Despois de pasar por Figueiredo e Golpellás, a estrada continuaba o seu percorrido polo Val da Rabeda. Eu seguín adiante neste exótico viaxe de non máis de catro quilómetros. Atrás quedaban a magnífica igrexa de San Pedro e a silente igrexa de Santa Baia. A pouca distancia deste lugar, agochada e baixo unha forte chuvia que de súpeto quixo facerse presente para acompañarme, cheguei a A Batoca.

Esta é unha pequena aldea formada por menos dunha decena de casas, a maioría en estado ruinoso, o que indicaba que había xa moito tempo que ninguén vivía alí. Porén, estaba errado. Houbo varios detalles que me levaron a pensar o contrario: un paraugas colgado nun balcón, algo de roupa tendida e un desconfiado gato que me vixiaba a través dunha pequena ventá.

Estiven un anaco explorando A Batoca. Ademais dunha casa de magnífica construción que se atopa á entrada da aldea, soa, á dereita, o resto das vivendas están agrupadas. Son casas típicas do rural galego, coas súas escaleiras exteriores, os seus balcóns, os seus muros de cachotaría, os teitos derrubados e sen portas. Entre o silencio e o abandono, atopei un forno, un pozo e unha pía que evocaban outros tempos e outra forma de vivir. 

Cando saia o sol, voltarei.




































Despois de estar en Figueiredo, collin unha pista estreita cara a Golpellas, máis concretamente a Santa Baia de Golpellás. Foi un traxecto tranquilo, sen présas, gozando do silencio que envolvía a paisaxe, só interrompido por unha liña de ferrocarril que, ao igual que o entorno, parecía esquecida polo tempo. Despois de percorrer apenas dous quilómetros, cheguei ao meu destino. Primeiro, recibiume un sinxelo cruceiro e, máis adiante, un precioso cabalo.

Nese lugar, onde o silencio o domina todo, atópase primeiro a reitoral e, pegada a ela, a igrexa xunto a un impoñente ciprés.

A igrexa de Santa Baia de Golpellás é un templo barroco de planta rectangular, co ábsida lixeiramente elevado respecto á nave. A nave está protexida por unha cuberta a dúas augas, mentres que o ábsida, de maior altura, acóllese baixo unha cuberta a catro vertentes. Os seus muros están construídos en perpiaño granítico de boa calidade na modalidade de opus quadratum. A fachada principal conta cun único oco: a porta de acceso, baixo un arco escarzano que marca o seu eixe de simetría. Esta remátase en altura cunha estilizada espadaña de forma piramidal e dous corpos, que acolle dúas campás na sección inferior, deixando libre o superior, acompañado por pináculos e edículos ornamentais.

A reitoral é un edificio de planta poligonal e dúas alturas, cunha cuberta a catro augas de tella do país. Presenta pequenas ventás de dobre folla ubicadas de maneira equidistante. O paramento está constituído por perpiaño concertado na modalidade de opus vittatum no andar residencial, combinado con opus incertum no andar inferior. O elemento máis singular do inmoble é unha torre rectangular, levantada integramente en opus quadratum e cuberta a catro augas, de tres plantas, que se ergue nun dos extremos do edificio, ofrecendo boas vistas ao templo e ao atrio parroquial. O edificio conta cun amplo terreo de cultivo anexo, delimitado por un muro de pedra de 1,5 metros de altura, e posúe algún módulo en mampostería adosado ao edificio principal que distorsiona a visualización dos volumes orixinais. A cronoloxía máis probable do inmoble é do último cuarto do século XVII ou primeiro do XVIII. Nesta casa vive e traballa actualmente o pintor Baldomero Moreiras.

Desde este lugar, a visión é extensa, coma unha gran cartografía: Taboadela na lonxanía, a parte alta de Barbadás, ao fondo Dozón e Serra Martiñá; cara á dereita, na estela dunhas montañas picudas, intúese San Pedro de Rocas.

O pintor Baldomero Moreiras leva vivindo e traballando nesta reitoral durante máis de 30 anos. Nunha entrevista con La Región, comentou que o lugar o atrapou polo seu illamento e beleza natural. Dende entón, vive alí en plena natureza, nunha rutina de silencio, cunha pequena horta e adicado á pintura.

Despois de dar voltas, mirar e sacar fotos, escoitar e falar un anaco co meu anfitrión, con aquel cabalo que me recibiu e que de vez en cando deixaba de comer para prestarme algo de atención, decidín sentarme no maleteiro do meu coche a gozar da inmensa quietude que todo o invadía e da magnífica luz que unha tormenta anunciada vestía todo.



























Nun día gris e ameazante de choiva, decidín iniciar a miña ruta en Figueiredo, unha aldea do municipio de Paderne de Allariz. Este lugar, o primeiro de tres paradas no pequeno itinerario que me fixara

A localidade de Figueiredo, aínda que pequena, alberga unha xoia arquitectónica: a igrexa parroquial de San Pedro. Esta igrexa eríxese orgullosamente no centro do pobo, sobre unha elevación que obriga aos que vamos a visitala a subir unhas escaleiras para acceder ao seu atrio. Este esforzo é recompensado coa vista dunha estrutura impresionante, construída en aparello pseudoisódomo, utilizando sillares graníticos ben escuadrados, o que reflicte unha precisión e un coidado excepcionais na súa edificación. A igrexa, dunha soa nave, conta cunha ábsida semicircular precedido por un tramo recto. Ao longo dos séculos, a estrutura orixinal foi modificada, especialmente durante a época barroca, cando se engadiu a espadana que coroa a fachada occidental e a sancristía encostada ao flanco norte da ábsida. Estes engadidos non só enriquecen a historia do edificio, senón que tamén mostran a evolución de estilos arquitectónicos ao longo do tempo. 

