A miña relación coa información e coa radio vén de lonxe. Sempre tivo máis que ver coa música, primeiro, e coa curiosidade ca con outra cousa: unha curiosidade tranquila, constante, de ir asomándome ao que pasaba sen facer moito ruído. Lembro que en 1982, antes de ir ao colexio, achegábame ao taller do meu pai para ler en La Voz de Galicia as crónicas da guerra das Malvinas. Para min aquilo era case como unha película de guerra: algo afastado, impactante, case cinematográfico, difícil de comprender de todo, pero que me atrapaba e me facía querer saber máis.

Co paso do tempo, esa curiosidade foi collendo forma e, sen darme conta, foise convertendo nunha maneira de estar atento ao mundo. Quedaba vendo os debates do Estado da Nación, con Felipe González e Fraga, as retransmisións dos plenos no Congreso, e non perdía La Clave, sobre todo por esas conversas que viñan despois da película, onde todo se trataba con máis calma, con máis matices. Aí empecei a entender algo que despois sería constante: que a información non é só o feito, senón tamén a mirada, o contexto e a forma de contalo.

Nese camiño, a radio entrou pouco a pouco ata quedar. Na universidade escoitaba a José María García —eu sempre fun máis del ca de De la Morena— e, ao mesmo tempo, descubrín outros espazos que me abriron outra maneira de escoitar: Trecet, Juan de Pablos, Diego Manrique… programas que non eran só música, senón tamén criterio, voz e personalidade.

Antes, a finais dos 80, lembro especialmente o programa El Lobo Urbano, de Charly Domínguez —o Charly dos Suaves—, que escoitaba a finais daquela década. Había algo nel que encaixaba moi ben co espírito da época: rock, actitude e radio entendida tamén como identidade. Aquel “lobo” non era só un programa musical, era unha forma de achegarse a outra maneira de vivir a música, máis crúa, máis auténtica. Foi aí onde descubrín grupos como Thin Lizzy e músicos como Tom Waits, e onde decidín que eu, musicalmente, era un roqueiro.

Un pouco despois apareceu tamén outra radio que me acompañou moito máis do que entón era consciente. En Radio 3 de RNE, programas como Diálogos 3, de Ramón Trecet, eran case unha porta a outro mundo sonoro, distinto, fóra do circuíto das radiofórmulas; e Flor de Pasión, de Juan de Pablos, co seu coidado polas músicas da memoria, polos 60 e por esa nostalxia tan ben tratada. E xa máis adiante, na órbita de RNE, tamén programas como Ruta 61, co seu blues e o seu espírito máis nocturno, ou o traballo de voces como a de Diego A. Manrique, que convertían a radio musical en algo moito máis que entretemento: en cultura viva, contada con criterio.

Tamén houbo unha etapa na que a televisión tivo o seu lugar, sobre todo cando estudaba en Santiago. Lembro a Hermida e, especialmente, a Carrascal. Había momentos nos que deixaba o que estivese facendo para escoitalo analizar a actualidade, con aquela forma tan directa de poñer orde no que estaba pasando mentres se sentaba no pico da súa mesa. Era o fin de Felipe González, Filesa, os GAL, Aznar… Pero co tempo, a televisión foi perdendo presenza na miña vida. A radio non. A radio quedou, sen facer ruído, como unha compañía constante.

A finais dos 90 comecei a escoitar Onda Cero con máis continuidade. Protagonistas, con Luis del Olmo, formaba parte das miñas mañás: almorzos con calma, a radio de fondo, o transistor enriba da mesa. Era unha rutina sinxela que axudaba a empezar o día con certa orde. Hoxe todo é máis rápido, máis fragmentado, pero esa relación coa radio segue sendo a mesma: no coche, nos auriculares ou nun café tomado con présa, sempre hai ese fío que continúa.

E nese fío aparece, co tempo, Carlos Alsina.

Primeiro en La Brújula de Onda Cero, onde empecei a escoitalo con máis atención. E aí, sen saber moi ben por que, notei algo distinto. Non era unha cuestión de forma chamativa, senón precisamente do contrario: unha radio moi medida, moi coidada, sen estridencias. Gustábame como construía os programas, como daba tempo ás respostas, como sabía preguntar sen interromper máis do necesario. Había algo de respecto polo oficio e tamén polo oínte.

