La impaciencia del corazón
, de Stefan Zweig, é unha novela que parte dunha situación aparentemente sinxela e que pouco a pouco se vai cargando de tensión moral. Nos anos previos á Primeira Guerra Mundial, o mozo tenente Anton Hofmiller é convidado ao castelo dun rico terratenente, onde coñece a Edith, unha moza enferma que vive illada pola súa discapacidade. Tras un desafortunado incidente inicial, Hofmiller tenta reparar o dano causado achegándose a ela, pero o que comeza como un xesto de cortesía e compaixón acaba converténdose nunha relación cada vez máis complexa, chea de malentendidos, silencios e falsas expectativas.

A partir desa premisa, a novela convértese nunha reflexión moi profunda sobre a natureza dos sentimentos e das decisións humanas. A miña sensación, que se vai intensificando a medida que avanza a lectura, é que todo está atravesado por un certo fatalismo: como se os personaxes, especialmente o tenente Hofmiller, se visen arrastrados por unha corrente que non rematan de controlar. Dende o principio percíbese que as cousas dificilmente poden rematar ben, non só pola situación de Edith, senón tamén pola falta de madurez e de claridade interior de Hofmiller. 

Un dos aspectos máis interesantes é como Zweig aborda a compaixón. No caso de Hofmiller, non é unha compaixón limpa nin construtiva, senón máis ben unha forma de debilidade. Actúa movido polo desexo de non facer dano, de quedar ben, de evitar o conflito, pero iso lévao precisamente a causar máis dor, incluso por puro engreimento persoal. É unha compaixón que se mestura coa falta de sinceridade e de valentía, e que acaba prexudicando tanto a Edith como a el mesmo e ao seu contorno. 

A isto súmase o peso dos condicionamentos sociais. Hofmiller non decide libremente: está constantemente pendente da mirada dos demais, das opinións dos seus compañeiros, do que dirán. Sente vergoña en certos contextos, actúa de forma distinta segundo con quen estea e nunca remata de afirmarse nunha decisión propia. Isto reflicte moi ben como a educación, os prexuízos e o contorno inflúen na conduta, ata o punto de limitar a autenticidade das decisións. 

Fronte a el, o doutor Condor aparece como un contrapunto claro, quizais o único personaxe cun fondo moral intachable. Representa unha forma de vida máis firme dende o punto de vista ético: alguén que asumiu o seu papel e a súa responsabilidade cara aos demais con convicción. Nun momento, o doutor afirma que a única razón desta vida é axudar aos demais. Mentres Hofmiller dubida e se deixa arrastrar, Condor actúa. Esa oposición entre ambos personaxes paréceme unha das claves da novela, porque amosa dúas maneiras moi distintas de enfrontarse á vida e ao sufrimento alleo. 

Outro personaxe de interese é o pai de Edith, von Kekesfalva, que tamén me xera certa ambivalencia. O seu amor pola súa filla é evidente e a súa entrega é total, pero ao mesmo tempo resulta, en certo modo, opresiva. No seu intento por protexela e axudala, acaba creando un contorno que a limita e que contribúe, en parte, ao desenvolvemento da traxedia. Amosa unha devoción implacable e, ás veces, manipuladora polo benestar da súa filla, sendo ademais un catalizador da historia. É un bo exemplo de como, nesta novela, as boas intencións non sempre conducen a bos resultados. 

No fondo, o que máis me gustou é que Zweig non propón unha visión simple da realidade. Non hai personaxes completamente bos nin completamente malos, senón persoas cheas de contradicións, condicionadas polo seu contexto e polas súas propias debilidades. Non creo que o autor defenda un determinismo absoluto, pero si amosa como a vida está marcada por múltiples factores que dificultan a liberdade plena. Quizais, como suxire a novela, o importante non é tanto o que nos ocorre como a forma na que somos capaces —ou non— de afrontalo. 

En definitiva, é unha obra profundamente humana, cargada de melancolía e dunha tensión moral constante, que segue sendo plenamente actual. Como ocorre coas grandes novelas, non só conta unha historia, senón que nos obriga a mirarnos a nós mesmos. E todo iso cunha prosa exquisita que confirma, unha vez máis, a mestría de Stefan Zweig. 




O home en busca de sentido é moito máis ca un testemuño sobre os horrores vividos por Viktor Frankl nos campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial. Aínda que poida parecer que se trata doutro libro máis que relata o sucedido en Auschwitz e as condicións inhumanas que sufriron millóns de persoas, o verdadeiro valor desta obra reside no seu enfoque psicolóxico e existencial. Viktor Frankl, ademais de prisioneiro, era psiquiatra, e iso permitiulle observar e analizar como reaccionan os seres humanos cando son desposuídos de todo, mesmo da esperanza. Ás veces dá a sensación de que analiza a súa experiencia coma se fose un estudo psiquiátrico ou psicolóxico. 

O máis impactante do libro, para min, non é só a crueza dos feitos, senón a inmensa enteireza do autor para transformar esa experiencia nunha lección de vida; para extraer dela aprendizaxes que lle permiten sentirse digno, sentirse persoa. A medida que avanzamos na lectura, comprendemos que, mesmo no sufrimento máis extremo, o ser humano conserva a liberdade de elixir a súa actitude. Esa é, segundo Frankl, a última das liberdades humanas. 

