Outro clásico do século XX que acabo de ler e que, ademais de gustarme moitísimo, me deixou coma se me metesen nunha lavadora e me centrifugasen. Unha novela enorme, escrita por Albert Camus e publicada en 1947, dez anos antes de que o seu autor recibise o Premio Nobel de Literatura, en 1957.
A novela preséntanos o relato da epidemia de peste que azouta a cidade alxeriana de Orán a través da mirada do doutor Bernard Rieux, testemuña do acontecido e protagonista dunha historia na que iremos seguindo os pasos de distintos personaxes que, dunha ou doutra maneira, se ven involucrados naquela traxedia. Todo comeza cando o doutor Rieux descobre unhas ratas mortas nas escaleiras da súa vivenda e, pouco despois, se enfronta á gravidade do cadro clínico dun dos seus pacientes, que acaba falecendo. As consultas co seu colega, o doutor Castel, e a aparición de centenares de ratas mortas polas rúas da cidade acaban por alertar os médicos ante a sospeita dun brote de peste. O que inicialmente parece un episodio estraño acaba converténdose nunha catástrofe que altera por completo a vida da cidade.
A lectura desta novela, máis alá da propia historia que conta, levoume inevitablemente a lembrar o que aconteceu coa COVID en 2020. Moitas das situacións que aparecen nas súas páxinas vivímolas, vivinas: o confinamento, as mortes, o medo, a desesperación, a separación dos seres queridos, o illamento e a incerteza. Pero tamén a solidariedade, a loita, o compromiso e o valor de tantas persoas que, desde as súas distintas responsabilidades, se enfrontaron a unha situación extraordinaria. É difícil non atopar paralelismos entre aquela Orán de Camus e o que nós mesmos experimentamos setenta e tantos anos despois.
Porén, A peste vai moito máis alá da narración dunha epidemia. É tamén unha alegoría do que aconteceu en Europa durante a Segunda Guerra Mundial e das consecuencias do nazismo. As referencias son evidentes en numerosas pasaxes, tanto na maneira en que os personaxes asumen e se enfrontan á presenza da peste como en determinados episodios que remiten directamente á barbarie daqueles anos. O estadio convertido en campo de concentración, o traslado dos apestados, os lugares de confinamento e os fornos de incineración son imaxes que evocan unha realidade histórica demasiado próxima. En moitos momentos, as equivalencias resultan tan claras que é imposible non deterse a pensar nelas. A peste non é unicamente unha enfermidade: representa tamén o mal que se estende, que se instala na sociedade e ante o que cada individuo debe decidir como comportarse.
E é precisamente aí onde creo que reside unha das maiores virtudes desta obra: na súa capacidade para abordar cuestións universais da condición humana. A maneira en que os distintos personaxes afrontan a súa propia vida e a dos demais, as súas contradicións, os seus medos, as súas conviccións e as súas distintas formas de enfrontarse ao sufrimento. Pero tamén a reacción da sociedade no seu conxunto, a esperanza, a loita fronte á adversidade e a desesperanza ante a dor e a morte. Camus pon diante de nós persoas moi diferentes, con motivacións e comportamentos distintos, e obríganos a preguntarnos como actuariamos nós en circunstancias semellantes.
O episodio da morte do fillo do xuíz destrozoume por dentro. Sentín algo parecido a unha dor física. Polo inxusto, polo cruel, polo incomprensible e, sobre todo, pola absoluta inutilidade dese sufrimento. Porque sabemos que estas cousas acontecen e que, por moito que nos empeñemos en buscar explicacións, hai dores ante as que calquera razoamento resulta insuficiente.
Tamén me gustou especialmente como Camus aborda a amizade, a familia e o amor. Como a proximidade e a separación, a presenza e a ausencia das persoas que queremos condicionan as nosas vidas e a nosa maneira de afrontar as dificultades. E como, no medio dunha traxedia que nos supera, cada persoa atopa —ou non— a súa propia maneira de seguir adiante. Ao final, detrás da epidemia, da morte e do sufrimento colectivo, están sempre as historias individuais, os afectos e as pequenas batallas de cada un.
É unha barbaridade de novela. Unha desas lecturas que non rematan cando pechas o libro, porque seguen traballando dentro de ti, remexéndote, obrigándote a pensar e a reformularte moitas cousas. Deixoume dándolle voltas a un montón de cuestións, mentres aínda se me revolven as entrañas.
Remato co último parágrafo da novela, que me parece un auténtico testamento final do doutor Rieux e, probablemente, unha das reflexións máis poderosas de toda a obra:
«Ao escoitar os berros de alegría que subían da cidade, Rieux tiña presente que aquela alegría estaba sempre ameazada. Pois el sabía que aquela multitude ditosa ignoraba o que se pode ler nos libros: que o bacilo da peste non morre nin desaparece xamais, que pode permanecer durante decenios durmido nos mobles, na roupa, que agarda pacientemente nos cuartos, nas adegas, nas maletas, nos panos e nos papeis, e que pode chegar un día en que a peste, para desgraza e ensinanza dos homes, esperte as súas ratas e as mande morrer nunha cidade ditosa».

