“Otra vida por vivir” de Theodor Kallifatides é unha obra que deslumbra pola súa honestidade, a súa profundidade e a súa beleza. A través dunha narración aparentemente errática, pero que pouco a pouco se centra nos grandes temas da existencia, o autor ofrécenos unha meditación persoal sobre a literatura, a emigración, a identidade e o paso do tempo. É un libro que, sen artificios nin piruetas retóricas, consegue conmover e facer reflexionar cunha claridade admirable.

Kallifatides introdúcenos no seu propio dilema: a perda do seu espazo de escritura e a súa loita interna coa creación literaria, que o leva a cuestionarse se aínda ten algo que dicir. A escritura, que sempre fora o seu refuxio, de súpeto convértese nun reto. Pero máis aló da súa crise persoal, o autor abre o abano a cuestións universais: a democracia e as súas paradoxas, a liberdade de expresión e os seus límites, o desarraigamento do emigrante e a añoranza dun fogar que xa non existe. A súa visión é sabia, ás veces nostálxica, pero sempre lúcida e profundamente humana.

Un dos aspectos máis fascinantes do libro é a maneira en que Kallifatides reflexiona sobre a lingua. Despois de décadas escribindo en sueco, regresa ao grego para escribir esta obra, pechando así un círculo vital e literario. Esa decisión permítelle explorar con maior profundidade o peso da memoria e a pertenza. Os seus recordos da infancia en Grecia, a hospitalidade da súa xente, o contraste coa Europa actual e a transformación da pobreza en algo deshumanizado e repulsivo interpelan e obrígannos a mirar o mundo con outros ollos.

O libro tamén deslumbra pola súa capacidade de formular preguntas esenciais sen necesidade de dar respostas pechadas. Como envellecemos dignamente? Como conciliamos a nosa identidade cos cambios do mundo? Que significa realmente a liberdade? Na súa reflexión sobre a democracia, Kallifatides advirte con claridade sobre os seus riscos: as liberdades poden autodestruírse se non se exercen con responsabilidade. E nunha época onde a liberdade de expresión parece reducirse ao dereito a ofender, recórdanos que a verdadeira comunicación require respecto e escoita mutua.

Ao longo da obra, hai unha presenza discreta pero fundamental: a súa esposa. Ela representa o apoio incondicional, o espazo compartido, o amor que sostén sen asfixiar. É un testemuño silencioso do que significa construír unha vida en parella ao longo dos anos.

En definitiva, “Otra vida por vivir” é un libro precioso. O seu delicado arco narrativo, o seu ton pausado pero intenso, e a súa mestura de reflexión, memoria e compromiso convérteno nunha xoia literaria. Kallifatides ofrécenos unha clase maxistral sobre a existencia, o desarraigamento e a busca de sentido, sen solemnidade nin grandilocuencia, pero cunha fondura que deixa pegada. Unha lectura moi asconsellable.





Segundo ía lendo quería ser Winckelann ou Von Gloeden ou Axel Munthe ou, sobre todo, D.H. Lawrence ou Norman Lewis ou tamén o enorme Henry Miller ou o atractivo Leigh Fermor ou o fornido Kevin Andrews ou, por último, Lawrence Durrell. Sobre estes “peregrinos da beleza”, precursores e sucesores dunha tradición coñecida como o Grand Tour, unha moda que partir do século XVIII converteron a Italia e Grecia en lugares de culto e peregrinación obrigada dos aristócratas novos, cuxa educación se consideraba incompleta até visitar o berce da cultura occidental para contemplar in situ algúns dos seus maiores logros.

Nesta a súa primeira obra, María Belmonte móstranos o mundo clásico, o seu inconmensurable legado artístico, filosófico ou literario e a grandeza do Mediterráneo a través da vida e vivencia dos literatos, artistas, aventureiros e buscadores da beleza que antes nomeei. Trátase dun magnífico libro (un libro que vai de menos a máis) que aúna a literatura de viaxes, o ensaio e biografías escrito cunha prosa áxil e brillante.

Un libro que me gustou moito e que me levou a interesarme, de maneira especial, por algún dos seus protagonistas, pola súa vida obra e pola súa obra.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.