“Por que no soy cristiano” é unha obra profunda e provocadora que invita ao lector a cuestionar, reflexionar e desafiar crenzas sobre relixión, ética e liberdade de pensamento. Este libro é unha recompilación de catorce ensaios, escritos ao longo de máis de cincuenta anos, nos que Russell desmonta os argumentos tradicionais do cristianismo e da relixión. Máis aló do seu ateísmo, Russell achégase a unha exploración que abrangue desde a existencia de Deus ata a moral e a liberdade de cátedra, creando unha análise que esixe concentración e apertura de mente. É un libro que, sen dúbida, obriga a pensar e a dubidar; polo menos, así o sentín. Esperta unha nostalxia por debates tan profundos e necesarios que hoxe escasean.

Russell non só cuestiona as bases teolóxicas, senón que critica duramente aspectos da moral cristiá, en especial os relacionados coa sexualidade e a liberdade individual, que considera represivos e limitantes. No famoso debate con Copleston, unha das partes que máis me gustaron, queda clara a súa postura racionalista, onde expresa que non hai evidencia suficiente para afirmar a existencia de Deus e que, aínda que unha crenza poida ter beneficios morais, isto non implica que sexa verdadeira: “O feito de que unha crenza teña un bo efecto moral sobre un home non constitúe ningunha evidencia a favor da súa verdade.” Ademais, Russell aclara: “Eu non afirmo dogmaticamente que non hai Deus. O que sosteño é que non sabemos que o haxa.”

Un dos puntos máis cativadores do libro é a súa defensa apaixonada da liberdade e do pensamento libre. A última parte, onde relata a polémica que xurdiu cando lle foi negada a cátedra na Universidade de Nova York, é reveladora dos riscos aos que se enfronta o pensamento crítico fronte ás normas sociais e relixiosas. A súa reflexión sobre como o rexeitamento aos puntos de vista disidentes ameaza á democracia é especialmente relevante para o contexto actual: “O que pon en perigo a democracia non son a polémica nin as diferenzas claras. Pola contra, son as súas maiores salvagardas. É parte esencial da democracia que os grupos importantes, incluso as maiorías, sexan tolerantes cos grupos disidentes, por pequenos que sexan, e por moito que ofendan os seus sentimentos.” Estas palabras do filósofo e matemático inglés teñen, sen dúbida, plena vixencia hoxe en día.

Aínda que en ocasións a lectura deste libro se fai un pouco difícil, Russell é un pensador que, sen dúbida, paga a pena coñecer. A súa capacidade para cuestionar o papel da relixión na sociedade e a súa defensa do individualismo seguen sendo pertinentes. En resumo, Por que non son cristián é un libro moi actual, que invita a reflexionar sobre o cristianismo e sobre o papel da relixión no desenvolvemento moral e ético da humanidade. Aínda que a súa lectura poida ser esixente, a visión aguda de Russell e o seu chamado ao pensamento independente e crítico convérteno nunha experiencia enriquecedora, tanto para os crentes como para os non crentes.



“El prisioneiro de Zenda” de Anthony Hope é unha desas novelas que te atrapan dende as primeiras páxinas, non só pola historia, senón por esa calidade que fai que nunca envelleza. Publicada en 1894, é un claro exemplo de como o xénero de aventuras pode transcender épocas e lectores. A trama, ambientada na Europa imaxinaria de Ruritania, combina amores imposibles, heroes valentes, viláns carismáticos e unha intriga palaciega que mantén a calquera en vilo.

Este exemplar comprei no rastro que se celebra na Praza Maior de Ourense os primeiros domingos de mes. É unha edición de 1987 de Planeta (hoxe precisamente entrega os seus premios), o que engade un toque especial á experiencia de lelo.

O que máis me encantou da novela é a súa capacidade para transportarte a un mundo de duelos, conspiracións e grandes sacrificios, todo nun entorno tan detallado que parece real. Un verdadeiro e clásico libro de aventuras. Rudolf Rassendyll, o protagonista, é un gentleman que, por accidente, se ve envolto na trama dun reino estranxeiro, e a súa relación imposible coa princesa Flavia engade unha capa de emoción e traxedia que lle dá profundidade á historia.

