Cheguei a Habitada, como a tantos outros libros, a través dunha crítica nun xornal. Si, porque agora os medios, coma min, tamén falan de libros e de autores. A reseña era moi positiva e espertou a miña curiosidade, pero a lectura acabou deixándome unha impresión desigual, bastante afastada das expectativas iniciais.

A novela parte dunha historia real, a da chamada Espiritada ou Iluminada de Moche, para construír un relato ambientado na Galicia rural de principios do século XX. Unha Galicia na que as crenzas populares, as supersticións e as lendas conviven coa miseria, a represión relixiosa e unhas estruturas sociais profundamente arraigadas. A paisaxe tamén participa desa atmosfera: as montañas, os bosques, os prados, a néboa e a chuvia non son simples elementos decorativos, senón parte dese universo escuro e misterioso no que se desenvolve a historia.

A novela divídese en dúas partes, construídas arredor de dúas voces narrativas: a de Manuela, unha moza que vive recluída por unha estraña doenza coñecida como corpo aberto, e a do crego falecido que, supostamente, habita o seu corpo. Na primeira, Manuela reconstrúe a súa vida e as relacións co seu pai, co párroco, cos señores do pazo e coas demais mulleres que forman parte do seu mundo. É aquí onde a autora ofrece o retrato máis interesante da novela: o dunha sociedade na que as mulleres viven sometidas á ignorancia, aos abusos, á violencia e aos prexuízos, sen apenas posibilidades de decidir sobre as súas propias vidas.

Manuela representa esa condición, agravada pola súa consideración de muller estraña, case bruxesca, nunha comunidade que observa con mestura de temor, curiosidade e fascinación aquilo que non comprende. Ao seu redor aparecen personaxes tan miserables como o párroco ou os habitantes do pazo, figuras que encarnan as contradicións dunha sociedade dominada polas aparencias, a autoridade e a hipocrisía. Fronte a eles, as mulleres ocupan un lugar central no relato: son vítimas dunha orde social que as oprime, pero tamén personaxes dotadas de orgullo, carácter e capacidade de resistencia. Nelas recoñecemos esa forza que tantas veces asociamos ás mulleres da Galicia tradicional, capaces de soportar adversidades sen renunciar á súa personalidade.

Nesta primeira parte tamén me gustou a maneira de escribir de Cristina Sánchez-Andrade. A ausencia de maiúsculas, as frases curtas e o ritmo marcado polos puntos seguidos constrúen unha voz narrativa singular, cun evidente ton poético que encaixa coa mirada de Manuela. A realidade mestúrase aquí co imaxinario popular galego: as meigas, os seres do bosque, as visións e a presenza constante da morte forman parte dun universo no que resulta difícil separar o que sucede do que se cre ou se teme. É, para min, o maior acerto da novela.

Porén, esa impresión positiva non se mantivo na segunda parte. Cando a narración pasa a centrarse na posesión de Manuela polo crego, o relato perdeu interese e a historia deixou de atraparme da mesma maneira. O cambio de perspectiva non conseguiu manter a forza da primeira parte e fíxome sentir que a novela avanzaba cara a un desenlace que non estaba á altura do que prometía o seu comezo.

Quizais o problema estea tamén en que os temas que aborda —a represión relixiosa, o patriarcado, a superstición e a violencia contra as mulleres— xa teñen presenza noutras obras sobre a Galicia rural. Non esperaba necesariamente unha historia completamente nova, pero si que o desenvolvemento da novela achegase algo máis ou conseguise manter ata o final o interese que espertara nas súas primeiras páxinas.

En definitiva, Habitada é unha novela que comeza con forza, cunha protagonista interesante, unha atmosfera moi ben construída e unha forma de narrar que lle confire personalidade propia, pero que, ao meu xuízo, vai de máis a menos. A primeira parte compensou boa parte da lectura; a segunda, en cambio, acabou condicionando a miña valoración global.

Aínda así, non descarto que a culpa non fose exclusivamente da autora. Quizais algunha meiga das que habitan os nosos bosques, esas que forman parte da nosa memoria colectiva, me botase un mal de ollo e condicionase a miña lectura. Tratándose dunha novela como esta, quen sabe se non acabei tamén, dalgún xeito, habitado por algún mal feitizo.


A principios de ano lin "Actos humanos", desta mesma autora, e deixoume moi bo sabor de boca. Gustoume moito e prometinme seguir lendo outras obras súas. Con La vegetariana atopeime cunha lectura moi diferente, máis perturbadora e desacougante, pero que tamén invita á reflexión.

