Un libro profundamente intelixente e ácido, aínda que non coincido con todo o que propón. Desde a súa primeira páxina, o autor cuestiona a crenza de que a historia humana avanza cara a un progreso constante. Gray, co seu pesimismo característico, pon en evidencia que o optimismo liberal que predominou tras a caída do muro de Berlín é máis ben unha ilusión.

Este libro parte da visión sobre o estado, a sociedade e o home de Hobbes, quen, a pesar da crítica constante que recibiu, segue sendo relevante hoxe en día para desenmascarar as futilidades políticas e éticas da nosa época. Neste sentido, Os novos talibáns reflexiona sobre como, en vez de avanzar cara unha sociedade máis racional e libre, estamos sendo testemuñas da resurrección dos autoritarismos, que parecen ofrecer certezas nun mundo sumido na incerteza.

O enfoque de Gray propón unha visión máis realista e desengañada da natureza humana, recoñecendo que somos guiados máis por impulsos e emocións que pola razón. Ademais, ten unha visión escéptica sobre o progreso. Se ben estou de acordo en que a historia non é lineal e pode repetirse en ciclos, creo que existen espazos para a mellora e a evolución moral, aínda que non de maneira tan idealizada como moitos pensan.
En definitiva, a pesar das nosas diferenzas de enfoque, paréceme que este libro é unha lectura esencial, sobre todo para aqueles que se senten cómodos coas certezas do orde liberal actual. Gray invítanos a mirar de fronte os “novos talibáns” que están xurdindo, a cuestionarnos se realmente somos responsables, dalgún xeito, da súa aparición, sexa por acción ou omisión. Por todo isto, recoméndoo, xa que propón interrogantes que merecen ser explorados.



Khneman, pai da psicoloxía conductista e premio Nobel de Economía, ofrécenos unha exploración sobre como funciona a nosa mente e como tomamos decisións. O seu enfoque xira arredor de dous sistemas de pensamento: o Pensamento 1, rápido e intuitivo, e o Pensamento 2, lento e racional. A través desto, desmonta moitas das nosas certezas e amosa como os nosos prexuízos inflúen en decisións clave, desde a planificación financeira ata a asunción de riscos.

Un dos acertos do libro é a súa claridade ao trasladar conceptos complexos a exemplos cotiáns (hai moitos). O autor demostra que non somos tan racionais como pensamos e que a confianza no noso xuízo é, en gran medida, unha ilusión. Pareceume especialmente interesante a súa idea de que a seguridade nunha crenza non implica a súa veracidade, senón só a coherencia da historia que nos contamos.

Aínda así, algúns capítulos fixéronseme densos, os relacionados coa psicoloxía, mentres que os de economía ou socioloxía resultáronme máis amenos. Pero incluso nos momentos máis áridos, o libro sorprende e fai reflexionar.

En definitiva, este ensaio desafía a nosa percepción da racionalidade e obríganos a cuestionar se realmente somos donos das nosas decisións. Non é unha lectura lixeira, pero si enriquecedora. Kahneman fainos pensar sobre como pensamos, e ese exercicio, aínda que incómodo, é imprescindible.





“Un día na vida de Abed Salama” é un libro que me impactou profundamente (e que devorei con ansia). Nathan Thrall consegue crear unha obra que non só é desgarradora, senón tamén necesaria para comprender o contexto humano detrás do conflito palestino-israelí. A través dunha traxedia aparentemente local —o accidente dun autobús escolar que custou a vida a varios nenos palestinos—, o autor lévanos por un labirinto de inxustizas, burocracia e desigualdade que define a vida cotiá de millóns de persoas en Cisxordania.

O que máis me enganchou foi a maneira en que Thrall transforma un feito concreto nunha radiografía social e política. Dende o horror e a desesperación de Abed Salama, un pai buscando noticias do seu fillo nun sistema que o oprime en cada paso, ata a descrición das barreiras físicas e mentais que separan palestinos e israelís, o libro somérxete nunha atmosfera de claustrofobia e violencia. É imposible non sentir a ansiedade e a dor dos personaxes, que viven baixo un réxime que converte o cotián nun desafío constante.

