"A vila de Allariz, asentada nun meandro do río Arnoia, que a limita ao Norte e ao Oeste, sitúase en torno a unha colina (o monte Castelo), no val do mesmo río. O concello ao que pertence atópase limitado ao Norte polas serras de Santa Mariña e Boamadre (688 m); ao Este pola progresiva elevación do terreo nos montes e ondulacións de Meire, e pola serra de San Marcos; ao Sur pola serra de Penamá (927 m); ao Suroeste polos pregos suaves que culminan no castro de San Martiño e ao Noroeste pola penillanura de Queiroás e Urrós. 

Dista 20 km de Ourense, desde onde se accede directamente a través da A-52. 

As primeiras referencias sobre o seu pasado medieval remóntanse á primeira metade do século XII. Durante as guerras de Portugal, Alfonso Enríquez arrebatoulle a vila a Fernán Joanes, quen a recuperou pouco tempo despois. Durante algún tempo foi posesión da coroa e praza forte na época de Doña Urraca. 

En 1154, Alfonso VII concedeu a Allariz o foro de Sahagún e do mesmo derivarían despois os de Ribadavia e Padrón. 

Ao longo da segunda metade do século XI, a vila recibiu en varias ocasións a visita real. En 1161, Fernando Il firmou aquí un privilexio á diocese compostelá e en 1194 confírmanse en Allariz as doazóns que o mesmo rei fixera á diocese de Ourense. En 1197, Alfonso IX sentenciou que o bispo de Ourense non estaba obrigado a reparar os muros do seu castelo. Polas súas rúas pasearon despois Fernando III e Alfonso X. 

O seu casco urbano conserva recunchos medievais na zona de O Portelo e Vilanova, así como restos da súa fortaleza medieval, que no seu día tivo catro torres e dúas portas, e cuxos oríxenes remóntanse ao século XII. Tamén se mantenen algúns fragmentos da antiga e extensa muralla que rodeaba a vila, na que se abrían cinco portas e un portelo (postigo). Os mellores restos consérvanse na Rúa Nova e Entrecercas. No século XV, Xoán II doou a fortaleza ao Conde de Benavente, perdendo o seu peso real. 

Respecto aos seus templos románicos, hai que indicar que o de Santiago xa existía en 1136, cando Alfonso VII o donou ao bispo de Ourense D. Martín. O Santo Estevo existía en 1157 e pertencía ao obispado de Ourense. Ese ano recibiu para a súa protección o rei Alfonso VII. 

Allariz tivo unha importante xudaría da que non se conservan restos. Pero os xudeus da vila destacaron polas súas actividades comerciais e profesionais. O historiador Amador de los Ríos atopou no arquivo municipal a Carta de Avenençia entre Per Eanez veciño de Allariz e mais homes-bos é Isaac Isamel xudeo maor desta vila. Está datada o 20 de maio de 1289 e dá noticia sobre a vida de xudeus e cristiáns en Allariz. A xudaría estaba na zona denominada Socastelo. Tamén posuía na Idade Media un hospital de peregrinos que ían a Santiago e unha leprosería. Xa no século XV, concretamente en 1446, a vila pasou a depender dos condes de Benavente. 

Igrexa de San Pedro 


A referencia máis antiga sobre esta igrexa data de 1170, ano en que foi consagrada en 1170 polo bispo de Ourense, don Adán, en presenza do rei Fernando Il. Posteriormente, en 1224 e 1270, aparece citada de forma indirecta en relación co barrio e parroquia formados en torno a ela. 

O edificio orixinal foi moi transformado ao longo do tempo, polo que o seu aspecto está hoxe moi adulterado, contando con numerosas adicións de época moderna. A pesar diso, conserva do seu pasado románico o esquema xeral da súa planta, dunha soa nave e ábsida rectangular, parte do alzado da nave (reformada no século XVIII), o basamento da torre (datada en 1173, e que experimentou tamén remodelacións no século XVII), cinco canzorros no muro sur, descubertos nunhas obras que se realizaron en 1962, e que marcaban o nivel orixinal da cornixa do ábside, ademais dun arquiño de medio punto perfilado por bolas e un zócalo baquetonado que percorre toda a planta no seu interior. 

