A poucas liñas de comezar esta novela, o propio narrador convídanos a entrar nela cunhas palabras que son case unha declaración de intencións:

«Si quieres partir conmigo hacia aquel mundo olvidado, si quieres saber de las aventuras del Pequeño Jim, y de Harrison el Campeón; si quieres conocer a mi padre, uno de los hombres de Nelson; si quieres incluso llegar a conocer a ese mismo gran marinero; y a George, el que tiempo después se convertiría en el indigno rey Jorge IV de Gran Bretaña; pero, sobre todo, si quieres conocer a mi célebre tío, sir Charles Tregellis, el Rey de los Galanes, y a los grandes luchadores cuyos nombres te son todavía familiares; entonces dame la mano y partamos.»

E Conan Doyle cumpre sobradamente a promesa. Porque Rodney Stone é moito máis ca unha novela de aventuras ou unha novela histórica. É un extraordinario retrato dunha Inglaterra que está a piques de desaparecer: a Inglaterra de finais do século XVIII e comezos do XIX, coas súas grandes mansións, os seus criados, os seus cabaleiros, os seus aristócratas, os seus personaxes populares, os seus códigos de honra, os seus absurdos prexuízos e tamén os seus valores.

E, no medio de todo iso, o boxeo. Un boxeo brutal, a puño limpo, sen límite de asaltos e no que os combates podían prolongarse durante horas. Un deporte perseguido pola lei en moitos lugares, pero que atopaba sempre novos escenarios e novos públicos. Conan Doyle describe ese mundo cunha viveza extraordinaria e converte os grandes loitadores da época en personaxes tan importantes dentro da novela coma os aristócratas e cabaleiros que os rodean.

Pero o que máis me gustou é que o boxeo non é máis ca un dos fíos dunha trama moito máis ampla. Polas páxinas de Rodney Stone aparecen Lord Nelson, Lord Cochrane, John Lade, Beau Brummell, Emma Hamilton e o príncipe de Gales, o futuro Xurxo IV. Aventuras, intrigas, duelos, romances, rivalidades, viaxes e enfrontamentos van sucedéndose mentres o protagonista, Rodney Stone, nos conduce por ese mundo fascinante.

E aí está, para min, unha das grandes virtudes da novela: a capacidade de Conan Doyle para converter unha época enteira nunha aventura. Non se limita a contarnos unha historia; consegue que o lector teña a sensación de estar camiñando por aquelas rúas, entrando naquelas casas, asistindo a unha pelexa de boxeo ou compartindo mesa con algúns dos seus personaxes.

Todo me gustou. O relato, a atmosfera, os lugares e, sobre todo, os personaxes e a personalidade perfectamente definida de cada un deles. Tamén esa mestura tan propia da literatura do XIX entre principios estúpidos e valores verdadeiros, entre aparencias, honra, lealdades, ambición e valentía.

Divertinme enormemente con esta historia. Ata o punto de buscar calquera momento para volver a ela, que probablemente sexa un dos mellores síntomas de que un libro che está gustando de verdade. Hai novelas que se len porque queres saber como rematan e outras que se len porque gozas do camiño. Rodney Stone pertence claramente ás segundas.

E quizais por iso me lembrou tanto aquelas lecturas de hai moitos, moitos anos: Salgari, Julio Verne, H. Rider Haggard, Dumas… Esa literatura de aventuras que consegue algo que non sempre é doado: facer que o lector volva sentirse un pouco neno sen deixar de ser un lector adulto.

E despois de acompañarnos durante toda a novela por ese mundo, Conan Doyle péchaa cunha imaxe magnífica:

«Aquel anochecer de octubre, vi levantarse en lentos remolinos las nubes de humo sobre la marejada del Atlántico, y ascender, y ascender, hasta diluirse en tenues hilillos y esfumarse en el azul infinito del cielo.»

É un final que resume perfectamente o espírito da novela: o final dunha época, o recordo dun mundo que se esvaece e a chegada doutro novo.

Rodney Stone foi para min unha auténtica delicia. Unha novela entretida, emocionante, chea de personaxes extraordinarios e escrita coa solvencia dun autor enorme. Unha mostra magnífica da gran literatura de aventuras do século XIX e, sobre todo, un libro que gocei moitísimo.

Unha delicia.



Acabo de ler esta novela, unha das novelas de misterio máis icónicas da literatura. Non é casualidade que autores como Pérez-Reverte a sitúen entre os cumios do xénero xunto con “O asasinato de Roger Ackroyd” de Agatha Christie e “Os crimes da rúa Morgue” de Edgar Allan Poe.

Máis alá do seu innegable valor dentro da novela negra clásica, este libro é unha mestura perfecta de misterio e terror, cunha atmosfera inqueda que che atrapa desde o primeiro momento. A ambientación nos páramos de Devonshire, envoltos en néboa e supersticións, crea un escenario ideal para a intriga.

A presencia de Sherlock Holmes confirma o carisma inesgotable deste personaxe. Aínda que durante boa parte da novela a investigación recae no doutor Watson, a presenza do detective é constante e, como sempre, a súa brillantez acaba impoñéndose no desenlace.

É unha obra impecablemente escrita, cun ritmo áxil e unha elegancia clásica que lembra á literatura de aventuras que moitos liamos na adolescencia. Unha historia que, a pesar do tempo transcorrido desde a súa publicación en 1902, segue sendo unha auténtica gozada.


#boaslecturas #lecturasangel2025


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.