Unha familia “modelo” alemá agarda o regreso do pai, que marchou de viaxe de negocios. Para a cea prepararon unha boa cantidade de mexillóns, o seu prato preferido. Porén, as horas pasan e el non chega. E mentres tanto, arredor desa mesa, comeza a xestarse unha pequena revolución.

A filla maior, narradora da historia, o seu irmán e a súa nai agardan sentados, bebendo o viño favorito do pai e repasando a súa vida familiar. Pouco a pouco, van poñendo sobre a mesa a atmosfera abafante na que viven, a presenza insoportable dun home que parece ter convertido a súa familia nunha prolongación das súas propias ambicións, dos seus caprichos e da súa necesidade de recoñecemento. Un pai arrogante, manipulador, violento e demasiado preocupado pola súa carreira e polo que dirán. Aínda que a nai tampouco sae completamente indemne deste repaso.

O que comeza como unha espera vai transformándose nunha revisión de todo aquilo que ata entón aceptaran como normal. E, a medida que avanza a noite, tamén queda máis claro que o regreso do pai xa non é precisamente o que máis desexan.

Unha novela curta, desas que se len nunha tarde, construída arredor dun atraso, dun reloxo que non deixa de avanzar e duns mexillóns que agardan no centro da mesa. Unha espera que acaba converténdose nunha rebelión silenciosa, na que os protagonistas comezan a descubrir que quizais non necesitan que o pai volva, nin tampouco necesitan comer eses mexillóns.

Ás veces, para que unha familia empece a cambiar, abonda con que alguén chegue tarde á cea e que os que agardan comecen a falar, a lembrar e a contar aquilo que durante un tempo permaneceran calados.


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.