A fachada occidental é particularmente notable polo seu forte sentido de horizontalidad. A portada, con dúas arquivoltas de medio punto, está protexida por unha chambrana que segue a mesma directriz. Esta chambrana adórnase con tres filas de billetes, mentres que as arquivoltas están molduradas cun detalle minucioso. As columnas que sosteñen estas estruturas presentan capiteis decorados con temas vexetais, aínda que algúns están bastante desgastados polo paso do tempo. Estes detalles lembran a influencia do taller do mestre Mateo, famoso polo seu traballo na catedral de Ourense. O tímpano da fachada, liso e realizado nun só bloque de pedra, apóiase en mochetas decoradas con figuras de animais: un bóvido e un felino, probablemente un león, ambos os esculpidos con gran detalle. 

A fachada meridional é máis sobria, reforzada por contrafuertes prismáticos que dan unha sensación de robustez e estabilidade á estrutura. Unha xanela barroca e unha porta meridional cun arco de descarga completan esta parte do edificio, engadindo elementos de interese visual e arquitectónico. 

A ábsida semicircular da igrexa está dividido en tres panos, cada un decorado con canecillos que presentan motivos vexetais, xeométricos e figurativos. Unha xanela barroca rompe a sobriedade do pano sur, mentres que a cornixa moldurada e os canecillos engaden un toque de elegancia. No interior da igrexa, a nave única está cuberta por un teito de madeira a dúas augas. Un zócalo moldurado percorre os muros, estendéndose cara á ábsida, e a luz entra a través de saeteras e xanelas, creando un ambiente sereno e contemplativo. 

O presbiterio, lixeiramente elevado respecto da nave, accédese mediante un chanzo de pedra e está cuberto por unha bóveda de canón. Este espazo está adornado con arcos cegos e capiteis decorados con follas vexetais que se fusionan coa cesta, un deseño que remite aos modelos cistercienses e reflicte a influencia da escola do mestre Mateo. Esta influencia é evidente non só na decoración vexetal, senón tamén no uso de elementos xeométricos e na profusión de detalles ornamentais que enriquecen a estrutura. 

A cronoloxía da igrexa suxire que foi construída na segunda década do século XIII, durante un período de transición entre o románico e o gótico. Esta combinación de estilos pódese apreciar na harmonía entre os elementos románicos da ábsida e os engadidos barrocos na fachada. A espadana central, co seu pequeno arco de medio punto e decoración de botóns semiesféricos, é un claro exemplo desta mestura de estilos. 

A igrexa de San Pedro de Figueiredo é, sen dúbida, o templo máis singular e prezado de todo Paderne de Allariz. É a única igrexa na rexión que mostra claramente as dúas grandes reformas que experimentou ao longo da súa historia. Os elementos románicos e barrocos coexisten nunha harmonía sorprendente, ofrecendo aos visitantes unha visión rica e detallada da evolución arquitectónica e artística da zona. 

Non moi lonxe da igrexa, atópase a reitoral de San Pedro, un edificio de dúas alturas con planta rectangular e cuberta a catro augas. Os muros están construídos con perpiaño granítico de alta calidade, o que reflicte a importancia e o status da rectoría na súa época. O acceso á vivenda realízase a través dunha escaleira exterior que leva a unha solaina, unha característica distintiva que engade un toque pintoresco ao conxunto. Destaca especialmente a monumental cambota de planta rectangular, que sobresae en altura e engade un elemento de interese arquitectónico adicional. A reitoral está illada do resto do pobo por un muro elevado de opus vittatum, que proporciona privacidade e un sentido de exclusividade ao conxunto. Este muro, de 2.5 metros de altura, reforza a impresión de robustez e permanencia que caracteriza a todos os edificios históricos de Figueiredo. 

A medida que exploraba estes lugares, funme mergullando nunha atmosfera se sodiate, de tranquilidade e reverencia, sentindo a presenza palpable de séculos de historia. A mestura de estilos arquitectónicos, a atención ao detalle na decoración e a solidez das estruturas falan dunha dedicación e un coidado que perduraron ao longo do tempo. A visita a Figueiredo non só foi só unha visita á súa igrexa, tamén foi un percorrido polo pobo pola arquitectura típica do rural galego. As súas antigas casas, a maioría en ruínas e abandonadas, mostraban detalles que indicaban a vida dos seus antigos habitantes: os balcóns, as escaleiras, galerías, esgrafiados, un forno,.... Como sempre, como cada vez que percorro e visita algún pobo a experiencia permitiume apreciar profundamente a beleza e o valor histórico dos lugares de Galicia. Leste foi a primeira parada. 

De aí dirixinme a Golpellás




IGREXA DE SAN PEDRO

















REITORAL DE SAN PEDRO E CEMITERIO






FIGUEIREDO





















oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.