e caldo, acompañado dunha copa de viño. Non é estraño que os centros turísticos do litoral comecen a reconducir a súa orientación cara á diversión e o ocio.

O século vai ver como se van alixeirando as prendas de baño. Dos vestidos longos e tocados na cabeza a traxes de baño aparentemente máis cómodos pola redución de centímetros de tela. Nesta década desaparecerán as mangas dos traxes de baño e as medias, mais seguían sendo igualmente pesados ao ser en moitos casos de la.

A finais da década ponse de moda o bronceado. Tamén se leva practicar natación. Todo conduce a que a partir de entón se busque máis o sol e augas más quentes, de modo que, estas praias frías van ir poco a poco cedendo o protagonismo ás praias do sur do país.

Na praia de Baiona
Julio García Pérez, Ca 1920
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

OCIO

Consciente dos cambios que implicaba a vida moderna na cidade o pintor Fernand Léger declaraba en 1924:

«Nunca houbo una época tan ávida de espectáculo como a nosa. [... Este fanatismo, esta necesidade de distracción a calquera prezo, son a reacción necesaria contra esta vida que levamos, dura e chea de privacións».

Ao longo e ancho da provincia existían sociedades que organizaban bailes e festas que se podían alongar ata a madrugada. Particularmente renomeadas foron as do Club de tenis e Liceo na cidade de Ourense.

O costume de «pedir parella» provocaba disturbios e pelexas nas festas populares, supuña ademais «unha vexación para a muller, privándoa do dereito de elección, indo duns a outros sen consultarlle a súa vontade», por isto nos festexos en que se celebrasen bailes debía fixarse o seguinte aviso:


DE ORDE DO SEÑOR GOBERNADOR CIVIL DA PROVINCIA QUEDA 
TERMINANTEMENTE PROIBIDO PEDIR A PARELLA AOS QUE ESTEAN BAILANDO.
TODO O QUE DESEXE BAILAR, DEBERÁ ELIXIR A SUA PARELLA, SEN ESTORBAR, 
NIN MOLESTAR AOS QUE ESTEAN BAILANDO.

A FORZA PÚBLICA ENCARGARASE DO EXACTO CUMPRIMENTO DESTA ORDE.


Así era de profundamente contraditoria a Ditadura. Aprobou diversas normativas que pretendían controlar certos hábitos pero á súa vez era permisiva cos espectáculos nocturnos lixeiros; que os había.

Paseábase moito, non tanto por exercicio senón por deixarse ver. Na década dos 20, recordaba o cineasta Carlos Velo, que na Alameda de Ourense «OS mozos van e volven dunha parte e as rapazas camiñan na outra man». Tampouco había mestura de clases sociais coa parte central reservada para o «señorío».

O cine é unha das afeccións preferidas dos ourensans. Deixou de ser unha atracción de feiras para exhibirse en salas ou pavillons estables. A estrutura era de madeira e lata provocaba frecuentes problemas, como o incendio do Salón de variedades e 1914. Compartían espazo con outros espectáculos: teatro, concertos... No Salón Apolo de Ourense, por exemplo, puido verse a actuación da grande actriz Pearl White. Do mesmo modo, os teatros tradicionais tiveron que incluír as exhibicións cinematográficas dentro da súa programación. Os primeiros edificios destinados exclusivamente ao cine son contemporáneos ao desenvolvemento do cine sonoro na década dos 30: o Cine Principal en Verín de 1933, o Rialto da Rúa de 1935, o Coliseo Xesteira de 1941 en Ourense ou en 1942 o Cine Curros Enríquez de Celanova.

Festa de disfraces no Liceo de Ourense - Vilar Foto, Ca 1925
Positivo sobre papel
Mani Moretón Brasa

Escola de Nanin. Allariz
Manuel Riesco. Ca 1925
Positivo sobre papel
Arquivo do Concello de Allariz

Celebración da festa de San Paio na aira de San Martiño
Manuel Riesco. 1929
Positivo sobre papel
Arquivo do Concello de Allariz

Romaría
Manuel Garrido González. Ca 1925
Positivo sobre papel
Familia Garrido, Antonio Piñeiro


Na Alameda de Ourense
Julio García Pérez. Ca 1925
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Rita e Claudina Pousa Candedo disfrazadas de Charlot (Charles Chaplin)
Autoría descoñecida, 1927
Positivo sobre papel
Museo Etnolóxico Ribadavia

Curso Singer en Allariz
Manuel Riesco, 1927
Positivo sobre papel
Arquivo do Concello de Allariz

ARTE

En Ourense, Vicente Risco, en textos como «Preludio a toda estética futurista» de 1917 na revista La Centuria ou nunha conferencia titulada «Arte nova» pronunciada en 1920, expuña un coñecemento e visión da vangarda fora do común para unha España que descoñecía o que sucedía no exterior. Cubismo, expresionismo, futurismo ou surrealismo apenas van ter influencia nas tres primeiras décadas do século no panorama artístico nacional.

