Despois de pasar por Figueiredo e Golpellás, a estrada continuaba o seu percorrido polo Val da Rabeda. Eu seguín adiante neste exótico viaxe de non máis de catro quilómetros. Atrás quedaban a magnífica igrexa de San Pedro e a silente igrexa de Santa Baia. A pouca distancia deste lugar, agochada e baixo unha forte chuvia que de súpeto quixo facerse presente para acompañarme, cheguei a A Batoca.
Esta é unha pequena aldea formada por menos dunha decena de casas, a maioría en estado ruinoso, o que indicaba que había xa moito tempo que ninguén vivía alí. Porén, estaba errado. Houbo varios detalles que me levaron a pensar o contrario: un paraugas colgado nun balcón, algo de roupa tendida e un desconfiado gato que me vixiaba a través dunha pequena ventá.
Estiven un anaco explorando A Batoca. Ademais dunha casa de magnífica construción que se atopa á entrada da aldea, soa, á dereita, o resto das vivendas están agrupadas. Son casas típicas do rural galego, coas súas escaleiras exteriores, os seus balcóns, os seus muros de cachotaría, os teitos derrubados e sen portas. Entre o silencio e o abandono, atopei un forno, un pozo e unha pía que evocaban outros tempos e outra forma de vivir.
Cando saia o sol, voltarei.