Se o inicio é duro, co accidente e a angustia que consume a Abed, o final é aínda máis impactante. Ademais de ser clarificador, deixa ao lector cunha sensación de dor e rabia inevitables. A claridade coa que Thrall expón as inxustizas e o sufrimento non deixa espazo para a indiferenza. Ao rematar, é imposible non sentir un baleiro emocional, unha mestura de impotencia e indignación ante unha realidade tan inxusta e esmagadora.

A pesar das dificultades iniciais cos nomes e as transliteracións, a narrativa atrapoume por completo. Thrall non se limita a expoñer os feitos; constrúe unha historia que respira humanidade. Os personaxes, coas súas loitas e a súa resistencia, son a alma desta obra. Ao rematar o libro, queda unha sensación de impotencia, pero tamén unha comprensión máis profunda dunha realidade que moitas veces se reduce a cifras ou titulares. Aquí, as vidas individuais teñen nome, rostro e emocións.

Recomendo este libro a calquera que queira entender non só o conflito de Oriente Próximo, senón tamén como as traxedias individuais reflicten as inxustizas estruturais dun sistema. É un relato duro, conmovedor e necesario. Se aínda non o liches, non agardes máis. É unha obra que te deixará marcado.




Hai algo inquietante na forma en que Pedro Sánchez e o seu goberno fixeron política nestes anos. Non é só o que fan, senón como o fan. Non é só o que din, senón como o din. Sánchez converteuse nun prestidixitador político, un ilusionista que constrúe un relato mentres destrúe, ladrillo a ladrillo, as bases mesmas da democracia. E faino cun sorriso cínico, cunha man tendida mentres a outra desmantela os contrapesos institucionais, despreza os límites do poder e sementa unha división social que nos converte en inimigos uns dos outros.

O último truco deste mago político foi a proposta do PSOE de limitar as “accións xudiciais abusivas”, que, baixo o pretexto de evitar querelas infundadas, busca blindar ao propio Sánchez e ao seu entorno fronte ás múltiples sospeitas que os acosan. Ministros, exministros, familiares directos como a súa muller e o seu irmán, todos están no centro de escándalos que calquera goberno democrático afrontaría con transparencia e responsabilidade. Pero aquí non. Aquí lexislase para protexerse, para silenciar, para desactivar calquera ameaza xudicial futura.

Non é un caso illado. É un capítulo máis dunha novela negra na que o poder se exerce sen respecto polas regras do xogo, cun desprezo calculado cara ás institucións e un cinismo que non deixa espazo para o debate honesto. Vexamos o resto da trama.

A xustiza como inimiga

Desde o principio, Sánchez e o seu goberno identificaron o poder xudicial como un obstáculo, non como un piar do Estado. A reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) para limitar as súas competencias mentres non se renovaba a súa composición foi o primeiro movemento nesta dirección. Despois veu a presión sobre o Tribunal Constitucional, cunha reforma exprés deseñada para acelerar a elección de maxistrados afíns ao goberno. Todo isto envolto nunha narrativa que acusa os xuíces de parcialidade ideolóxica, deslexitimizándoos ante a cidadanía.

Pero a xoia da coroa foi o pacto cos independentistas cataláns para garantir a investidura de Sánchez. Aquí non houbo nin disimulo. Ofreceuse unha amnistía para os responsables do “procés” a cambio de votos, unha medida que non só vulnera a igualdade ante a lei, senón que lexitima a desobediencia institucional e desarma o Estado fronte a futuros desafíos secesionistas.

E neste xogo cos cataláns, un dos elementos máis escuros é o chamado “financiamento singular”. Baixo este termo escóndese un trato económico privilexiado que coloca a Cataluña nunha posición de vantaxe respecto ao resto das comunidades autónomas. Este acordo, claramente dirixido a satisfacer as demandas dos partidos independentistas, rompe o principio de igualdade entre os territorios. En España, con Sánchez de presidente, non todos somos iguais ante a lei nin no que respecta ao financiamento. A mensaxe é clara: os que atacan o conxunto do Estado, pero teñen os votos necesarios para presionar e chantaxear ao goberno, obteñen privilexios, mentres o resto da cidadanía queda relegada. O resto somos de segunda clase.