Xunto a Castelao, Risco marca as directrices da arte galega anterior á guerra civil. Cando volve de Madrid a Galicia o seu posicionamento é contrario á adopción da estética das escolas francesa e alemá. Xunto ao resto do Grupo Nós, defende que a arte debe subordinar a estética ao reforzamento da identidade galega. Castelao adopta un realismo claro e directo coa caricatura como medio de expresión e denuncia. Esa linguaxe pode explicar o éxito do Álbum Nós, que antes de ser editado en 1931, viaxou por Galicia e Madrid en formato de exposición impulsada polo Grupo Nós.

Frecuentou nos seus primeiros anos Cándido Fernández Mazas o Grupo Nós, mais diferían nos presupostos estéticos. Co tempo as diferenzas evidênciase en acedas polémicas. Defendía Mazas unha estética de vangarda. Idea moderna que manexaba desde moi cedo puido perfeccionala e coñecer de primeira man en París cunha pensión da Deputación ourensá nos anos de 1925 e 1927. Algo que será máis habitual posteriormente é o desenvolvemento por Fernández Mazas dun interesante labor ensaístico, preocupado por dotar a súa obra dunha sólida base teórica. Non sempre comprendida conseguiu vivir da súa arte. O traballo para a subsistencia, problemas de saúde e unha prematura morte impedironlle desenvolver todo o seu potencial.

Cándido Fernández Mazas
Autoría descoñecida. Ca 1924
Positivo sobre papel
Sucesión Cándido Fernández Mazas

NOITE TRÁXICA

«A perda que hoxe chora o noso pobo é a das que nin se borra nin se extinguen». As palabras na prensa de Blanca Calvo resumían o sentimento da sociedade ourensá ante a catástrofe. Na madrugada do 8 de decembro de 1927 unha inmensa fogueira destruía gran parte do Centro Provincial de Instrución (hoxe Instituto Otero Pedrayo).

Acollia este edificio ao Instituto, a Escola de Maxisterio, a Escola de Artes e Oficios, o Museo da Comisión de Monumentos e a Biblioteca Provincial. Era un auténtico centro da cultura, cunha modélica xestión do espazo e gabinetes para todas as ciencias.

Desapareceron entre o lume códices, manuscritos, tombos, incunables e edicións preciosas de obras de arte. Preto de 30 000 volumes. Gran parte dos libros reunidos na Biblioteca procedian dos mosteiros de Oseira, Santo Estevo de Ribas de Sil, Celanova, Melón, Montederramo e do Convento de San Francisco de Ourense.

A intervención valente dalgunhas persoas logrou pór a salvo algúns obxectos: Pérez Colemán, Rodríguez Bouzo, Otero Pedravo e o secretario do Instituto resgardaron a documentación do Instituto e os cadros. Alumnos, obreiros e soldados do batallón lograron salvar os instrumentos e mobiliario de Física e Historia Natural. Modesto Vázquez, oficial de secretaría da Escola de Maxisterio salvagardou os expedientes do alumnado. Do Museo foron rescatados numerosos obxectos por Domínguez Fontela, Perille, Mancisidor, Rubín, Guitián Fábrega e Feijóo, mais perdeuse todo o arquivo da Institución e moitas pezas resultaron danadas.

Ás 24 horas do incendio recibíase o primeiro libro e doazón para a reconstrución da Biblioteca, fin para o cal se organizou eficazmente a sociedade nunha Xunta pro-Biblioteca. O edificio foi rapidamente restaurado. A Escola de Maxisterio e a de Artes e Oficios tiveron outros locais dispoñibles. Por contra, o Museo, cos seus fondos almacenados en baixos no mellor dos casos, precisou dúas décadas para encontrar unha nova sede.

O día despois do incencio do Centro Provincial de Instrucción
Autoría descoñecida, 1927
Positivo sobre papel
Arquivo da Diputación de Ourense

FÚTBOL

Entre 1873 e 1969 a Eastern Telegraph Company (empresa coñecida popularmente como o Cable Inglés) conectou Vigo con Inglaterra e o mundo mediante o cable submarino telegráfico. Non é estraño que o establecemento dos británicos para traballar nas oficinas da empresa, cos seus costumes e divertimentos, propiciara que fora, posiblemente, o primero lugar en ver un partido de fútbol en España. Por toda a costa, outras vilas asistían a un match de pelota cada vez que a tripulación dunha navegación inglesa baixaba a terra. As «brisas inglesas» axudaron, unto ao retorno de estudantes de lugares como Suiza ou Inglaterra, a que a costa fose pionera na práctica do fútbol, mentres o interior, con Ourense á cabeza, permanecía indiferente, segundo o redactor de El Mundo Deportivo en 1906.

