Un libro profundamente intelixente e ácido, aínda que non coincido con todo o que propón. Desde a súa primeira páxina, o autor cuestiona a crenza de que a historia humana avanza cara a un progreso constante. Gray, co seu pesimismo característico, pon en evidencia que o optimismo liberal que predominou tras a caída do muro de Berlín é máis ben unha ilusión.

Este libro parte da visión sobre o estado, a sociedade e o home de Hobbes, quen, a pesar da crítica constante que recibiu, segue sendo relevante hoxe en día para desenmascarar as futilidades políticas e éticas da nosa época. Neste sentido, Os novos talibáns reflexiona sobre como, en vez de avanzar cara unha sociedade máis racional e libre, estamos sendo testemuñas da resurrección dos autoritarismos, que parecen ofrecer certezas nun mundo sumido na incerteza.

O enfoque de Gray propón unha visión máis realista e desengañada da natureza humana, recoñecendo que somos guiados máis por impulsos e emocións que pola razón. Ademais, ten unha visión escéptica sobre o progreso. Se ben estou de acordo en que a historia non é lineal e pode repetirse en ciclos, creo que existen espazos para a mellora e a evolución moral, aínda que non de maneira tan idealizada como moitos pensan.
En definitiva, a pesar das nosas diferenzas de enfoque, paréceme que este libro é unha lectura esencial, sobre todo para aqueles que se senten cómodos coas certezas do orde liberal actual. Gray invítanos a mirar de fronte os “novos talibáns” que están xurdindo, a cuestionarnos se realmente somos responsables, dalgún xeito, da súa aparición, sexa por acción ou omisión. Por todo isto, recoméndoo, xa que propón interrogantes que merecen ser explorados.



Khneman, pai da psicoloxía conductista e premio Nobel de Economía, ofrécenos unha exploración sobre como funciona a nosa mente e como tomamos decisións. O seu enfoque xira arredor de dous sistemas de pensamento: o Pensamento 1, rápido e intuitivo, e o Pensamento 2, lento e racional. A través desto, desmonta moitas das nosas certezas e amosa como os nosos prexuízos inflúen en decisións clave, desde a planificación financeira ata a asunción de riscos.

Un dos acertos do libro é a súa claridade ao trasladar conceptos complexos a exemplos cotiáns (hai moitos). O autor demostra que non somos tan racionais como pensamos e que a confianza no noso xuízo é, en gran medida, unha ilusión. Pareceume especialmente interesante a súa idea de que a seguridade nunha crenza non implica a súa veracidade, senón só a coherencia da historia que nos contamos.

Aínda así, algúns capítulos fixéronseme densos, os relacionados coa psicoloxía, mentres que os de economía ou socioloxía resultáronme máis amenos. Pero incluso nos momentos máis áridos, o libro sorprende e fai reflexionar.

En definitiva, este ensaio desafía a nosa percepción da racionalidade e obríganos a cuestionar se realmente somos donos das nosas decisións. Non é unha lectura lixeira, pero si enriquecedora. Kahneman fainos pensar sobre como pensamos, e ese exercicio, aínda que incómodo, é imprescindible.





“Un día na vida de Abed Salama” é un libro que me impactou profundamente (e que devorei con ansia). Nathan Thrall consegue crear unha obra que non só é desgarradora, senón tamén necesaria para comprender o contexto humano detrás do conflito palestino-israelí. A través dunha traxedia aparentemente local —o accidente dun autobús escolar que custou a vida a varios nenos palestinos—, o autor lévanos por un labirinto de inxustizas, burocracia e desigualdade que define a vida cotiá de millóns de persoas en Cisxordania.

O que máis me enganchou foi a maneira en que Thrall transforma un feito concreto nunha radiografía social e política. Dende o horror e a desesperación de Abed Salama, un pai buscando noticias do seu fillo nun sistema que o oprime en cada paso, ata a descrición das barreiras físicas e mentais que separan palestinos e israelís, o libro somérxete nunha atmosfera de claustrofobia e violencia. É imposible non sentir a ansiedade e a dor dos personaxes, que viven baixo un réxime que converte o cotián nun desafío constante.

Se o inicio é duro, co accidente e a angustia que consume a Abed, o final é aínda máis impactante. Ademais de ser clarificador, deixa ao lector cunha sensación de dor e rabia inevitables. A claridade coa que Thrall expón as inxustizas e o sufrimento non deixa espazo para a indiferenza. Ao rematar, é imposible non sentir un baleiro emocional, unha mestura de impotencia e indignación ante unha realidade tan inxusta e esmagadora.