Ademais, a novela non só é unha gran aventura, senón que tamén destaca pola complexidade dos seus personaxes. O antagonista, Ruperto de Hentzau, é un vilán fascinante: elegante, perigoso e cheo de carisma.

“El prisioneiro de Zenda” é, sen dúbida, unha desas historias que non deberían faltar na vida de calquera lector, pois ten o poder de facernos soñar e vivir grandes aventuras. Unha auténtica delicia.




Neste libro, a protagonista, Nuria, regresa ao seu lugar de orixe, un pobo andaluz que semella ter sucumbido aos estragos do tempo e do clima. Este espazo, que noutro tempo representaba unha escapatoria estival, convértese agora no escenario dun enfrontamento entre a poboación local, que loita contra as dificultades económicas e busca alternativas para sobrevivir, mentres os veraneantes da cidade insisten en preservar a paisaxe sen alteracións.

A enfermidade que ameaza os alcornoques, a “seca”, actúa como unha poderosa alegoría do desgaste moral dos personaxes. Nuria, egocéntrica e atrapada na súa amargura, é incapaz de fuxir dos seus propios fantasmas. O seu regreso non é máis que un intento frustrado de revivir un tempo xa perdido, un que se lle escapa mentres o pobo segue un curso de transformación que ela non pode aceptar. A “seca” non só afecta ás árbores, senón tamén á protagonista, cuxo baleiro emocional lle impide gozar do presente ou permitir que os demais o fagan.

Rodríguez, cunha prosa sobria e coidada, captura a decadencia tanto da contorna como das relacións humanas. A paisaxe que describe, aínda que evocadora, revela as cicatrices invisibles que deixa o paso do tempo. A través desta atmosfera de deterioro, a novela invita a unha profunda reflexión sobre a memoria, a perda e a resistencia das persoas, que, ao igual ca os alcornoques, levan as marcas do que lles foi arrebatado.



É esta unha obra que combina a memoria persoal cun retrato da Barcelona dos anos 70. A través da morte da súa irmá Nela aos 21 anos, o autor inicia unha procura para comprender quen era e rescatarla dun esquecemento voluntario, unha especie de “damnatio memoriae” ao estilo da antiga Roma que se impuxo na súa familia. Nela, rebelde e curiosa, deixou o fogar aos 16 anos, atraída polos movementos políticos e culturais, pero tamén polas drogas, en especial a heroína, que comezou a circular antes da gran epidemia dos anos 80.

O libro non só narra a vida de Nela, senón que examina o contexto das drogas na España dos 70, cando moitos mozos descoñecían os riscos do seu consumo. A relación entre Nela e as drogas é un dos puntos máis impactantes do relato, xa que inicialmente se asume que morreu de sobredose, aínda que a historia revela outro desenlace. Nela é presentada como unha idealista, unha pioneira, reflexo dunha xeración que viviu un tempo de liberdade efémera nos últimos anos do franquismo.
Máis alá da historia persoal, Trejo traza un paralelismo entre a vida da súa irmá e o momento histórico de Barcelona. Aborda temas como a migración rural ás cidades, o choque entre os costumes tradicionais e as novas correntes culturais, as relación familiares e os cambios sociais que marcaron a transición cara á democracia.

O ton da obra é melancólico e está impregnado dunha sensación de resignación e dor. Trejo transmite a incerteza da súa procura, o que pode frustrar ao lector nalgúns momentos, pero reflicte fielmente o dó e a dificultade de atopar respostas. Nela 1979 non só rescata a memoria de Nela, senón que tamén pon en primeiro plano a unha xeración que quedou atrapada nun esquecemento voluntario, marcada polos cambios sociais e culturais dunha época turbulenta.