A medida que o ía escoitando máis, fun vendo que esa forma de facer radio non era casual. Había unha combinación pouco habitual de rigor e sensibilidade, de análise e de cultura. As súas referencias, as súas recomendacións, mesmo os seus espazos máis reflexivos, daban a sensación de que a actualidade podía contarse sen perder matices. Esa era a radio que me gustaba. Que me gusta. Aí foi onde descubrín o rigor, a intelixencia… e os monólogos das oito.

Cando deu o paso ás mañás en 2015, substituíndo a Carlos Herrera, seguino case de forma natural. Alsina con Juan Ramón Lucas fixéronse cargo de Más de Uno. Alsina, co tempo, foise convertendo nunha desas voces que un identifica sen esforzo, non porque sexa máis forte ca outras, senón porque está feita doutro xeito. Un xeito no que a información se conta con calma dentro da urxencia, e no que hai unha preocupación constante por facelo con honestidade. Carlos Alsina converteuse na principal referencia informativa da radio española.

Nese percorrido tamén hai un recordo moi concreto que para min é importante: o día en que o vin en directo no Teatro Principal de Ourense. Cheguei moi cedo, ás seis da mañá, e non me deixaron entrar ata as sete. Esa hora, que podería ser simplemente unha espera incómoda, acabou sendo case o contrario. Cos cascos postos, acompañado dun amigo que tamén estaba alí, deambulamos por unha cidade que aínda durmía buscando un café aberto. Foi unha desas escenas sinxelas que, sen saber moi ben por que, quedan gardadas.

Despois chegou o programa, o directo e, ao final, a foto con el. Gárdoa con agarimo, aínda que non sexa especialmente dado a este tipo de cousas. Pero ese día gárdoo con especial cariño.

E ao longo destes anos tamén quedaron moitos outros momentos asociados á súa voz. Os días do confinamento polo COVID, cando ás oito da mañá escoitaba o seu “diario” e axudaba, sen facer ruído, a poñer orde nunha realidade moi estraña. Non esquezo a música coa que arrincaba nin o que contaba despois. Foi un sostén. Ou as súas coberturas sobre o terreo, como na DANA en Valencia, ou o percorrido por Ermua na homenaxe a Miguel Ángel Blanco. Tamén o Día da Radio, as visitas a colexios, hospitais… pequenas pezas que, sumadas, debuxan unha forma de estar.

E logo están as entrevistas: a políticos de todos os pelaxes (moitos quedaban retratados ante Alsina), a actores —a de José María Pou, por exemplo, é das que quedan—, a súa La Cultureta, os seus monólogos, os xornalistas e colaboradores cos que se acompañaba. Algúns fixéronme rir, outros pensar, outros mesmo me cambiaron o humor nun día concreto. Pero sempre tiven a sensación de que había unha forma moi consciente de facer as cousas, sen improvisación gratuíta, con traballo detrás.

Por todo iso, o recoñecemento que recibiu ao longo da súa traxectoria encaixa con esa percepción que eu, como simple oínte, teño del: a dunha figura amplamente recoñecida e premiada na radio española, ademais dunha persoa íntegra, de principios. Ao longo dos anos foi distinguido, entre outros, co Premio Ondas e co Premio Francisco Cerecedo de Xornalismo (Fundación Luca de Tena), galardóns que avalan esa combinación de rigor, creatividade e criterio que marcou a súa carreira. Tamén polo seu rigor e agudeza xornalística, cun estilo incisivo, analítico e moi claro á hora de debullar a actualidade. E igualmente pola súa presenza en primeira liña cando a noticia o requiría, estando no terreo en momentos como a DANA ou sostendo a radio en situacións críticas nas que a súa voz funcionou case como referencia para moita xente.

E todo iso, ao final, conecta con algo moi básico: a forma de contar o mundo.