Arredor dese ano comezan a organizarse os primeros equipos en Ourense. En 1910, no espazoso Campo de Aragón (ao carón do Convento de San Francisco) celébranse os primeiros campionatos con clubs como o Orense F.C., Atleti, Blanco y Negro, Triunfo, Victoria ou Sporting. A lei de descanso dominical de 1904 favorecera a extensión da práctica deportiva e as principais vilas da provincia dispoñen do seu team: Avia Foot-ball Club (Ribadavia, 1910), Sporting Valdeorrés (O Barco, ca. 1910), C. Infantil Valdeorrés (A Rúa, ca. 1910), Carballiño Foot-ball Club (Carballiño, 1910), Antela F. C. (Xinzo de Limia, 1919), Rayo Foot-ball Club (Verín, ca. 1919)...

Os sportmen, mozos principalmente de extracción burguesa, afilianse en sociedades nas que se fomenta o amadorismo como valor máximo do deporte moderno inicial. Os propios practicantes son os estores e organizadores, ademais de promotores de actividades paralelas, como bailes ou teatro nos seus locais e campos.

1920 marcou o despegue definitivo do foot-ball como deporte hexemónico. A selección española consegue a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Anveres. Formaban ese equipo 4 cataláns, 13 vascos, 3 galegos e 1 extremeño. Neste momento xa hai 100 sociedades en Galicia. A admisión de profesionais nas súas competicións pola Federación Española en 1926 favorece a primacía do espectáculo sobre o exercicio físico. Os clubs constrúen os seus propios estadios aos que acode a afección en masa. Na cidade de Ourense o Campo do Loña (no actual barrio das Lagoas) é o máis demandado ata que en 1928 o Burgas F.C. inaugura o estadio do Couto.

Partido de fútbol no campo do Loña de Ourense
Julio García Pérez, Ca 1926
Negativo cristal
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

FÚTBOL FEMININO

Nos anos 20 había unha muller que xogaba ao fútbol nun equipo de homes. Era a coruñesa Irene González Basanta, porteira do equipo que levaba o seu nome, o Irene F. C. quen competía contra calquera ocupando o lugar que os estereotipos de xénero lle negaban.

A situación a nivel mundial non era fácil. A finais do século XIX, en Inglaterra, naceran os primeiros equipos femininos. Durante a Primeira Guerra Mundial o fútbol feminino estendeuse tamén a Francia, mais o término do conflito supuxo un brutal regresión polo veto dos homes ao querer reservarse a sua practica e exclusividade. A prensa e as organizacións, que estaban controladas por homes, aducían perda de feminidade e a carencia de capacidade física das xogadoras para poder practicalo.

Ninguén lle preguntara pola súa saúde cando, durante a guerra, desempeñaran traballos tan duros que algúns homes se terían negado, dicía Jeanne Brule, unha das loitadoras pola presenza da muller no deporte, nun escrito do que se fixo eco a prensa francesa e española e 1920: «Mais á vez que vos damos infinitas grazas por tervos dignado, por fin; preocuparvos da nosa saúde, permitome dubidar da vosa competencia na materia, e suplícovos, amablemente reservedes os vosos consellos, emanados da vosa experiencia, para os vosos camaradas homes.»

Ao ano seguinte, a Asociación Inglesa do Fútbol proibiu o fútbol feminino. Na mesma liña a Federación Española de Fútbol non atendeu o fútbol feminino e vetouno ata os anos 60 sen recoñecelo ata 1983.

En 1925, María del Pilar, da revista Galicia, escribe un artigo eloxiando a figura de Irene. Pedía que o seu exemplo se estendese e animaba ás mulleres ao exercicio físico e ao estudo, nunha combinación que conduciría á igualdade de sexos. Non obstante, a figura de Irene seguiu sendo unha rareza. A prensa atacaba con dureza os intentos por normalizar esta actividade. En outubro dese mesmo ano, o xornalista de La Zarpa de Ourense anunciaba así o encontro que enfrontaría ás xogadoras belgas do Atlante e Bruxelas en Vigo, o primeiro entre equipos femininos que se viu en Galicia: «guasa por todo o alto e tomadura de pelo». Iso si, estimulábase á muller como espectadora por medio do pago de entrada reducida, asistencia aos palcos ou para facer o saque de honra.

