Hoxe, despois de máis de catro décadas desde a miña primeira e única visita, decidín regresar á casa do bruxo Antón. Aquel primeiro encontro co lugar, hai tanto tempo, foi resultado dun conxunto de circunstancias particulares que converxeron nun momento da miña vida marcado pola desesperación, o contexto social no que me atopaba e algunhas crenzas persoais ás que se chega en procura dunha saída.
Ao volver, levaba comigo un bulebule de recordos difusos, algúns apenas albiscados entre as sombras do pasado, e outros máis nítidos. A imaxe da casa mantíñase gravada na miña mente, coa súa decoración enigmática e máxica, onde figuras e adornos de lugares afastados parecían danzar no medio dunha atmosfera de misterio e maxia. Agora, no medio dun frondoso bosque, a beira dunha estreita estrada en Santa Baia de Anfeoz (Cartelle), a casa do bruxo Antón seguía en pé, desafiando ao tempo coa súa construción aparentemente caótica e desordenada, coma se fose levantada baixo o capricho dalgunha forza invisible.
Ao chegar, tiven a fortuna de atoparme cunha das persoas que a habitan, un home que xentilmente me recibiu e compartiu comigo as historias que habitan entre as paredes daquel lugar singular. Entre elas, a historia do médico rural Serafín Barros, quen alugou un espazo na propiedade nos anos 30 do século pasado. Este médico, coñecido pola súa xenerosidade e os seus métodos pouco convencionais, exerceu durante décadas na zona, deixando unha pegada indeleble na comunidade antes de regresar ao seu lugar de orixe.
A casa pasou logo a mans de Antón e Marta nos anos 70, quen a transformou nun santuario de sanación e espiritualidade. Antón, un antigo mestre en busca dun cambio radical, e Marta, unha muller de orixe checoslovaco cun aura de misterio ao seu ao redor, dedicaron as súas vidas para explorar os límites do convencional e o descoñecido. A través de métodos naturais e terapias alternativas, como o cultivo de flores e o balneario de barro, a casa converteuse nun refuxio para aqueles en busca de curación e renovación.
A historia da casa do bruxo Antón está impregnada dun espírito de procura constante e experimentación no campo da sanación. Ao longo das décadas, a parella viaxou por todo o mundo, absorbendo saberes ancestrais e tradicións curativas de diversos recunchos do planeta. Estes coñecementos reflectíronse na construción do lugar e nas terapias que ofrecían, atraendo a persoas de todas partes en busca de alivio e transformación.
Tras a partida de Antón e Marta, o lugar quedou en silencio durante anos, esperando ser espertado do seu letargo por mans dispostas a continuar o seu legado. E así foi, en agosto de 2013, os fundadores da Asociación Cultural SatChitananda chegaron cargados de ilusión e determinación para darlle un novo impulso ao lugar. Agora, como novos gardiáns do espazo, continúan o labor dos seus predecesores, levando adiante a visión de crear un santuario de sanación e espiritualidade onde a harmonía e o crecemento persoal sexan o centro de todo.
Estiven a pasear polos arredores da casa, fixándome na inmensa cantidade de detalles que o grupo de vivendas ten. Despois duns minutos de pasear, de mirar, de fotografar, o meu anfitrión convidoume a pasar ao interior e coñecer o que dentro garda. Xunto coas historias que contei antes, o meu anfitrión ensinoume diversas estancias, partes que están a recuperar, contoume algún dos proxectos que ten e convidoume a unhas xornadas que en datas próximas teñen previsto realizar, ademais de convidarme a que pasase a fotografalas.
Agradecinlle a invitación e o trato dispensado antes de despedirme del e da casa do bruxo Antón.
EXTERIOR DA CASA DO BRUXO ANTON
INTERIOR DA CASA DO BRUXO ANTON
Información: Comunidad SatChitAnanda