Por iso, a decisión que tomou agora, deixar a parte máis informativa de Más de uno para centrarse na parte máis lixeira, de entretemento, explícase con claridade e encaixa co paso do tempo, co desgaste e co ritmo acumulado tras tantos anos de madrugóns e responsabilidade diaria. Persoalmente, xa hai tempo que se lle notaba certo cansazo, algo que, visto en perspectiva, resulta completamente comprensible.

No meu caso, non creo que isto sexa unha etapa intermedia nin un camiño de volta á primeira liña informativa. Máis ben penso que é unha decisión coherente co momento no que está. E, sendo honesto, tampouco estou moi convencido de que vaia permanecer moito tempo nesa franxa de entretemento que agora asumirá. Isto é o que penso.

En calquera caso, máis alá de como evolucione todo isto, a miña relación coa radio, a pesar de que Alsina se aparte un pouco, ou moito, seguirá sendo a mesma: unha compañía constante, discreta, que forma parte do día a día. Un día a día no que, diso estou seguro, botarei en falta a Carlos Alsina.

Botareino en falta, aínda que creo que tomou esta decisión como fixo sempre as cousas: con intelixencia, con decencia, con argumentos e á marxe do ruído que se poida facer dende distintas trincheiras. Eu vou botar de menos, e moito, esa parte máis pegada á actualidade, pero entendo as súas razóns. Dá a sensación de que está esgotado, e mesmo así deu este paso con coherencia, honradez e respecto absoluto pola radio, polo seu programa, polo seu traballo e por quen o escoitamos cada día. E, persoalmente, só me queda algo moi simple: darlle as grazas por todo.

Grazas, Carlos. Grazas, Alsina. Grazas, don Carlos Alsina.


A miña lectura de Ébano de Ryszard Kapuściński foi, sobre todo, unha experiencia de descubrimento e de toma de conciencia. Este autor fíxome mirar —e sobre todo ver— unha África que ata agora non tiña definida completamente. O que antes era un espazo afastado, case abstracto, convértese aquí nunha realidade complexa, chea de matices, de contradicións e de humanidade. E en gran medida isto débese á extraordinaria capacidade de Kapuściński como correspondente, como xornalista e, por enriba de todo, como contador de historias. 

Pero esa mirada non xorde da distancia, senón da experiencia directa. Para escribir este libro, Kapuściński percorre durante anos distintos países africanos, adéntrase en cidades e aldeas, vive en condicións precarias, enferma, pasa medo e convive coa xente. É precisamente esa viaxe continua —física e tamén humana— a que lle permite construír un retrato tan profundo. Non fala de África desde fóra, senón desde dentro, desde o vivido, e iso tradúcese nunha narración que combina a observación rigorosa cunha implicación persoal moi intensa. 

Ao longo do libro vai aparecendo unha África diversa, inmensa, difícil de abarcar, na que conviven pobos, culturas e formas de vida moi distintas, pero que comparten unha mesma pertenza a un territorio que non deixa de abraiarnos e desconcertarnos. Esa enormidade —xeográfica, cultural e histórica— explica tamén o noso descoñecemento: falamos de África coma se fose unha unidade, cando en realidade é un mosaico case inabarcable. Kapuściński consegue xusto o contrario: fragmenta esa imaxe simplificada e reconstrúea a través das súas viaxes, de encontros concretos, de escenas que só alguén que estivo alí pode contar. 

Nese proceso, un dos aspectos máis reveladores é a diferenza na maneira de entender o tempo e a vida. A idea de que o tempo depende do home, de que pode desaparecer se non se actúa sobre el, tradúcese nunha existencia centrada no presente. Pero esta concepción non é só cultural: está profundamente condicionada pola realidade material. Cando a vida é unha loita constante contra a fame, a enfermidade ou a incerteza, o futuro perde peso e todo se concentra no agora. Así, a imposibilidade de planificar non é unha carencia, senón unha consecuencia lóxica das condicións nas que se vive. 

Esta forma de entender a vida enlázase con outro trazo fundamental: o carácter comunitario da sociedade. Nun contorno tan duro, o individuo illado non ten cabida: só o grupo garante a supervivencia. Por iso, a familia, os achegados e o liñaxe adquiren unha importancia central, e a vida articúlase arredor deles. A comuñón é máis espiritual ca material, e a presenza dos devanceiros, a importancia dos rituais ou a necesidade de estar xuntos mesmo na adversidade reflicten unha maneira de existir moi distinta da europea. 