A polarización como estratexia

Mentres todo isto ocorre, Sánchez utilizou unha estratexia que resulta tan eficaz como perigosa: a polarización empregando a mentira (coma Trump). En lugar de gobernar para todos, fomentou o enfrontamento entre distintos sectores da sociedade, dividindo á cidadanía en bandos irreconciliables. Cada reforma, cada declaración, cada medida parece deseñada non só para resolver un problema, senón para xerar un inimigo, un “outro” ao que culpar.

A Lei de Memoria Democrática é un bo exemplo. O que podería ser unha ferramenta para a reconciliación histórica converteuse nun instrumento de confrontación, impoñendo unha visión ideolóxica que divide en lugar de unir.

E non esquezamos a Lei do “Só si é si”, un desastre lexislativo que permitiu a redución de condenas para agresores sexuais xa sentenciados. Lonxe de asumir responsabilidades, o goberno optou por culpar á oposición, aos xuíces, a calquera menos a si mesmo, aumentando aínda máis a crispación social.

A prensa como inimiga

Nun sistema democrático, a prensa é un contrapoder esencial. Pero para Sánchez e o seu equipo, os medios de comunicación críticos son inimigos aos que hai que sinalar e desacreditar. Desde os ataques directos a xornalistas ata a instrumentalización de RTVE e outros medios públicos, o goberno demostrou un desprezo alarmante pola liberdade de prensa.

O resultado é un clima de intimidación que erosiona un dos piares fundamentais da nosa sociedade. Porque cando os xornalistas temen informar e a cidadanía non confía nos medios, a democracia perde a súa capacidade de autorrevisión.

O decreto-lei como norma

Por se todo isto fose pouco, Sánchez converteu o decreto-lei na súa ferramenta favorita de goberno, evitando o debate parlamentario e os controis democráticos que deberían acompañar calquera decisión de calado. En lugar de consensuar, impón. En lugar de dialogar, decreta. A isto engádese o desprezo evidente ao Congreso, a cámara de representación de todos os españois, onde nunca responde ás preguntas da oposición e onde, a maioría das veces, insulta e despreza.

Unha democracia en risco

Todo isto lévanos a unha conclusión inquietante: Sánchez non está gobernando, está desmontando. Faino coa habilidade dun arquitecto ao revés, quitando unha viga aquí, un piar alá, ata que o edificio parece intacto pero está baleiro por dentro.

E faino mentindo. Mentindo sobre as súas intencións, mentindo sobre as consecuencias dos seus actos, mentindo sobre os problemas que afronta o país. Pero as mentiras non son o peor. O peor é a fractura que deixa tras de si, o enfrontamento entre cidadáns, o desprezo polas institucións, o ataque sistemático aos fundamentos da nosa sociedade.

Se non detemos esta deriva, se non recuperamos o respecto polas regras do xogo, pronto atoparémonos vivindo nunha democracia que só existe de nome. E entón, quizais, xa sexa demasiado tarde.

Este mércores, no primeiro acto conmemorativo da morte de Franco (aínda faltan 11 meses para os 50 anos do seu falecemento e dous anos para a chegada da democracia), Sánchez alertou de que “a ditadura pode volver ocorrer” e que “os que cantan as virtudes do autoritarismo queren que esquezamos estas cousas”. Non, non esquecemos. De feito, este texto non é máis que un humilde recordatorio de todo iso. Todo o que Sánchez está facendo contra o noso sistema democrático. #PSOE #PedroSanchez


“El Círculo” é un libro cunha premisa interesante que aborda temas relevantes como a invasión da privacidade, o poder das grandes corporacións tecnolóxicas e o impacto das redes sociais nas nosas vidas. Porén, a pesar do potencial do tema, o desenvolvemento da novela deixa moito que desexar.