Nesta situación e coa información coa que contamos, os partidos de fútbol feminino en Galicia foron eventos fugaces. As imaxes de mulleres futbolistas nesta época, parece corresponder na súa maioría a actos festivos como o entroido, nos que esta transgresión estaba mellor considerada.

Tal é así, que o primeiro encontro de fútbol feminino na provincia de Ourense, do que temos constancia, celebrouse enxuño de 1967 no campo de Espiñedo, Carballiño, entre unha selección de xogadoras de Vigo e outra de Pontevedra. Catro anos máis tarde, en 1971, dous equipos de Ribadavia, o Estudiantes F.C. e o Barrio Judio C. F. disputaron o primeiro entre xogadoras ourensas.

Irene falecera en 1928 aos 19 anos, vítima da tuberculose, co respecto e homenaxe da súa profesión.

No vello campo de Vilanova, equipo de fútbol feminino
Manuel Riesco, 1925
Positivo sobre papel
Arquivo do Concello de Allariz

CHARLESTON

A mediados da década chega a España un desarticulado baile, caracterizado polo seu dinamismo e improvisación, que responde á imaxe icona dos anos vinte: o charlestón. Como todas as novidades do momento encontrou acollida primeiro nas cidades para estenderse rapidamente a todos os recunchos, de modo que non había verbena de pobo na que a orquestra non o incluíse no seu repertorio. Ao comezo os xornais cualifícano despectivamente e as autoridades estimulan o chotis nalgúns festexos oficiais. Mais as jazz-band triunfan amenizando as madrugadas cos bailes de alén dos mares: fox-trot, ragtime, shimmy, a finais de década o yale... e o tango.

Son habituais os premios e concursos de baile acompañando ás ceas americanas. As mulleres usan vestidos con listóns e coloca ligas das que penduran cascabeis para acentuar o movemento. Na liña do espectáculo celébranse campionatos de resistencia, ás veces con grave perigo para a saúde das persoas participantes. O ourensán Manuel Cobelas, unto á súa irmá (só os homes tiñan premio) recorreu España en espectáculos, despois de disputarse mais de 30 horas seguidas bailando co campión alemán Breslau no Teatro Principal de Ourense e darse conta que tiña unha fortuna nos pés.

O protagonismo do baile era tal que dentro das atividades organizadas con motivo da visita real de 1927 a Ourense a xornada coroase cun té dansant (té, pastas e baile con orquestra) no edificio da Deputación.

Romaría de San Bieito
Manuel Riesco, 13-VI-1925
Positivo sobre papel, estereoscópica
Arquivo do Concello de Allariz

TOUROS

O público acudía á praza sedento de sangue. Un poco atolado nalgúns momentos berraba: cabalos! cabalos! porque gustaba ver os animais desbandullados ou ao toureiro bicando a area. A tradición en Ourense era secular, aínda que esporádica, limitada a espectáculos ligados ás celebracións patronais. No século XVIII, créanse os primeros edificios exentos en España nos que a función será sufragada polos espectadores. Deste modo, fórmanse empresas que na busca de negocio invisten na construción de prazas taurinas como a que en 1906 se constrúe en Ourense na zona de Mariñamansa. Aínda que estaba feita de madeira e a solicitude de licenza aludía á provisionalidade do recinto, tiña vocación de permanencia.

Conforme avanza o século a afección decae en favor dos espectáculos deportivos, principalmente o fútbol. En 1917 a praza é deficitaria. Unicamente se programan «novilladas» polas festas do Corpus. De feito, en 1920 decídese construír un Hospital para infecciosos no seu solar.

A mediados da década obsérvase un renacemento do castizo madrileño ou andaluz con mantón de Manila, «peinetas» e mantillas de blonda para certos festexos, a modo de busca dunha identidade en vías de desaparición. Hai touros no Barco; a praza de touros de Ribadavia, en funcionamento na Veronza desde 1916, está en pleno auxe; no campo do Loña en Ourense instálase outra e Xinzo inaugura a súa neste 1925. Para a inauguración de Xinzo contaron co toureiro Manuel Rodríguez «Castrelito», ourensan de Castrelo de Miño. A faena de Xinzo non foi das mellores de Castrelito, nunha carreira que, sen chegar a coller a alternativa, foi longa polas prazas de Espana.

A finais da década medra a corrente de opinión pública de rexeitamento dos espectáculos macabros que se producían nos cosos. En 1927 créase a primeira comisión destinada a estudar a adopción do «peto», a coiraza que protexe as illargas do cabalo. Elimínanse as banderillas de lume e prohíbense as capeas ao tempo que as corridas evolucionan cara á estética. En 1929 prohíbese asistir aos touros aos menores de 14 anos para evitar que normalizasen a violencia.