Pero esta realidade non pode separarse do peso da historia, e aquí aparece con forza outro dos grandes temas do libro: o que os “civilizados europeos” fixemos —e en parte seguimos facendo— con África. O reparto do continente na Conferencia de Berlín non só foi unha decisión política, senón unha ruptura profunda coas estruturas existentes: milleiros de comunidades foron encaixadas en fronteiras artificiais que ignoraban a súa identidade. As consecuencias dese proceso atravesan todo o libro: conflitos étnicos, guerras, golpes de Estado ou xenocidios. África é, en gran medida, o resultado dese choque entre dúas maneiras de entender o mundo, entre dúas historias que se cruzan sen chegar a encaixar. 

Neste contexto, a violencia aparece como un elemento case estrutural. O que máis impacta non é só a súa crudeza —nenos soldados, guerras constantes, armas como medio de supervivencia—, senón a súa normalización. Os conflitos políticos vívense como fenómenos naturais, como parte do contorno. Nun mundo onde a pobreza obriga a vivir ao día e onde a incerteza é permanente, a violencia deixa de ser unha excepción para converterse nunha forma máis de existencia. Todo isto nun medio natural especialmente hostil, onde a calor, a seca ou a falta de auga converten a supervivencia diaria nunha auténtica loita. 

Con todo, Ébano non é só un retrato de África, senón tamén unha reflexión sobre nós mesmos. A medida que avanzaba na lectura, tiña a sensación de que o libro falaba tanto de Europa como do propio continente africano. O choque entre ambas culturas —dúas maneiras distintas de entender o importante, o tempo, a vida, o pasado e o futuro, a ilusión e os medos— pon en evidencia as nosas propias limitacións. Kapuściński cuestiona a nosa tendencia a simplificar, a dividir o mundo en categorías como branco/negro, e obríganos a recoñecer tanto a nosa responsabilidade histórica como a nosa forma parcial de mirar. 

Por todo iso, a obra funciona como unha dobre aprendizaxe: ensínanos que é África, pero tamén que somos nós cando a observamos. E aí reside boa parte da súa forza. É un enorme relato que combina a experiencia da viaxe coa reflexión, que atrapa como as lecturas de aventuras da adolescencia —pola intensidade, polo movemento constante, polo inesperado— e que, ao mesmo tempo, invita a unha lectura máis pausada e madura, chea de preguntas. 

En definitiva, gocei enormemente de Ébano. É un libro que amplía a mirada, que incomoda ás veces, que obriga a pensar e que deixa pegada. Un libro que hai que ler.


"El libro de las hermanas"
é unha ficción que explora o amor nas súas múltiples formas: o amor de parella, o amor entre irmás e tamén os amores mal entendidos ou insuficientemente comprendidos. A través desta historia, Amélie Nothomb formula cuestións profundas sobre a personalidade, a percepción da realidade, a maneira en que cada individuo se enfronta a ela e, por suposto, as distintas maneiras de amarse.

A novela presenta a uns pais, Nora e Florent, que viven a súa relación coma se fosen eternos noivos, cunha intensidade apaixonada e desenfreada. Porén, esa mesma intensidade lévaos a descoidar as súas fillas, situándoas nun segundo plano. Dá a sensación de que o seu amor, lonxe de evolucionar, estanca e vólvese superficial, o que acaba afectando a longo plazo negativamente tanto á parella como ás súas fillas.

Neste contexto, a historia céntrase especialmente en Tristane. Durante a súa infancia como filla única, o seu crecemento apóiase na súa intelixencia, na súa imaxinación e no seu mundo interior, elementos que nunca a abandonan e que a achegan á literatura como vía de escape ao seu illamento. Na súa vida aparece tamén a figura da súa tía Bobette, unha muller cunha vida caótica e aparentemente sen rumbo, pero que é quen de ver en Tristane algo que os demais non perciben. Este personaxe lémbranos que as aparencias poden enganar e que o valor das persoas non sempre se axusta ao visible.