Os personaxes son planos e carentes de profundidade, o que dificulta conectar con eles ou interesarse polos seus dilemas. As situacións na trama acontecen sen unha xustificación sólida, dando a impresión de que o autor as utiliza só como escusa para expoñer a súa visión crítica do mundo dixital e non para dar forma a unha trama mínimamente consistente. Isto agrávase co estilo narrativo, que se volve repetitivo e monótono ao centrarse en describir as tarefas laborais da protagonista ou as súas interaccións nas redes sociais, algo que rapidamente se fai aburrido.

Aínda que a novela intenta reflexionar sobre temas importantes como a manipulación, o populismo, a falta de pensamento crítico e os perigos do control corporativo, faino dun xeito superficial e pouco literario. Ademais, moitas das ideas que poderían ter sido provocadoras no 2013, cando se escribiu o libro, agora resultan obsoletas ou superadas polos avances tecnolóxicos e sociais actuais.

En resumo, “El Círculo” é un exemplo dunha boa idea mal executada. Plantexa un tema importante e relevante, pero falla no seu desenvolvemento narrativo e na capacidade de transmitir unha mensaxe profunda ou impactante. Unha oportunidade desperdiciada que deixa máis frustración ca satisfacción.



“Tristano muere” é un libro denso e complexo que require tempo e reflexión e que me gustou moito. A novela está centrada no monólogo dun ex-partisano que, no seu leito de morte, relata a súa vida a un escritor que o retratou nun libro anterior. A través deste relato, Tristano comparte as súas contradicións, remordementos e as decisións difíciles que tomou ao longo da súa vida.

A estrutura da novela resulta algo difícil de seguir (é un monólogo), xa que se presenta como un relato oral fragmentado, influenciado pola morfina que toma o protagonista. Isto fai que a lectura sexa ás veces confusa, pero tamén máis atractiva. Aínda que a historia de Tristano é persoal, tamén serve para reflexionar sobre a historia de Italia e Europa no século XX, cunha crítica ás contradicións da democracia e a guerra.

O que máis me gustou de “Tristano muere” é que non trata de dar respostas sinxelas, senón que invita a pensar e a dubidar. A novela non é optimista nin intenta dar respostas ao lector, senón que plantea preguntas sobre a vida e a historia, deixando un sentimento de incerteza. A pesar de que pode ser difícil de ler, a obra ten moita profundidade e ofrece unha visión crítica da política e da historia contemporánea, algo que me resultou moi interesante.

Nunca lera nada de Tabucchi, pero sen dúbida seguirei explorando a súa obra. O seu estilo único e a súa maneira de crear personaxes complexos impresionáronme, e Tristano morre é unha novela que, a pesar de ser difícil, déixame unha boa impresión





O último libro de Rubén Amón, “TENEMOS QUE HABLAR”, aborda un tema interesante e moi actual: a crise da arte da conversa na nosa sociedade. Aínda que o plantexamento é acertado e o autor consegue sinalar algúns dos factores que afectan á nosa capacidade para comunicarnos de forma profunda —como a saturación tecnolóxica, o dogmatismo ou a superficialidade dos debates públicos—, o libro non destaca como unha obra especialmente destacable.

Amón reivindica a conversa como un espazo de entendemento e reflexión, algo sen dúbida importante, pero o enfoque resulta algo básico nalgúns momentos. Aínda que propón ideas prácticas, como valorar o silencio, coidar a linguaxe corporal ou escoller ben os temas de conversa, estas reflexións non achegan nada especialmente novidoso.

Tiven a oportunidade de asistir á presentación do libro en Ourense, en elcercano.com, e aínda que a charla foi amena, creo que o libro queda nun nivel máis divulgativo que literario ou profundo. É un libro correcto, que pode interesar a quen busque reflexionar sobre como nos comunicamos, pero non deixa unha pegada especial nin ofrece unha visión particularmente reveladora.