A parroquia foi suprimida en 1893 polo arranxo do bispo Cesáreo Rodrigo, quedando unida, modum unius, á de Santiago. Foi cedida aos Salesianos que lle adosaron na fachada sur a portada da igrexa de San Salvador de Piñeiro, arruinada por caer nela un raio en 1903. 

Sabese que o 10 de setembro de 1773 o bispo de Ourense, don Alonso Francos Arango, ordenou "reedificar e facer de novo" o templo por ameazar ruína, a consecuencia do cal se produciu a perda de gran parte da nave románica. A fachada occidental é barroca, de cara a 1774, momento no que sobre a portada principal se realiza unha inscrición onde se recolle a información que consta na documentación que se conserva sobre a igrexa, apuntando que a consagración da mesma tivo lugar o 23 de xaneiro de 1170. 

A torre, situada no ángulo suroeste, practicamente pegábase á sinxela portada occidental. Na súa fachada norte, nun longo sillar que conforma o dintel dun vano pechado, léese unha inscrición realizada en caracteres barrocos: ANO DE 1173. Do seu pasado románico só conserva o corpo inferior, no que, na súa cara occidental, abriuse unha saeteira con desaugue cuxa parte superior adórnase cun trevo. 

O tramo meridional da nave, entre a torre e a capela de Aranda, engadida no século XVII e suprimida no XX seguindo o plan de adaptación da igrexa ao colexio que se construíu ocupando a manzana comprendida entre a rúa de Entrecercas e a de Emilia Pardo Bazán, foi obra de Juan Tomiño, realizada en 1777. Nesta fachada sur encaixouse en 1922 e no lugar que ocupaba a capela de Aranda, a portada procedente da arruinada igrexa de San Salvador de Piñeiro. Esta portada abrese nun tramo de pan que sobresaí do resto do paramento da nave. De estilo gótico, está formada por tres arquivoltas apuntadas protexidas por unha chambrana. Esta moldúrase nun listel separado por unha liña incisa dunha nacela que se adorna cunha serie de puntas de diamante cuxa forma piramidal aparece desvirtuada ao adoptar o aspecto vexetal dun cadrifolio. A arquivolta exterior moldúrase nunha media cana entre dous boceles. A central presenta unha media cana seguida dun junquillo e un bocel na arista, moldurándose o intradós nunha media cana entre dous junquillos. A arquivolta interior moldúrase nunha media cana seguida por un listel separado do bocel que mata a arista por unha curta nacela. A media cana adórnase cunha serie de dez rosetas con botón central. Tamén o seu intradós recibe molduración, a base dunha media cana flanqueada por sendos boceles. As dúas arquivoltas máis exteriores apóianse sobre unha columna acodillada a cada lado, a través dos cimacios impostados, mentres que a interior o fai sobre sendas mochetas que á súa vez o fan sobre as xambas. O cimacio impostado moldúrase nun listel cuxo terzo inferior retranquea lixeramente, seguido dunha nacela que recibe unha decoración a base de motivos vexetais, destacando os do lado oriental, que mostra un talo sinuoso de cuxos seños surxen unhas follaquiñas. As mochetas, encaixadas entre os boceles que matan as aristas das xambas, presentan sendas figuras masculinas, unha a cada lado, que visten longas túnicas. A do lado occidental parece entrelazar as súas mans sobre o peito, mentres que a oposta sostén un libro. 

