A miña relación coa información e coa radio vén de lonxe. Sempre tivo máis que ver coa música, primeiro, e coa curiosidade ca con outra cousa: unha curiosidade tranquila, constante, de ir asomándome ao que pasaba sen facer moito ruído. Lembro que en 1982, antes de ir ao colexio, achegábame ao taller do meu pai para ler en La Voz de Galicia as crónicas da guerra das Malvinas. Para min aquilo era case como unha película de guerra: algo afastado, impactante, case cinematográfico, difícil de comprender de todo, pero que me atrapaba e me facía querer saber máis.
Co paso do tempo, esa curiosidade foi collendo forma e, sen darme conta, foise convertendo nunha maneira de estar atento ao mundo. Quedaba vendo os debates do Estado da Nación, con Felipe González e Fraga, as retransmisións dos plenos no Congreso, e non perdía La Clave, sobre todo por esas conversas que viñan despois da película, onde todo se trataba con máis calma, con máis matices. Aí empecei a entender algo que despois sería constante: que a información non é só o feito, senón tamén a mirada, o contexto e a forma de contalo.
Nese camiño, a radio entrou pouco a pouco ata quedar. Na universidade escoitaba a José María García —eu sempre fun máis del ca de De la Morena— e, ao mesmo tempo, descubrín outros espazos que me abriron outra maneira de escoitar: Trecet, Juan de Pablos, Diego Manrique… programas que non eran só música, senón tamén criterio, voz e personalidade.
Antes, a finais dos 80, lembro especialmente o programa El Lobo Urbano, de Charly Domínguez —o Charly dos Suaves—, que escoitaba a finais daquela década. Había algo nel que encaixaba moi ben co espírito da época: rock, actitude e radio entendida tamén como identidade. Aquel “lobo” non era só un programa musical, era unha forma de achegarse a outra maneira de vivir a música, máis crúa, máis auténtica. Foi aí onde descubrín grupos como Thin Lizzy e músicos como Tom Waits, e onde decidín que eu, musicalmente, era un roqueiro.
Un pouco despois apareceu tamén outra radio que me acompañou moito máis do que entón era consciente. En Radio 3 de RNE, programas como Diálogos 3, de Ramón Trecet, eran case unha porta a outro mundo sonoro, distinto, fóra do circuíto das radiofórmulas; e Flor de Pasión, de Juan de Pablos, co seu coidado polas músicas da memoria, polos 60 e por esa nostalxia tan ben tratada. E xa máis adiante, na órbita de RNE, tamén programas como Ruta 61, co seu blues e o seu espírito máis nocturno, ou o traballo de voces como a de Diego A. Manrique, que convertían a radio musical en algo moito máis que entretemento: en cultura viva, contada con criterio.
Tamén houbo unha etapa na que a televisión tivo o seu lugar, sobre todo cando estudaba en Santiago. Lembro a Hermida e, especialmente, a Carrascal. Había momentos nos que deixaba o que estivese facendo para escoitalo analizar a actualidade, con aquela forma tan directa de poñer orde no que estaba pasando mentres se sentaba no pico da súa mesa. Era o fin de Felipe González, Filesa, os GAL, Aznar… Pero co tempo, a televisión foi perdendo presenza na miña vida. A radio non. A radio quedou, sen facer ruído, como unha compañía constante.
A finais dos 90 comecei a escoitar Onda Cero con máis continuidade. Protagonistas, con Luis del Olmo, formaba parte das miñas mañás: almorzos con calma, a radio de fondo, o transistor enriba da mesa. Era unha rutina sinxela que axudaba a empezar o día con certa orde. Hoxe todo é máis rápido, máis fragmentado, pero esa relación coa radio segue sendo a mesma: no coche, nos auriculares ou nun café tomado con présa, sempre hai ese fío que continúa.
E nese fío aparece, co tempo, Carlos Alsina.
Primeiro en La Brújula de Onda Cero, onde empecei a escoitalo con máis atención. E aí, sen saber moi ben por que, notei algo distinto. Non era unha cuestión de forma chamativa, senón precisamente do contrario: unha radio moi medida, moi coidada, sen estridencias. Gustábame como construía os programas, como daba tempo ás respostas, como sabía preguntar sen interromper máis do necesario. Había algo de respecto polo oficio e tamén polo oínte.
A medida que o ía escoitando máis, fun vendo que esa forma de facer radio non era casual. Había unha combinación pouco habitual de rigor e sensibilidade, de análise e de cultura. As súas referencias, as súas recomendacións, mesmo os seus espazos máis reflexivos, daban a sensación de que a actualidade podía contarse sen perder matices. Esa era a radio que me gustaba. Que me gusta. Aí foi onde descubrín o rigor, a intelixencia… e os monólogos das oito.