“El infinito en un junco” de Irene Vallejo é un ensaio que se erixe como un verdadeiro homenaxe á literatura e á historia do libro, ofrecendo unha experiencia rica en coñecementos e reflexións sobre a transmisión do saber. A recomendación do meu irmán e as críticas entusiastas que rodean a obra impulsáronme a mergullarme nas súas páxinas, e este ensaio logrou cativarme dunha maneira inesperada.

Vallejo tece unha narrativa que explora o orixe do libro e traza un camiño a través da historia da humanidade. É evidente que escribiu este libro tendo moi presente a biblioteca de Alxeria e a herdanza dos clásicos gregos e romanos, pero tamén as ensinanzas do seu pai, os contos da súa nai e as experiencias cos libreros que coñeceu, así como as influencias de persoas “menos históricas” que formaron o seu amor polos libros. A súa prosa é accesible e envolvente, o que permite apreciar como as palabras moldearon civilizacións e como as historias influíron no pensamento colectivo. Cada capítulo convida a conectar coas emocións e pensamentos daqueles que nos precederon.

Un dos aspectos máis destacados da obra é a paixón que Vallejo sente polos libros. A súa magnífica capacidade para contar as cousas transforma o tema nunha experiencia placenteira. Esta conexión íntima co obxecto libro séntese en cada páxina e en cada anécdota que relata. Agradezo a Irene por compartir a súa visión e o seu amor pola literatura dunha maneira tan atractiva. En tempos nos que a tecnoloxía avanza a pasos agigantados, este ensaio recorda a importancia da lectura e do contacto coa palabra escrita.

“El infinito en un junco” foi recoñecido con varios premios, incluíndo o Premio El Ojo Crítico de Narrativa 2019, o Premio Las Librerías Recomiendan de No Ficción 2020 e o Premio Búho al Mejor Libro de 2019, outorgado pola Asociación Aragonés de Amigos do Libro. Estes recoñecementos subliñan a súa relevancia e o impacto que tivo no ámbito literario.

En conclusión, “El infinito en un junco” é unha obra que merece ser lida, non só pola súa riqueza informativa, senón tamén pola súa invitación a reflexionar sobre o valor dos libros nas nosas vidas. É un gran libro e Vallejo é unha magnífica escritora.




A novela “Con estas manos: Los años del acero” lévanos á vida de Alfonso, un mozo que renuncia á súa identidade tras a Guerra Civil Española para converterse en Dieter Reich, un "superhome ario" (Ubermensch) ao servizo das SS, do Terceiro Reich. A través da ollada dun criminal sen remordementos, o lector percorre episodios escuros da historia do século XX, desde as atrocidades no fronte oriental da Segunda Guerra Mundial ata as loitas de poder no corazón do réxime nazi.

O relato comeza cun elemento intrigante: un paquete que un carteiro galego debe entregar nun nicho do cemiterio. O destinatario, unha muller falecida, recibe unha carta escrita polo seu fillo, condenado a morte nunha prisión de Texas. Este misterio inicial serve como punto de partida para unha historia que abarca a caída da República en España, Stalingrado, os campos de exterminio como Treblinka, os guetos de Varsovia, entre outros eventos históricos.

Con todo, a pesar dos elementos dramáticos e bélicos que contén a trama, o libro parece perderse no seu intento de manter unha narrativa atractiva. Ao longo da historia, a insistencia en retratar o protagonista como un "superhome ario" malo, malísimo, acaba por resultar repetitiva, sen achegar unha maior profundidade ao seu carácter. A intención de resaltar a súa maldade e frialdade opaca calquera complexidade que podería facer máis interesante o personaxe, que non chega a definirse de maneira clara.

Así mesmo, o estilo do autor, cargado de adxectivos, tecnicismos e unha inmensa cantidade de datos, contribúe a que a lectura se volva densa e pouco fluída. Ademais, a influencia de películas de acción como “Capitán América”, “Rambo” ou “Depredador” é evidente, o que dá a sensación de que a novela foi escrita pensando máis nunha futura adaptación cinematográfica ou televisiva que na creación dunha obra literaria sólida.