O capitel exterior occidental presenta dous animais fantásticos enfrontados que entretecen os seus longos pescozos, unindo as cabezas no ángulo. Da punta das súas colas, que trazan unha curva ascendente, asoman unhas cabezas máis pequenas que sacan a lingua por entre as súas fauces abertas. O capitel interior presenta dous órdenes de follas que xurden de uns talos e que se volven sobre sí e cara un lado, mostrando o seu reverso surcado por nervios. No lado oriental, o capitel exterior exhibe tamén unha decoración vexetal, mentres que no interior un rostro de home situado no centro é atenazado por uns animais híbridos (quizais dragoas) que mordan as súas orellas, mentres volven as súas longas colas cara á súa barbela. 

Os fustes das columnas, cilíndricos e monolíticos, apoian sobre unhas bases de tipo ático. 

No seguinte tramo deste paramento sur, que corresponde á capela maior, apareceu en 1962 unha lousa encaixada de forma invertida, hoxe colocada xunto a outra para cegar o vano dunha porta, na que se distingue unha inscrición: DEDICATIONE E(ra) MCc[?]x. Cid Rumbao lee como era MCCLX, co que o ano de dedicación correspondería ao ano 1222, data tardía se se ten en conta a data de consagración, ainda que hai que considerar que ambas cerimonias se celebraban de forma independente e ás veces aquela tardaba bastantes anos, como ocorre neste caso. Coa remoción da sacristía, apareceron tamén cinco canzorros que indican a altura orixinal do ábside, hoxe moi recrecido. Un deles, sobre o último dunha serie de planos superpostos, mostra un tema vexetal, a base dunha folla trebolada, que volve sobre sí o picudo lóbulo central, mentres os laterais se enrollan compondo sendas volutas. Tres deles exhiben temas xeométricos: unha nacela simple, un semicilindro disposto longitudinalmente que se curva seguindo a superficie en caveto do canzorro e unha lingüeta en cuxos terzos inferiores se marcan unha serie de seis estreitos rectángulos transversais, permanecendo o tercio superior liso. Só un dos canzorros mostra figuración: a cabeza dun home imberbe, que cubre o seu pelo co que parece un panuelo que forma uns pregues horizontais na súa parte frontal. Baixo el asoman as orellas. No rostro destacan os penetrantes ollos. A cabeza sostense sobre un grosso e longo pescozo. 

Baixo os canzorros, unha saeteira repite o motivo da que se atopa na torre, pero esta vez mostrando cinco pétalos en lugar de tres. 

A mencionada sacristía pasou en 1962 á parte oriental do ábside, borrando ao exterior calquera traza da fábrica románica a este lado, polo que a xanela absidal perdeuse. 

No lado norte atopábase o claustro (ao lindar o lado sur coa muralla), do que hoxe non queda rastro. 

No que atinxe ao interior, o chán foi embaldosado, cubrindo as inscricións de enterramentos, e o podio que percorría a nave estaba desgastado. Polo tanto, só se conservan algúns elementos, como unha saeteira de ápice semicircular con derrame e un arco de medio punto decorado con bolas que hoxe se coloca sobre unha porta.

Dúas inscricións, ademais da comentada, daban información sobre a construción da igrexa. Desapareceron durante as reformas do século XVIII. Unha delas estaba ao lado da porta principal e, segundo recolle Cid Rumbao, dicía: era millésima ducentésima decima prima, isto é, ano 1173, en referencia á torre. A outra inscrición estaba no lado sur, xunto á portada primitiva, e, tamén segundo Cid Rumbao, o seu texto era: anno dedicationis ecclesiae era millésima ducentésima octava, isto é, ano 1170.

Trátase, polo tanto, dunha igrexa moi transformada na que só quedan uns poucos elementos románicos, tendo en conta, ademais, que a portada que se encaixou na súa fachada meridional pertence a outra igrexa, mostrando un estilo xa gótico. A pesar de que a escasa documentación coa que contamos data a construción da igrexa en 1170, as características dos canzorros conservados indicarían unha cronoloxía arredor da primeira década do século XI".

(Texto de MVT - Románico Digital)


NOTA: 
A inscrición da fachada sur, así como gran parte desta, sufriu unha agresión en forma de pintada que evidencia o descoñecemento e a falta de respecto absoluto polo noso patrimonio.



























Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.