Acabo de ler “Mapa de soledades” de Juan Gómez Bárcena, un ensaio sobre a soidade que, a pesar do seu potencial, non conseguiu engancharme tanto como outros libros que lin este mesmo ano, sobre cuestións ou conceptos concretos, como “El infinito en un junco” de Irene Vallejo, sobre os libros, ou “ La Se de Virginia Mendoza, sobre a sed. Ambas as escritoras, aínda que tratan temas moi específicos, teñen unha capacidade fascinante para desenvolver narrativas amplas e profundas. No entanto, o ensaio de Gómez Bárcena, a pesar da súa riqueza en datos, anécdotas e personaxes, déixame coa sensación de que non afondaba o suficiente na complexidade da soidade.

“Mapa de soledades” é un percorrido por diversas formas de soidade: a elixida, a forzada, a que acompaña á creación, a que desemboca na loucura, ou a que, mesmo en medio dunha multitude, pode sentirse profundamente solitaria. O autor aborda o seu tema desde diferentes perspectivas, explorando figuras históricas, literarias e contemporáneas, como Horacio Quiroga, Emily Dickinson, ou mesmo personaxes máis actuais como Lady Di ou a cantante Miley Cyrus. Non obstante, sinto que o enfoque xeral non conectou comigo da mesma maneira que os libros de Vallejo e Mendoza, e non logrei percibir ese análise tan profundo e reflexivo que agardaría dun ensaio deste tipo.

Con todo, houbo momentos do libro que si me gustaron, especialmente un parágrafo no que o autor reflexiona sobre a soidade no ámbito rural e urbano, e que comparto a continuación:

“…los residentes urbanos, sobre todo en las cambio, para un mendigo que no quiere ser molestado mientras se pica una dosis de heroína. Allí estaba, ese hombre, derrengado en algo que parecía un sofá, entre una procesión de bártulos y de cajas reblandecidas por la humedad que querían ser algo así como una sala de estar. Lo interrumpimos justo en el momento en que se inyectaba una dosis en el tobillo. De pronto, levantó los ojos de la aguja y nos miró a los ojos. Por un instante comprendí que estaba a punto de gritarnos; que tal vez incluso tendríamos que dar la vuelta y salir corriendo.

Pero el hombre solo meneó la cabeza con consternación.

Mi dispiace, dijo. Mi dispiace, repetía, mientras continuaba apretando el émbolo. Mi dispiace tanto. Él, el hombre cuyo salón tenía las dimensiones exactas del descansillo de una escalera, nos pedía perdón. ¿Y qué es lo que hice yo? Nada. Seguir bajando, los movimientos lentos y robotizados, aplastado por la vergüenza de no hacer nada, de no decir nada. Ni una palabra: solo seguí fingiendo que escuchaba lo que Galiano estaba diciendo en ese momento, sin duda algo elevado, exacto, hermoso. Galiano, que como tantas veces tenía los ojos clavados en el cielo y no parecía haber visto nada. Había sangre en el suelo. Lo comprendí en el mismo instante de pisarla: un chasquido que sonaba como una ventosa, como un beso, como un recordatorio de mi cobardía, y que siguió sonando en mi suela como un eco pegajoso mucho tiempo más tarde, cuando ya habíamos cruzado el Tíber y comido en una trattoria y subido hasta el Gianicolo: todavía entonces. Mi dispiace, debía haber dicho yo; mi dispiace, deberíamos decir todos los que nos cruzamos con él y con tantos otros, porque no son ellos los que llenan de fealdad nuestras ciudades; son nuestras ciudades las que vuelven feas y desdichadas sus vidas. La sensación de vergüenza duró mucho más que los restos de sangre en la suela. Todavía ahora me dura, años después de haber tirado esos zapatos. Y quizás por eso, por vergüenza, nunca le pregunté a Galiano si había visto lo que yo había visto: si en algún momento, entre Plotino y Milorad Pavié, había tenido tiempo de mirar al suelo. Tal vez estas líneas son eso: mi forma de preguntárselo”


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.