A principios de ano lin "Actos humanos", desta mesma autora, e deixoume moi bo sabor de boca. Gustoume moito e prometinme seguir lendo outras obras súas. Con La vegetariana atopeime cunha lectura moi diferente, máis perturbadora e desacougante, pero que tamén invita á reflexión.
A novela estrutúrase en tres partes, con Yeonghye como fío condutor. A través dela e das persoas que a rodean (o seu marido, o seu cuñado e o seu irmán), Han Kang constrúe unha historia na que a soidade, a incomunicación, a rutina e a falta de ilusión parecen terse apoderado da vida dos protagonistas. Son persoas que non atopan o seu lugar no mundo, incapaces de establecer relacións que lles permitan escapar do seu propio baleiro.
A decisión de Yeonghye de deixar de comer carne, desencadeada por uns pesadelos recorrentes, é o punto de partida dunha ruptura cada vez máis profunda coa súa contorna e coa realidade que a rodea. O seu comportamento provoca incomprensión, rexeitamento e mesmo violencia entre aqueles que pretenden que volva ser a persoa que era. Porén, máis alá desa decisión inicial, a novela fálanos de algo moito máis complexo: a liberdade individual, o control sobre o propio corpo e a dificultade de aceptar a quen se afasta das normas establecidas.
A medida que avanza a historia, o sufrimento dos personaxes adquire unha dimensión cada vez máis angustiosa. A frustración, a presión social e familiar e a incapacidade para afrontar a propia existencia conducen a situacións extremas. Nun momento da novela, Yeonghye pregunta: «E por que non podo morrer?». Unha frase que me parece especialmente reveladora porque expresa unha desesperación absoluta, na que a morte aparece non tanto como unha traxedia, senón como unha posible saída a un sufrimento insoportable.
Todo isto lévame a unha cuestión sobre a que persoalmente me teño preguntado algunha vez: que é o que lle dá sentido á nosa vida? Que fai que pague a pena vivila? A novela aborda temas de plena actualidade, como a saúde mental, a frustración e as esixencias que nos impoñemos para seguir adiante, pero tamén formula unha pregunta máis profunda: que ocorre cando unha persoa deixa de atoparlle sentido á súa propia existencia e xa non é capaz de recoñecerse no mundo que a rodea.
Algunhas interpretacións presentan La vegetariana como un reflexo da sociedade coreana. Non é esa a lectura que eu fago. Creo que Han Kang expón unha cuestión moito máis universal, que quizais hoxe resulte especialmente visible pola nosa forma de vida, pero que considero inherente ao ser humano: como afrontamos a nosa existencia e que necesitamos para vivila dunha maneira plena.
Os parágrafos finais deixáronme unha profunda sensación de baleiro e angustia, especialmente pola situación de Yeonghye e pola impotencia que transmite a súa historia. É unha novela que deixa moi mal sabor de boca, non pola súa calidade literaria, senón polas emocións que esperta e polas preguntas que deixa sen resposta.