En 1928, Ribadavia demole a súa praza. Na cidade de Ourense, os touros non volverán ata 1935.

Corrida de touros en Ourense
Autoría descoñecida, Ca.1925
Papel fotográfico
Alfonso Vázquez Monxardín

CAZA

Mirémola con simpatía ou con anoxo cazar, cazouse sempre, mais non sempre as sociedades cazaron da mesma maneira, nin movidas polas mesmas causas. A caza comezará a ser ao longo do século XX domesticada, ata quedar convertida nunha especie de gandería extensiva, cuxo sacrificio non se fará para procurar alimento ou outros produtos como antes, senón prioritariamente para satisfacer unha diversión ou deporte.

O século comezaba coa lei de caza de 1902 na que se puña remedio á caótica situación anterior. A principal eiva vai ser o desinterese do Estado na conservación do patrimonio natural e a derivación das súas responsabilidades cara aos propios cazadores e ás asociacións que o regulamento permitía.

Favorecido pola mellora dos medios de transporte, o cazador tipo sería un cazador urbano, de clase media, dedicado preferentemente á caza menor, pois a maior seguía restrinxida aos grandes propietarios ou adiñeirados. A actividade cinexética presentábase na época como un exercicio excelente para a saúde co engadido de poder gozar do campo.

Conforme nos acercamos ao ano 30 o aumento de praticantes é espectacular, visible tanto no número de licenzas expedidas como no desenvolvemento de negocios específicos: as armerías.

O elevado número de cazadores fará que sexan eles mesmos os maiores interesados en que se cumpra a normativa, en canto á prohibición de circular caza en tempo de veda, tirar ás femias de caza maior ou exportar caza ao estranxeiro, e evitar así o esgotamento do recurso como medio de garantir a supervivencia da sua afección.

Non obstante a caza foi a responsable unha enorme regresión nalgunhas especies. Especialmente nas consideradas daniñas (lobo, raposo, garduña aves rapaces..), que carecían de protección e mesmo se premiaba a súa caza. A mediados dos anos 20 comenzou a aumentar entendendo que todo o que na natureza non ten utilidade debe ser descastado.

A caza maior seguirá sendo un privilexio do terratenente ou rico, único que ten os terreos adecuados en propiedade ou arrendamento e que pode sufragar a custosa organización da mesma.

En paralelo, dentro da dinámica da época de exhibición e conversión en espectáculo medraron os campionatos urbanos e vilegos de tiro ao pichón, substituído polo prato cando as aves encareceron debido a escaseza.


Cacería en Ribadavia
Autoría descoñecida, 1925
Positivo sobre papel
Museo Etnolóxico. Ribadavia



CRÉDITOS

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

XUNTA DE GALICIA

Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Conselleiro
Román Rodríguez González
Secretario xeral Técnico
Manuel Vila López
Director xeral de Cultura
Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Xulio Rodríguez González

EXPOSICIÓN

Comisario
Avelino Rodríguez González
Coordinación
Xulio Rodríguez González
Deseño gráfico
Noma Estudio
Impresión gráfica
Deimpresión
Enmarcación
Marcos e Molduras María Eiriz
Impresión fotográfica
Imprimeverde
Montaxe
Equipo do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Prestadores/as
Afonso Vázquez Monxardin
Aida Salgado Veiga
Antonio Piñeiro Feijoo
Arquivo do Concello de Allariz
Arquivo da Deputación de Ourense
Arquivo Municipal de Ourense
Biblioteca da Deputación de Ourense
Familia Fernández Fernández
Herdanza Manuel Garrido
Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
Mani Moretón Brasa
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Museo Etnolóxico. Ribadavia
Sucesión Cândido Fernández Mazas
Víctor Vázquez Domínguez
Colaboración
Concello de Ourense
Grupo Marcelo Macías
Agradecementos
Ana María Veiga Romero, Antonio Piñeiro
Feijão, Fernando Valcárcel Rodriguez, Lucia
Garrido, Mercedes Insua Vilariño, Nela Insua
Vilariño, Tino Feijoo, Xesús Gulías Lamas




O 20 de setembro de 2023 ás 20:00 horas, no Centro Municipal José Ángel Valente (rúa do Paseo, 20), tse inaugurou a exposición 'Ourense. Anos 20', organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, no que se pretendía dar a coñecer a realidade sociocultural da provincia de Ourense na década de 1920 a través dunha serie de 40 fotografías da época.









Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.