Cando deu o paso ás mañás en 2015, substituíndo a Carlos Herrera, seguino case de forma natural. Alsina con Juan Ramón Lucas fixéronse cargo de Más de Uno. Alsina, co tempo, foise convertendo nunha desas voces que un identifica sen esforzo, non porque sexa máis forte ca outras, senón porque está feita doutro xeito. Un xeito no que a información se conta con calma dentro da urxencia, e no que hai unha preocupación constante por facelo con honestidade. Carlos Alsina converteuse na principal referencia informativa da radio española.
Nese percorrido tamén hai un recordo moi concreto que para min é importante: o día en que o vin en directo no Teatro Principal de Ourense. Cheguei moi cedo, ás seis da mañá, e non me deixaron entrar ata as sete. Esa hora, que podería ser simplemente unha espera incómoda, acabou sendo case o contrario. Cos cascos postos, acompañado dun amigo que tamén estaba alí, deambulamos por unha cidade que aínda durmía buscando un café aberto. Foi unha desas escenas sinxelas que, sen saber moi ben por que, quedan gardadas.
Despois chegou o programa, o directo e, ao final, a foto con el. Gárdoa con agarimo, aínda que non sexa especialmente dado a este tipo de cousas. Pero ese día gárdoo con especial cariño.
E ao longo destes anos tamén quedaron moitos outros momentos asociados á súa voz. Os días do confinamento polo COVID, cando ás oito da mañá escoitaba o seu “diario” e axudaba, sen facer ruído, a poñer orde nunha realidade moi estraña. Non esquezo a música coa que arrincaba nin o que contaba despois. Foi un sostén. Ou as súas coberturas sobre o terreo, como na DANA en Valencia, ou o percorrido por Ermua na homenaxe a Miguel Ángel Blanco. Tamén o Día da Radio, as visitas a colexios, hospitais… pequenas pezas que, sumadas, debuxan unha forma de estar.
E logo están as entrevistas: a políticos de todos os pelaxes (moitos quedaban retratados ante Alsina), a actores —a de José María Pou, por exemplo, é das que quedan—, a súa La Cultureta, os seus monólogos, os xornalistas e colaboradores cos que se acompañaba. Algúns fixéronme rir, outros pensar, outros mesmo me cambiaron o humor nun día concreto. Pero sempre tiven a sensación de que había unha forma moi consciente de facer as cousas, sen improvisación gratuíta, con traballo detrás.
Por todo iso, o recoñecemento que recibiu ao longo da súa traxectoria encaixa con esa percepción que eu, como simple oínte, teño del: a dunha figura amplamente recoñecida e premiada na radio española, ademais dunha persoa íntegra, de principios. Ao longo dos anos foi distinguido, entre outros, co Premio Ondas e co Premio Francisco Cerecedo de Xornalismo (Fundación Luca de Tena), galardóns que avalan esa combinación de rigor, creatividade e criterio que marcou a súa carreira. Tamén polo seu rigor e agudeza xornalística, cun estilo incisivo, analítico e moi claro á hora de debullar a actualidade. E igualmente pola súa presenza en primeira liña cando a noticia o requiría, estando no terreo en momentos como a DANA ou sostendo a radio en situacións críticas nas que a súa voz funcionou case como referencia para moita xente.
E todo iso, ao final, conecta con algo moi básico: a forma de contar o mundo.
Por iso, a decisión que tomou agora, deixar a parte máis informativa de Más de uno para centrarse na parte máis lixeira, de entretemento, explícase con claridade e encaixa co paso do tempo, co desgaste e co ritmo acumulado tras tantos anos de madrugóns e responsabilidade diaria. Persoalmente, xa hai tempo que se lle notaba certo cansazo, algo que, visto en perspectiva, resulta completamente comprensible.
No meu caso, non creo que isto sexa unha etapa intermedia nin un camiño de volta á primeira liña informativa. Máis ben penso que é unha decisión coherente co momento no que está. E, sendo honesto, tampouco estou moi convencido de que vaia permanecer moito tempo nesa franxa de entretemento que agora asumirá. Isto é o que penso.
En calquera caso, máis alá de como evolucione todo isto, a miña relación coa radio, a pesar de que Alsina se aparte un pouco, ou moito, seguirá sendo a mesma: unha compañía constante, discreta, que forma parte do día a día. Un día a día no que, diso estou seguro, botarei en falta a Carlos Alsina.
Botareino en falta, aínda que creo que tomou esta decisión como fixo sempre as cousas: con intelixencia, con decencia, con argumentos e á marxe do ruído que se poida facer dende distintas trincheiras. Eu vou botar de menos, e moito, esa parte máis pegada á actualidade, pero entendo as súas razóns. Dá a sensación de que está esgotado, e mesmo así deu este paso con coherencia, honradez e respecto absoluto pola radio, polo seu programa, polo seu traballo e por quen o escoitamos cada día. E, persoalmente, só me queda algo moi simple: darlle as grazas por todo.
Grazas, Carlos. Grazas, Alsina. Grazas, don Carlos Alsina.