A novela estrutúrase en tres partes, con Yeonghye como fío condutor. A través dela e das persoas que a rodean (o seu marido, o seu cuñado e o seu irmán), Han Kang constrúe unha historia na que a soidade, a incomunicación, a rutina e a falta de ilusión parecen terse apoderado da vida dos protagonistas. Son persoas que non atopan o seu lugar no mundo, incapaces de establecer relacións que lles permitan escapar do seu propio baleiro.

A decisión de Yeonghye de deixar de comer carne, desencadeada por uns pesadelos recorrentes, é o punto de partida dunha ruptura cada vez máis profunda coa súa contorna e coa realidade que a rodea. O seu comportamento provoca incomprensión, rexeitamento e mesmo violencia entre aqueles que pretenden que volva ser a persoa que era. Porén, máis alá desa decisión inicial, a novela fálanos de algo moito máis complexo: a liberdade individual, o control sobre o propio corpo e a dificultade de aceptar a quen se afasta das normas establecidas.

A medida que avanza a historia, o sufrimento dos personaxes adquire unha dimensión cada vez máis angustiosa. A frustración, a presión social e familiar e a incapacidade para afrontar a propia existencia conducen a situacións extremas. Nun momento da novela, Yeonghye pregunta: «E por que non podo morrer?». Unha frase que me parece especialmente reveladora porque expresa unha desesperación absoluta, na que a morte aparece non tanto como unha traxedia, senón como unha posible saída a un sufrimento insoportable.

Todo isto lévame a unha cuestión sobre a que persoalmente me teño preguntado algunha vez: que é o que lle dá sentido á nosa vida? Que fai que pague a pena vivila? A novela aborda temas de plena actualidade, como a saúde mental, a frustración e as esixencias que nos impoñemos para seguir adiante, pero tamén formula unha pregunta máis profunda: que ocorre cando unha persoa deixa de atoparlle sentido á súa propia existencia e xa non é capaz de recoñecerse no mundo que a rodea.

Algunhas interpretacións presentan La vegetariana como un reflexo da sociedade coreana. Non é esa a lectura que eu fago. Creo que Han Kang expón unha cuestión moito máis universal, que quizais hoxe resulte especialmente visible pola nosa forma de vida, pero que considero inherente ao ser humano: como afrontamos a nosa existencia e que necesitamos para vivila dunha maneira plena.

Os parágrafos finais deixáronme unha profunda sensación de baleiro e angustia, especialmente pola situación de Yeonghye e pola impotencia que transmite a súa historia. É unha novela que deixa moi mal sabor de boca, non pola súa calidade literaria, senón polas emocións que esperta e polas preguntas que deixa sen resposta.

Recoñezo que Actos humanos me gustou máis, pero La vegetariana tamén me parece unha lectura moi recomendable. Aínda que non é unha novela agradable nin reconfortante, ten a capacidade de incomodar, facerche parar e seguir dándolle voltas aos seus plantexamentos unha vez pechado o libro. Quizais aí resida precisamente unha das súas virtudes: en obrigarnos a reflexionar sobre aspectos da vida que non sempre estamos dispostos a mirar de fronte.



Unha novela de estrutura peculiar, con 59 monólogos de 15 personaxes que narran, desde as súas distintas perspectivas, a viaxe da familia Bundren para trasladar o cadáver da nai ata Jefferson e cumprir a súa última vontade.

Unha lectura que ás veces resulta difícil de seguir, cunha trama que por momentos parece non ter demasiado sentido, pero na que pouco a pouco imos descubrindo a personalidade e as contradicións de cada membro da familia.

Faulkner achéganos á América rural do Sur de principios do século XX, marcada pola pobreza, a incultura, as crenzas relixiosas e as supersticións. Todo iso aderezado cunha boa dose de humor negro, que o escritor manexa maxistralmente e que contrasta coa desolación de moitas das situacións que describe.

Gustoume especialmente a reflexión sobre a loucura e a normalidade, sobre como, en ocasións, importa menos o que facemos que a opinión que os demais se forman dos nosos actos. Unha idea que segue tendo plena vixencia.

Unha novela que esixe atención e paciencia, pero que permite descubrir a xenialidade narrativa de Faulkner, a súa innovadora forma de contar unha historia a través de múltiples voces e a súa capacidade para retratar as miserias e contradicións humanas.

Non é unha lectura para todos os públicos, pero si unha boa maneira de mergullarse na obra dun escritor imprescindible, galardoado co Nobel de Literatura e que exerceu unha grande influencia en autores como Vargas Llosa e García Márquez.

