Hai libros que chegan no momento xusto. Libros que, case sen buscalo, conectan co que un está a vivir ou a pensar. O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati, foi un deles. 

Levaba tempo con ganas de ler esta novela, da que sempre escoitara boas referencias. E cando por fin me mergullei nas súas páxinas, entendín por que. Buzzati constrúe a historia de Giovanni Drogo, un mozo oficial destinado a unha fortaleza fronteiriza onde a ameaza é constante pero nunca chega a materializarse. Unha espera indefinida que, pouco a pouco, se converte no centro da súa vida. 

Pero esta non é só a historia dun militar nun lugar remoto. É, sobre todo, unha alegoría poderosa sobre a condición humana. Sobre esa tensión constante entre a seguridade e a liberdade. Sobre como, sen darnos conta, imos aprazando a vida real agardando un momento mellor que quizais nunca chega. Sobre o paso do tempo, que avanza silencioso mentres un cre ter marxe para decidir máis adiante. 

É unha novela que incomoda. Que che fai ler co estómago encollido. En moitos momentos sorprendeume estar enfadado con Drogo, coa súa maneira de afrontar —ou máis ben de non afrontar— a súa vida. Pero ese enfado non deixa de ser, en parte, un reflexo dun mesmo. Porque é difícil non recoñecerse nas súas dúbidas, nas súas renuncias, nesa tendencia a pospoñer decisións importantes baixo a promesa dun futuro mellor. 

Un dos aspectos que máis me chamou a atención é o peso que teñen as expectativas fronte ao presente. Como a vida se nos pode ir mentres seguimos agardando algo extraordinario que lle dea sentido. E, ao mesmo tempo, como ese paso do tempo vai moldeando a nosa relación cos demais e con nós mesmos. 

A novela tamén fala, de forma moi sutil pero profunda, das relacións humanas: das persoas coas que convivimos sen chegar a coñecer realmente, de quen falla e de quen sorprende, dos vínculos que non nos atrevemos a construír por falta de valor ou de claridade. E, sobre todo, desa dificultade para ser honestos con nós mesmos, para deixar de enganarnos. 

Ao final, todo desemboca nunha idea que percorre o libro de principio a fin: a soidade. Drogo remata enfrontándose á súa vida —e á súa morte— en soidade, como inevitablemente facemos todos. 

Hai un fragmento, case ao final do libro, que resume de maneira moi precisa esa sensación: 

“Pouco a pouco a confianza debilitábase. É difícil crer en algo cando un está só e non pode falar diso con ninguén. Precisamente nesa época Drogo decatouse de que os homes, por moito que se quixesen, sempre permanecen afastados; se un sofre, a dor é completamente súa, ningún outro pode tomar para si nin unha mínima parte; se un sofre, non por iso os outros senten dano, aínda que o amor sexa grande, e iso provoca a soidade na vida.” 

Un libro profundo, incómodo e necesario. Deses que non só se len, senón que quedan contigo.





A vida difícil, de Sławomir Mrożek, é un libro que desarma. Non porque impoña unha gran densidade teórica ou porque esixa do lector un esforzo interpretativo desmesurado, senón porque a súa intelixencia é dunha claridade esmagadora. Mrożek non argumenta nin moraliza, non corrixe: expón. Presenta situacións absurdas nas que a linguaxe do poder e a lóxica do totalitarismo quedan espidos na súa ridiculez. O seu humor non é un alivio, senón unha trampa: un ri, pero a risa chega cunha incomodidade crecente. Unha risa que se manifesta ante situacións que non a merecen. 

Os contos son curtos, a miúdo brevísimos, pero precisos como un escalpelo. En A revolución, o protagonista abúrrese e decide transformar o seu mundo, pero o seu gran acto revolucionario non é máis que un cambio de mobles dentro do seu propio cuarto. Por un novo fútbol presenta unha sociedade na que o resultado de cada partido é fixado de antemán polo Estado para evitar a incerteza. A coexistencia mostra a estraña convivencia entre un párroco e o demo, onde o medo e a resignación se entrelazan ata volverse indistinguibles. E en Galeona, quizais o conto máis fermoso do libro, o que máis me gustou, Mrożek deixa caer unha frase que o resume todo: “O home busca os principios porque lle parece que cando os coñeza comprenderá algo”. 

Rin con este libro, pero tamén me inquietou. Divertiume, pero sobre todo fíxome pensar. Hai libros que abonda con lelos unha vez, e outros que hai que posuír. A vida difícil pertence á segunda categoría. Prestáronmo, pero xa decidín mercalo. Para relelo, para telo.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.