El olvido que seremos é un libro profundamente persoal no que o autor rememora recordos e dores, algo que tamén ocorre noutra obra súa que lin antes, Ahora y en la hora. Neste caso, esas dores aparecen acompañadas doutros sentimentos: o orgullo de pertencer a unha familia que se converte no eixe moral de toda a narración. A través da figura do seu pai, o médico e activista Héctor Abad Gómez, o libro é ao mesmo tempo un retrato íntimo dunha familia e unha mirada ao contexto da Colombia dos anos oitenta, marcada por unha violencia que o impregnaba todo, especialmente en cidades como Medellín.
Ao longo das súas páxinas percíbese que a escrita funciona tamén como unha forma de liberación. O propio autor recoñece que o libro é «un testemuño ao mesmo tempo inútil e necesario»: inútil porque non pode cambiar o ocorrido, pero necesario para poder expresar unha dor que levaba anos tentando escribir. Esa sinceridade percorre toda a obra e fai que o escritor se mostre de maneira moi aberta, convertendo a memoria nunha forma de resistencia contra o esquecemento.
Aparecen tamén ideas que axudan a entender a figura do pai e a súa ética vital. Frases como «O mellor método de educación é a felicidade» ou a defensa dunha medicina comprometida cos máis necesitados reflicten unha visión profundamente humanista. Resulta interesante a definición ideolóxica que el mesmo se atribúe: cristián pola figura de Xesús e a súa inclinación polos máis débiles; marxista en economía polo seu rexeitamento da explotación; e liberal en política pola súa defensa da liberdade. Esa mestura revela un home difícil de encaixar en etiquetas, guiado máis por principios éticos ca por ideoloxías.
Héctor Abad Faciolince, ademais de contarnos a historia do seu pai e da súa familia, mostra tamén o clima social e político de Medellín que rodeou a súa vida: as persecucións, as tensións ideolóxicas e o abandono dos sectores máis pobres, que acabaron converténdose en escenarios de violencia. Nese contexto, o compromiso de Abad Gómez cos dereitos humanos e cos máis vulnerables aparece como un acto de rebeldía moral. Non é casual que o autor lembre palabras como: «A rebeldía eu non a quero perder. Nunca fun un axeonllado…». Esa actitude resume ben o espírito do personaxe e explica o profundo respecto e admiración que o seu fillo sente por el.
No fondo, o libro acaba sendo unha homenaxe: un intento de manter vivo o pai a través das palabras. O propio autor exprésao con moita claridade cando di que, do mesmo xeito que os personaxes ficticios viven na literatura, el quixo lograr algo parecido co seu pai real.
Aínda así, malia ser unha obra intensa e emotiva, persoalmente esperaba algo máis do libro, quizais polas expectativas ou pola forma na que está construído o relato. Con todo, iso non lle resta valor: é unha obra que deixa pegada e que dificilmente deixa indiferente, porque detrás da historia familiar latexa unha reflexión máis ampla sobre a memoria, a dignidade e a importancia de sentirse orgulloso dun mesmo cando se vive para axudar aos demais, especialmente aos que máis o necesitan.

