Comprei "Por el mar de Cortés", de John Steinbeck, no rastro que se celebra o primeiro domingo de cada mes na Praza Maior de Ourense. Chamoume a atención tanto polo autor como pola temática: unha viaxe, unha expedición polo Golfo de California. Inmediatamente pensei nos libros de aventuras da miña xuventude, en autores como Kipling, Conan Doyle ou Conrad, e esa asociación condicionou en parte as miñas expectativas desde o principio.

Comecei a lectura gozando da viaxe e do descubrimento dun mundo descoñecido —algo que, por desgraza, cada vez resulta máis difícil—, así como da maneira na que se describe a vida naqueles lugares. O libro relata a travesía, a recollida de especies, as incursións por distintas zonas e os encontros coas persoas que van coñecendo, e todo iso vai construíndo pouco a pouco unha experiencia de exploración moi suxestiva. Gustoume especialmente o episodio no que acompañan a uns mexicanos á caza do carneiro.

Porén, a medida que avanzaba, fun comprobando que a obra vai moito máis alá dun simple relato de aventuras. Steinbeck introduce constantes reflexións sobre o mundo, sobre o ser humano e sobre o momento histórico que lle tocou vivir, marcado pola inquedanza ante a guerra. Ao longo da viaxe desenvolve ideas sobre a nosa forma de vida, a explotación dos recursos e a relación entre o individuo e a sociedade, e faino entrelazándoo co propio discorrer da expedición. A iso súmase tamén unha parte científica importante, coa descrición e clasificación de numerosas especies mariñas recollidas durante a viaxe.

Nese sentido, hai un parágrafo que me gustou especialmente e que, dalgún xeito, resume ben o espírito do libro: ese momento no que reflexionan sobre a distancia respecto do mundo moderno, sobre como cambian as prioridades e sobre esa forma distinta de entender o tempo e o valor das cousas que atopan nos habitantes do Golfo. Esa idea de que non todo se mide en termos materiais, e de que existen “transaccións” máis profundas, pareceume especialmente suxestiva e moi ben expresada.

Tamén me gustou moito a relación entre os membros da tripulación, como evoluciona a medida que avanzan os días e como esa convivencia acompaña e enriquece o relato. Aínda así, gustaríame que o autor afondase máis tanto nesas relacións como nas que establecen cos mexicanos, porque aí había material moi interesante.

De feito, conforme seguía lendo, atopeime cun libro máis introspectivo do que esperaba, de grande calidade literaria, pero con moita menos aventura da que imaxinara cando o comprei. Nese sentido, algunhas descricións e pasaxes sobre a captura de animais fixéronseme algo excesivas, precisamente porque desviaban o foco do que eu buscara nun primeiro momento.

O inicio, iso si, é especialmente interesante, porque a preparación da viaxe, o fretamento do barco —o Western Flyer, un atunero contratado en tempada baixa— e o traslado desde a costa de California ata o Golfo funcionan como unha excelente antesala de todo o que virá despois.

En definitiva, é un libro que me gustou, aínda que non respondeu de todo ás expectativas iniciais. Sóbrenme algunhas partes máis técnicas ou descritivas, e boto en falta un maior desenvolvemento das relacións humanas, pero, aínda así, a calidade da escrita de Steinbeck é indiscutible. É un autor que escribe dunha maneira extraordinaria, capaz de converter unha viaxe nunha reflexión profunda sobre o mundo e sobre nós mesmos.


Leave a Reply

oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.