Unha novela desconcertante, ás veces tragicómica e sempre interesante, que recomendo a quen queira descubrir o particular universo literario de Faulkner.


Acabo de rematar «El periodista deportivo», de Richard Ford. É o meu segundo intento con este escritor, despois de ler hai uns anos «Canadá», e volvo rematar cunha sensación parecida: Richard Ford cústame. Cústame entrar nas súas novelas, entender exactamente que quere contar e, sobre todo, atopar que hai detrás dos seus personaxes e das súas historias. Ao rematar «El periodista deportivo» volvín ter a impresión de que se me escapara algo. Non teño moi claro a onde pretende chegar e quizais esa sexa precisamente a intención: que sexa o lector quen vaia dándolle sentido a todo.

Frank Bascombe, o protagonista, é un home de trinta e oito anos, escritor con certo talento que renunciou á literatura e traballa como xornalista deportivo. Está divorciado, ten dous fillos e perdeu outro. Mantén relacións bastante superficiais coas mulleres, cos seus compañeiros e, en xeral, coas persoas que van aparecendo na súa vida. Parece ter elixido unha existencia cómoda, segura e previsible: ten un traballo que sabe facer e que non lle esixe demasiado, vive afastado do ruído das grandes cidades e evita compromisos que lle poidan complicar demasiado a vida. Tiven a sensación, mentres lía, de que Bascombe decidiu vivir así, sen esperar demasiado, deixándose levar polo que vai sucedendo. E, ao mesmo tempo, pregúntome se esa vida aparentemente tranquila non é tamén unha vida endiañadamente vulgar. Ford non parece xulgalo, nin sequera parece que o propio Bascombe teña unha resposta clara. Simplemente vive.

Creo que, para entendelo, hai que ter moi presente a morte do seu fillo. Esa perda parece cambiar a súa maneira de relacionarse coa vida e quizais explique a súa distancia, a súa ironía, os seus silencios e esa necesidade de non mirar demasiado profundamente as cousas. Despois de determinadas experiencias, quizais un aprende a protexerse das emocións demasiado intensas e a aceptar que hai cousas que simplemente suceden e que non sempre teñen unha explicación. E aí é onde a novela comezou a interesarme máis, porque detrás desa vida aparentemente corrente hai unha reflexión sobre como vivimos e sobre como imos construíndo a nosa existencia sen saber moi ben se seguimos un plan ou simplemente nos adaptamos ao que aparece. Todo iso lévame a preguntarme se toda vida é unha vida.

A novela está chea de situacións normais: encontros, conversas, viaxes, relacións, problemas familiares, persoas que aparecen e desaparecen. E precisamente esa normalidade é outra das cousas do libro que che fan pensar. Porque as nosas vidas tamén están feitas diso: de momentos de distinta intensidade, de decisións que tomamos case sen darnos conta, de cousas que suceden á marxe dos nosos plans e de persoas que deixan unha pegada maior ou menor en nós. Mentres lía, nalgúns momentos atopeime lembrando situacións, pensamentos e debates persoais. Non porque me identifique con Bascombe, senón porque a súa maneira de mirar a vida me levou a pensar na miña, nas decisións que tomamos, nos camiños que escollemos ou que abandonamos e nesa estraña capacidade que temos para acabar vivindo unha vida bastante diferente da que algunha vez imaxinamos ou mesmo da que esperabamos vivir.

Hai unha frase cara ao final que, para min, resume bastante ben o protagonista: «É triste dicilo, pero ser xornalista deportivo significa vivir encerrado nos propios pensamentos e só con algúns retallos do que pensan os demais». Creo que aí está Frank Bascombe: observando os demais, interpretando o que sucede ao seu arredor e, ao mesmo tempo, encerrado nos seus propios pensamentos. E quizais tamén aí estea boa parte do que Ford pretende contar. Pero tampouco estou xa seguro diso. Xa dixen que é un autor que me custa.

Remato. Sigo sen saber se Richard Ford é un escritor para min. «Canadá» produciume unha sensación parecida e este segundo intento tampouco conseguiu cambiar demasiado as cousas. Cústame a súa maneira de escribir e non sempre sei que facer co que me conta. Pero desta vez hai algo diferente: aínda que non teña claro ter entendido completamente a novela, si sei que me fixo pensar. E quizais iso sexa o importante. Durante boa parte da lectura tiven a sensación de que se me escapaba algo, pero ao pechar o libro decateime de que algo quedara comigo.

Ben, iso adoita pasar con todos os libros.


oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.