A chegada da súa irmá, Laetitia, introduce un cambio fundamental. Constrúese entón unha relación intensa e pura entre ambas: dúas irmás que se queren profundamente, que se coidan, se apoian e medran xuntas. Este vínculo mantense mesmo cando Tristane marcha estudar a París, momento no que a escritura —especialmente a través de cartas— convértese no fío que mantén viva a súa conexión.

A novela contrapón de maneira moi clara dous tipos de amor: o da parella e o das irmás. Mentres o primeiro se amosa fráxil e, en certo modo, fallido, o segundo aparece como un amor sólido, resistente e auténtico. Esta oposición é o eixo central do libro e desenvólvese cun ton case de fábula, característico de Nothomb, onde o aparentemente irreal se acepta como parte da súa particular maxia narrativa.

En definitiva, estamos ante unha obra que reflexiona sobre o amor e as súas transformacións: como nace, como medra ou como pode deteriorarse. Tamén fala dos silencios, do sentimento de abandono, da necesidade de ser querido, dos soños e dos compromisos. Pero, sobre todo, invita a pensar na importancia de aprender a quererse a un mesmo, xa sexa atopando refuxio nos demais ou, ás veces, illándose do mundo.

O final reforza esta idea: fronte ao fracaso do amor dos pais, o amor entre as irmás preséntase como unha forza liberadora, capaz de sandar feridas e dar sentido á existencia.


A lectura de "El disfraz" e "Los años borrosos" de José María Pérez Álvarez (Chesi) permite apreciar dous rexistros narrativos moi distintos, aínda que atravesados por unha mesma maneira de entender a literatura como exploración do desorde e do humano.

En "El disfraz", a historia articúlase arredor de Antonio, propietario da “Ultramarinos Randulfe, Tiendas, 8, baixo”, inmerso nun “Ourense gris, provinciano, clandestino e triste” que define tanto o seu contorno como a súa propia forma de estar no mundo. A partir desa rutina aparentemente inamovible, o relato desestabilízase cando un antigo compañeiro o converte en personaxe dunha novela, o que desencadea un xogo de identidades cruzadas entre realidade e ficción. Desde aí, a narración ábrese a unha sucesión de situacións marcadas polo humor, o exceso e a desinhibición, onde o sexo aparece integrado como un elemento máis desa ruptura do cotián, sen solemnidade nin subliñado, dentro dun universo de personaxes contraditorios, a medio camiño entre o grotesco e o entrañable.

En "Los años borrosos", o ton desprázase cara a unha maior dureza. Os tres relatos que o compoñen sitúanse nunha España de posguerra dominada pola represión, a pobreza moral e a perda da inocencia. Nese contexto inclúense episodios de abuso de menores, tratados cunha franqueza narrativa que acentúa a violencia estrutural, a realidade das mulleres e a sordidez da época. A escrita vólvese máis contida, a veces difícil, sen concesións ao alivio humorístico, e orientada a mostrar unha realidade marcada pola degradación ética e social.

Estes dous relatos definen bastante ben como a obra de Chesi baséase nunha concepción da literatura como reconstrución do fragmentado. Os seus textos adoitan partir de estruturas non lineais, xogos temporais e cruces entre o real e o ficticio que obrigan o lector a recompoñer o sentido. Esta maneira de escribir dialoga cos seus referentes —Joyce, Kafka, entre outros— e cunha visión da vida entendida como algo inestable, cheo de bifurcacións, accidentes e fatalidades.


O seu estilo combina ironía, observación precisa e unha atención constante aos momentos nos que a realidade se desaxusta. Desde aí constrúe unha obra que transita entre o metaliterario e o humano, cunha forte conciencia do acto de escribir como forma de exploración e de explicación.

Sinalar, que como recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vínculo coa cidade, celebrarase un acto de homenaxe a José María Pérez Álvarez  este  sábado 9 de maio ás 11:00 horas no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde familiares, amigos, xornalistas e escritores repasarán a súa vida e a súa obra, estreitamente ligada a Ourense. Animo a todos a que vos acheguedes ata ali pois, sen dúbida, sera do mais interesante. 




oscuroabismo. Con la tecnología de Blogger.