“Cada home, mesmo baixo unhas condicións tan tráxicas, garda a liberdade interior de decidir quen quere ser —espiritualmente e mentalmente—, porque mesmo nesas circunstancias é capaz de conservar a dignidade de seguir sentindo como un ser humano.” 

Esa idea de que, pase o que pase, aínda podemos decidir como afrontalo é fondamente inspiradora. É unha premisa que nos define como seres humanos, que salienta o enorme potencial que temos, a nosa liberdade interior, e que se opón firmemente a calquera intento de deshumanización. 

Durante a lectura, é imposible non sentirse interpelado. Frankl non escribe só para contar a súa historia, senón para convidar ao lector a mirar dentro de si mesmo, a cuestionarse cal é o sentido da súa vida e como respondería ante unha situación límite. Ou, polo menos así o creo eu, tamén ante aquelas situacións máis cotiás. 

No libro, naturalmente, tamén se fala do medo, da deshumanización, da maldade, da desesperanza, da perda de futuro… pero tamén de pequenos xestos de humanidade que, no medio do horror, convértense en xigantescos. Lémbranos que sempre é posible elixir como afrontamos a adversidade. Como afrontamos a vida: sendo indecentes ou sendo decentes. 

Comecei a lectura esperando unha obra de referencia, un clásico cargado de ideas filosóficas. E aínda que moitos deses conceptos xa os coñecía ou xa reflexionara sobre eles, Frankl dálle un peso completamente distinto ao presentalos desde a experiencia directa da dor. Esa combinación entre o rigor intelectual e a vivencia íntima é o que converte este libro nun texto tan poderoso. 

É, sen dúbida, un libro que aclara moitas cousas. Non só polo que conta, senón polo que esperta. É unha obra que invita ao silencio, á introspección e a preguntarse polo verdadeiramente esencial. 

Recoméndoo, non como unha lectura de paso, senón como unha obra que debe lerse amodo, subliñando frases, respirando entre capítulos e permitindo que cada reflexión nos acompañe máis alá do momento de pechar o libro.



 


Patria foi o terceiro libro que lemos no Club de Lectura a “Princesa Leía” (Ceres 1894), e xa o lera hai catro anos. Volver mergullarme nas súas páxinas foi un auténtico pracer. É deses libros imposibles de soltar, tanto pola historia como pola maneira que ten Aramburu de contar. Ten unha forma de narrar tan poderosa e tan próxima que o sitúa nun pedestal moi alto dentro dos escritores actuais do ámbito hispano.

O libro lévanos á vida dun pobo vasco fondamente marcado pola presenza de ETA. Nese contexto, dúas familias amigas vense de súpeto separadas por un feito tráxico: un dos fillos entra na banda, e o pai da outra familia é asasinado. O que me resulta especialmente impactante é como as nais de ambas familias afrontan esta nova realidade. Comparten trazos de carácter que reflicten unha sociedade cun matriarcado moi marcado, onde as decisións, as emocións e os silencios xiran ao seu redor. É coma se a tristura estivese sempre presente, pero ao mesmo tempo se negasen a deixarse arrastrar por ela para poder seguir adiante, aínda que teñan un fillo no cárcere ou perderan o seu marido.

Encantoume como cada personaxe ten a súa propia profundidade. Os fillos, por exemplo, teñen historias que poderían ser libros por si sós. Aínda que ETA é un tema amplamente coñecido, e lembro ben ver os atentados nas novas, Patria vai moito máis alá do conflito político. Formula temas que me resultan moi atractivos: a amizade, a procura da felicidade, a independencia (ás veces vivida de xeito tóxico), a presión familiar, o medo a pensar diferente, a romper co establecido.

Para min, o medo é o gran tema do libro. Todo está impregnado de medo: medo a falar, a pensar, a sentir, a amar, a ser feliz… ou a non selo. E Aramburu consegue transmitir todo iso cunha naturalidade incrible. Ler Patria é como estar nun bar de Bilbao, tomando un chiquito e escoitando dous veciños contar unha historia íntima, próxima, brutal.

É un libro moi recomendable. Esta foi a miña segunda lectura, e teño claro que non será a última.






Este libro de Marguerite Duras, unha das escritoras máis icónicas do século XX, é unha despedida literaria íntima e conmovedora. Cun estilo fragmentado e poético, Duras reflexiona sobre a escrita, o amor e a morte. “Parece ser que teño talento. Agora xa me afixen”, di sobre o seu oficio, asumíndoo coa naturalidade de quen xa non precisa explicacións. O seu amor por Yann Andréa tradúcese na urxencia de permanecer: “Amareite ata a miña morte. Vou tentar non morrer demasiado cedo”. Pero se o amor se esvae, queda a literatura: “Encamíñaste alí, directamente cara á soidade. Eu, non, teño os libros”. Este último testemuño de Duras é un legado breve pero poderoso, unha lectura para quen busca a verdade absoluta na literatura.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.