Imaxina vivir nun pobo baleiro. Poder percorrer libremente cada rúa sen a presenza de ninguén. Non ter veciños. Que cada recuncho sexa un lugar para gozar e onde non teñas que preocuparte de nada máis que respirar aire puro. Silencio, tranquilidade e paz. Isto, que pode parecer idílico, é unha realidade en moitos lugares de Galicia, particularmente en Ourense. Un caso que se asemella a esta descrición é a aldea de Guede. Situada na parroquia de Folgoso, do concello de Allariz, os seus únicos habitantes son un matrimonio e o seu fillo. É certo que moi preto atópase o veciño pobo de A Coira ou mesmo Allariz pero en Guede só eles seguen sendo os seu únicos poboadores.

Guede é un pequenísimo pobo desde onde se pode ver a capital do municipio, Allariz, aos pés do río Arnoia. Este lugar é un exemplo da arquitectura rural do interior de Galicia. Casas con muros de cachotería, escaleiras exteriores, balcóns orientados ao leste, ventás pequenas… todas moi humildes, acorde coa vida dos seus antigos habitantes.

As ruelas son estreitas, a excepción da pista que as cruza que tampouco é que sexa moi ancha. Alí pódense ver, ademais das propias casas, as leiras dedicadas a produtos de horta que moitas tiñan ou tiveron ao seu carón, os espazos adicados os animais, etc. De todo o visto, chamoume a atención o oco dunha porta dunha pequena construción. Esta non tiña tellado e a porta insinuaba, quizais, un arco. Lamentablemente, non había ninguén de certa idade que vivise alí para resolverme a dúbida.

Se alguén quere ver como era un sinxelo e humilde pobo do rural ourensán, Guede é un exemplo diso. Un lugar para ir sen presa











































Codesás un tranquilo recuncho na parroquia de Quins, dentro do municipio de Melón en Ourense, preséntase hoxe dividido en dúas localidades distintas: Codesás Vello e Codesás Novo. A pesar da breve distancia que os separa, apenas 100 metros de asfalto, estas dúas partes do pobo parecen existir en diferentes épocas e estilos. En diferentes vacios.

En Codesás Novo, unhas 25 casas están rodeadas por campos de cultivo. Aquí, un conxunto de elementos patrimoniais recibe aos visitantes, incluíndo un peto de ánimas con dúas cruces flanqueándoo, coñecido como o Calvario de Codesás, cuxa inscrición data de 1851. Ao seu lado, atópase unha pequena eira de hórreos en un estado de conservación bastante bo. Estes son os primeiros dos moitos que nos atoparemos en Codesás

Continuando pola estreita estrada, chegamos ás ruínas do que unha vez foi unha fermosa aldea. Segundo ia camiñando atopeime cunha veciña que estaba atendendo a sua leira e coa que conversei sobre este lugar que fai anos que se atopa baleiro, sen xente nas súas casas. Os últimos habitantes, contoume esta muller, foron os seus sogros e que faleceron hai polo menos 40 anos. O  demais veciños faleceran antes ou abandonaron o lugar. Isto ocorreu facía, polo menos, 70 anos segundo esta boa muller.

É este un lugar fermosisimo que no outono resulta especialmente máxico debido a que a natureza realza todos os rincons deste lugar de maneira esaxerada. As construcións presentan unha diversidade de estilos e materiais, combinando pedra, ladrillo e madeira. Algunhas conservan a estrutura típica do Ribeiro, mentres que outras revelan indicios de ser maxestosas construcións de pedra no pasado. Algúns hórreos asoman entre a vexetación como recordos dunha época esquecida.

Os carreiros entre as casas aínda se manteñen, e algunhas das edificacións utilízanse para resgardar colleitas ou trastos de todo tipo. Chama a atención o impoñente tamaño dalgunhas construcións, como a que se atopa ao final do pobo, culminada por un arco baixo que marca o antigo roteiro.

É relevante destacar que Melón e o seu histórico mosteiro formaban parte dun roteiro crucial que conectaba a costa de Galicia con Ribadavia, Ourense e a Meseta. Nas proximidades de Codesás, transcorría o antigo camiño real que conducía directamente a Francelos, a beiras do río Miño, nas proximidades de Ribadavia. Esto, sen dubida, dotou dese caracter "señorial" que trasloce Codesás.

É unha pena ver como este lugar, e moitos outros en Galicia, van desaparecendo de maneira silenciosa. E triste como un lugar como Codesás, co seu encanto e co seu significado histórico, con un interensante legado arquitectónico popular, invadido pola maleza, se vexa abandonado e sen que ninguén tome medidas para a súa conservación.































































oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.