Cheguei á Capela de O Moredo, situada un pouco antes da aldea do mesmo nome, unha pequena aldea que actualmente está practicamente deshabitada e que pertence ao concello de Paderne de Allariz. A capela, aínda que modesta en tamaño, é encantadora coa súa planta rectangular. Os seus muros, levantados con perpiaño granítico concertado na modalidade de "opus vittatum", mostraban unha construción sólida e artesanal. A capela estaba protexida por unha cuberta a catro augas, e na súa fachada principal destacaba un grande van rectangular, hoxe pechado por unha parede de madeira calada que albergaba unha porta.

Unha das características máis notables do edificio era o cabido cuberto, un espazo aberto sostido por dous esteos de granito con arestas biseladas. Este cabido tiña a función de resgardar aos fieis das inclemencias do tempo cando acudían ao templo.

Preto da capela erguíase un cruceiro sen figuración, un elemento que, aínda que sinxelo, complementaba a contorna da capela.

A Capela de O Moredo estaba dedicada a San Bartolomeu, cuxa iconografía clásica inclúe un coitelo e unha diabla. San Bartolomeu é coñecido na arte por ser representado cun gran coitelo, aludindo ao seu martirio, pois segundo o martiroloxio foi esfolado vivo, razón pola que é o patrón dos curtidores. Ás veces tamén se lle representa suxeitando cunha cadea a unha diabla, símbolo da súa vitoria sobre o mal segundo diversas tradicións. A fisonomía de San Bartolomeu, segundo a descrición en "A lenda dourada" de Santiago de la Vorágine, é a dun home de estatura corrente, con cabelos ensortellados e negros, tez branca, ollos grandes, nariz recto e ben proporcionado, e barba espesa e lixeiramente entrecana. O seu semblante é alegre e risueño, e dise que viviu alleo ao amor das cousas mundanas, enfocado nos amores celestiais, apoiándose sempre na graza e auxilio divino. A imaxe de San Bartolomeu que garda a capela axústase a esta iconografía clásica.

A capela, así como a sinxela construción que está moi preto dela, atópase nun lugar fermoso rodeado de vales e carballos centenarios. Todo iso aínda era máis fermoso grazas á luz dun sol que se estaba pondo, bañando a paisaxe con tons dourados e cálidos, realzando a serenidade e beleza da contorna.































Despois de pasar por Figueiredo e Golpellás, a estrada continuaba o seu percorrido polo Val da Rabeda. Eu seguín adiante neste exótico viaxe de non máis de catro quilómetros. Atrás quedaban a magnífica igrexa de San Pedro e a silente igrexa de Santa Baia. A pouca distancia deste lugar, agochada e baixo unha forte chuvia que de súpeto quixo facerse presente para acompañarme, cheguei a A Batoca.

Esta é unha pequena aldea formada por menos dunha decena de casas, a maioría en estado ruinoso, o que indicaba que había xa moito tempo que ninguén vivía alí. Porén, estaba errado. Houbo varios detalles que me levaron a pensar o contrario: un paraugas colgado nun balcón, algo de roupa tendida e un desconfiado gato que me vixiaba a través dunha pequena ventá.

Estiven un anaco explorando A Batoca. Ademais dunha casa de magnífica construción que se atopa á entrada da aldea, soa, á dereita, o resto das vivendas están agrupadas. Son casas típicas do rural galego, coas súas escaleiras exteriores, os seus balcóns, os seus muros de cachotaría, os teitos derrubados e sen portas. Entre o silencio e o abandono, atopei un forno, un pozo e unha pía que evocaban outros tempos e outra forma de vivir. 

Cando saia o sol, voltarei.



































oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.