En definitiva, “Con estas manos: Los años del acero” é unha novela cun fondo histórico importante, pero que non logra despegar do todo. Aínda que o tema e o contexto son potentes, a execución narrativa non conseguiu captar completamente a miña atención. Para quen goce dunha mestura entre ficción bélica e personaxes extremos, pode ofrecer momentos interesantes, pero para outros, o exceso de detalles, a falta de profundidade no protagonista e unha trama pouco consistente poden resultar frustrantes.


"Matadero Cinco" é unha novela que se adentra no corazón do sufrimento humano e a natureza do tempo a través dunha narrativa única e fragmentada. É historia de Billy Pilgrim, un home que sobrevive ao devastador bombardeo de Dresde durante a Segunda Guerra Mundial e, anos despois, é transportado a un planeta extraterrestre chamado Trafalmadore. Esta mestura de ciencia ficción e realidade histórica permítelle a Vonnegut explorar temas profundos como a inevitabilidade do destino e a relación entre o tempo e a experiencia humana.
A obra caracterízase polo seu estilo innovador e a súa estrutura non lineal, que reflicte o caos e a complexidade da vida. O uso do humor negro para abordar temas tan sombríos como a guerra e a morte achega unha perspectiva única e provoca unha reflexión sobre a repetición cíclica dos eventos humanos. Vonnegut lémbranos, como na canción de Yon Yonson que aparece na novela, que a historia parece condenada a repetirse eternamente:

"O meu nome é Yon Yonson.
Traballo en Wisconsin, nun serradoiro.
E cando vou pola rúa, a xente pregúntame:
‘Como te chamas?’
E eu respondo:
‘O meu nome é Yon Yonson.
Traballo en Wisconsin,...”

Este versos resumen de maneira incisiva a idea de que, a pesar das nosas accións e sufrimentos, a historia e a humanidade parecen atrapadas nun ciclo interminable de repetición. A novela plantea preguntas inquietantes sobre a capacidade de cambiar o noso destino e a natureza da existencia, deixando ao lector cun sentimento ambivalente: unha mestura de reflexión filosófica e pesimismo respecto á posibilidade dun cambio real no tecido da historia. "Matadero Cinco" non só é unha lectura rápida e envolvente, senón unha provocadora meditación sobre a inevitabilidade do sufrimento e a natureza cíclica da vida.


Achegueime a “El asesino de la montaña” con curiosidade, influído polas boas críticas e o seu éxito en vendas, aínda que facía tempo que deixara de ler thrillers. Buscaba algo entretido para o verán e decidín darlle unha oportunidade.

Desde o principio, a trama atrapoume. A protagonista, Leonore Asker, é un personaxe complexo e fascinante (en ocasións lembrábame a Lisbeth Salander da triloxía Millennium). A súa historia persoal, revelada pouco a pouco, engade profundidade ao relato. Aínda que ao inicio o seu novo posto na Unidade de Casos Perdidos parece unha humillación, axiña convértese no epicentro dunha investigación moito máis escura e perigosa do que parecía.

O autor manexa hábilmente os xiros argumentais, mantendo a tensión en todo momento. A pesar de que o lector sabe máis que a policía, a identidade do asasino segue sendo un misterio ata o final. Incluso, nun momento, o autor tenta enganar ao lector, aumentando a incerteza case ao peche da trama. Gustoume como se van revelando detalles a través de flashbacks, que nos permiten entender mellor a mente do asasino sen desvelar a súa identidade.

Aínda que a trama principal é complexa, o que realmente enriqueceu a lectura para min foron os personaxes, especialmente Leonore e Martin Hill, un experto en exploración urbana que engade un toque orixinal á historia.

En resumo, “El asesino de la montaña” é un thriller á altura do mellor thriller nórdico, cunha narrativa absorbente que mantén a intriga ata o final. É unha lectura que recomendaría a calquera que goce do xénero, ideal para aqueles lectores que busquen unha historia chea de misterio e suspense.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.