«Novos achados na “cibdá” de Armeá, en Allariz. Na zona leste da finca da atalaia do xacemento, localizouse, en niveis moi inferiores, a case tres metros de profundidade, unha casa redonda, circular, que estaba destruída polas construcións romanas posteriores. Desa casa, detalla Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director das escavacións , “recuperamos materiais arqueolóxicos asociados e non é material romano, é un casa pre-romana e de tipo castrexo”. Polo tanto, indica o arqueólogo, “podemos dicir que atopamos ese castro de Armea que estaba baixo das construcións romanas, podemos asegurar que debaixo da cibdá romana de Armeá consérvase un poboado castrexo, da Idade de Ferro”.
Segundo explica Adolfo Fernández, na busca destes vestixios castrexos tamén fixeron pequenas sondaxes na zona coñecida como alto dos pendóns, pois, apunta, “de existir estes restos criamos que estaría nas zonas máis elevadas”. Porén, nas sondaxes non se atoparon vestixios castrexos pero si “un pequeno castelo ou fortificación, aínda non sabemos moi ben, de época medieval”. Probablemente, apunta o arqueólogo, “estemos perante a torre que aparece no escudo da parroquia de Santa Mariña, que non se sabía moi ben de onde viña”.
Novos Achados
Entre as novidades desta campaña Adolfo salientou a aparición dunha nova casa de dúas plantas, cun patio de pedra. Ademais a vivenda conta cunha estrutura central toda de pedra con columnas de piares cadrados que se atoparon durante a escavación xunto cos capiteis.
As escavacións cumpren este 2023 doce edicións, na que tanto a Universidade de Vigo como o Concello de Allariz teñen apostado polo potencial deste xacemento a través dunha colaboración. Ademais, o proxecto contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense»
Autor do texto:
Historia de Galicia