A pesar das dificultades iniciais cos nomes e as transliteracións, a narrativa atrapoume por completo. Thrall non se limita a expoñer os feitos; constrúe unha historia que respira humanidade. Os personaxes, coas súas loitas e a súa resistencia, son a alma desta obra. Ao rematar o libro, queda unha sensación de impotencia, pero tamén unha comprensión máis profunda dunha realidade que moitas veces se reduce a cifras ou titulares. Aquí, as vidas individuais teñen nome, rostro e emocións.

Recomendo este libro a calquera que queira entender non só o conflito de Oriente Próximo, senón tamén como as traxedias individuais reflicten as inxustizas estruturais dun sistema. É un relato duro, conmovedor e necesario. Se aínda non o liches, non agardes máis. É unha obra que te deixará marcado.





O último libro de Rubén Amón, “TENEMOS QUE HABLAR”, aborda un tema interesante e moi actual: a crise da arte da conversa na nosa sociedade. Aínda que o plantexamento é acertado e o autor consegue sinalar algúns dos factores que afectan á nosa capacidade para comunicarnos de forma profunda —como a saturación tecnolóxica, o dogmatismo ou a superficialidade dos debates públicos—, o libro non destaca como unha obra especialmente destacable.

Amón reivindica a conversa como un espazo de entendemento e reflexión, algo sen dúbida importante, pero o enfoque resulta algo básico nalgúns momentos. Aínda que propón ideas prácticas, como valorar o silencio, coidar a linguaxe corporal ou escoller ben os temas de conversa, estas reflexións non achegan nada especialmente novidoso.

Tiven a oportunidade de asistir á presentación do libro en Ourense, en elcercano.com, e aínda que a charla foi amena, creo que o libro queda nun nivel máis divulgativo que literario ou profundo. É un libro correcto, que pode interesar a quen busque reflexionar sobre como nos comunicamos, pero non deixa unha pegada especial nin ofrece unha visión particularmente reveladora.


Acabo de ler “Mapa de soledades” de Juan Gómez Bárcena, un ensaio sobre a soidade que, a pesar do seu potencial, non conseguiu engancharme tanto como outros libros que lin este mesmo ano, sobre cuestións ou conceptos concretos, como “El infinito en un junco” de Irene Vallejo, sobre os libros, ou “ La Se de Virginia Mendoza, sobre a sed. Ambas as escritoras, aínda que tratan temas moi específicos, teñen unha capacidade fascinante para desenvolver narrativas amplas e profundas. No entanto, o ensaio de Gómez Bárcena, a pesar da súa riqueza en datos, anécdotas e personaxes, déixame coa sensación de que non afondaba o suficiente na complexidade da soidade.

“Mapa de soledades” é un percorrido por diversas formas de soidade: a elixida, a forzada, a que acompaña á creación, a que desemboca na loucura, ou a que, mesmo en medio dunha multitude, pode sentirse profundamente solitaria. O autor aborda o seu tema desde diferentes perspectivas, explorando figuras históricas, literarias e contemporáneas, como Horacio Quiroga, Emily Dickinson, ou mesmo personaxes máis actuais como Lady Di ou a cantante Miley Cyrus. Non obstante, sinto que o enfoque xeral non conectou comigo da mesma maneira que os libros de Vallejo e Mendoza, e non logrei percibir ese análise tan profundo e reflexivo que agardaría dun ensaio deste tipo.

Con todo, houbo momentos do libro que si me gustaron, especialmente un parágrafo no que o autor reflexiona sobre a soidade no ámbito rural e urbano, e que comparto a continuación:

“…los residentes urbanos, sobre todo en las cambio, para un mendigo que no quiere ser molestado mientras se pica una dosis de heroína. Allí estaba, ese hombre, derrengado en algo que parecía un sofá, entre una procesión de bártulos y de cajas reblandecidas por la humedad que querían ser algo así como una sala de estar. Lo interrumpimos justo en el momento en que se inyectaba una dosis en el tobillo. De pronto, levantó los ojos de la aguja y nos miró a los ojos. Por un instante comprendí que estaba a punto de gritarnos; que tal vez incluso tendríamos que dar la vuelta y salir corriendo.

Pero el hombre solo meneó la cabeza con consternación.

Mi dispiace, dijo. Mi dispiace, repetía, mientras continuaba apretando el émbolo. Mi dispiace tanto. Él, el hombre cuyo salón tenía las dimensiones exactas del descansillo de una escalera, nos pedía perdón. ¿Y qué es lo que hice yo? Nada. Seguir bajando, los movimientos lentos y robotizados, aplastado por la vergüenza de no hacer nada, de no decir nada. Ni una palabra: solo seguí fingiendo que escuchaba lo que Galiano estaba diciendo en ese momento, sin duda algo elevado, exacto, hermoso. Galiano, que como tantas veces tenía los ojos clavados en el cielo y no parecía haber visto nada. Había sangre en el suelo. Lo comprendí en el mismo instante de pisarla: un chasquido que sonaba como una ventosa, como un beso, como un recordatorio de mi cobardía, y que siguió sonando en mi suela como un eco pegajoso mucho tiempo más tarde, cuando ya habíamos cruzado el Tíber y comido en una trattoria y subido hasta el Gianicolo: todavía entonces. Mi dispiace, debía haber dicho yo; mi dispiace, deberíamos decir todos los que nos cruzamos con él y con tantos otros, porque no son ellos los que llenan de fealdad nuestras ciudades; son nuestras ciudades las que vuelven feas y desdichadas sus vidas. La sensación de vergüenza duró mucho más que los restos de sangre en la suela. Todavía ahora me dura, años después de haber tirado esos zapatos. Y quizás por eso, por vergüenza, nunca le pregunté a Galiano si había visto lo que yo había visto: si en algún momento, entre Plotino y Milorad Pavié, había tenido tiempo de mirar al suelo. Tal vez estas líneas son eso: mi forma de preguntárselo”



“Cartas a Lucilio” é unha bra que se mantén tan relevante como no momento da súa escritura. A través destas cartas, o filósofo estoico aborda temas fundamentais para a vida humana, como o manexo do tempo, a riqueza, o medo, a amizade, a felicidade, a vida e a morte. O fascinante deste libro é que non só proporciona consellos filosóficos abstractos, senón que o fai dun xeito próximo e directo, case coma se se dirixise a cada lector persoalmente.

Lucio Anneo Séneca naceu en Córdoba no ano 4 a.C. e tivo unha vida marcada pola súa brillante carreira como filósofo, orador e político durante o turbulento período do Imperio Romano. Estivo relacionado con algúns dos emperadores máis famosos e polémicos de Roma, como Tiberio, Calígula, Claudio e Nerón, chegando a ser titor deste último. A pesar da súa defensa do estoicismo, un sistema filosófico que promove unha vida sinxela e virtuosa, Séneca foi acusado en ocasións de comportarse de maneira hipócrita debido á súa enorme riqueza e á súa influencia na corte. Porén, os seus escritos reflicten un profundo interese polo crecemento moral e o benestar do espírito humano.

Nas súas Cartas a Lucilio, Séneca invítanos a reflexionar sobre cuestións esenciais: como empregamos as nosas horas? Que valor damos ao que posuímos? Deixámonos dominar polo medo, a dor ou os recordos do pasado? Que importancia teñen a vida e a morte? E a amizade? Estas preguntas seguen sendo profundamente actuais nun mundo cheo de distraccións, présas e ansiedades. A claridade coa que presenta as súas ideas, sen caer en xuízos simplistas, converte este texto nunha guía para vivir de xeito auténtico, pleno e racional.

Un exemplo do seu pensamento é cando Séneca afirma: “A vida, igual que a representación dun drama, non importa canto durase, senón o xeito en que foi representada. Pouco importa en que momento remata. Remate onde remate, só precisa que teña un bo final.” Esta cita resume a esencia da súa filosofía: non é a extensión da vida o que importa, senón a calidade e o sentido que lle damos a cada instante.

Un aspecto no que Séneca incide moito é no valor da amizade como a unión máis nobre entre os seres humanos. A súa visión da vida como unha arte que debe representarse con dignidade resoa cunha beleza que transcende os séculos. Ademais, a súa crítica ao costume de vivir imitando aos demais, no canto de guiarnos pola razón, é un recordatorio poderoso da importancia da individualidade e do pensamento crítico.

Séneca morreu no ano 65 d.C., obrigado a suicidarse por orde de Nerón, quen o acusou de conspirar contra el. Porén, o seu legado filosófico e literario perdura como unha fonte inesgotable de reflexión e guía para quen busca vivir con sabedoría. En resumo, Cartas a Lucilio non é só un manual de filosofía práctica, senón unha ponte entre os ideais do pasado e os dilemas do presente. Unha obra imprescindíbel para quen goce da historia e da filosofía, e para quen busque reflexionar sobre como vivir mellor e con maior sentido.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.