Tíñao anotado na miña lista de “lugares a visitar” desde hai tempo, desde aquel momento en que a miña condición física seguramente non sufriría tanto como sufriu nesta ocasión.
Situado ao sur do Rio Arnoia, no seu discorrer polo Concello de Baños de Molgas, moi preto da Aldea da Acea, sobre unha suave lomba vestida de carballos atópase o Castro da Acea. Na súa parte máis elevada, unha elevación que a min me parecía por momentos un auténtico “oitomil”
Tal como indícase no panel informativo existente xunto á escavación “O Outeiro do Castro é un poboado castrexo asentado nun frondoso bosque atlántico, dominando o Val do Arnoia e creando un fascinante conxunto arqueolóxico-natural. O castro mostra un dobre recinto fortificado formado por unha plataforma superior, ou croa, e un foso de circunvalación, pechando uns superficiede case 3 Ha. A súa ocupación tivo lugar durante o século IV aC, prolongándose ao longo da época Galaico-Romana; nesas datas, centos de castro coroaban os cumes dos montes galegos. A Cultura Castrexa, estableceuse ao longo de Galicia, o Norte de Portugal e o occidente asturiano, respondendo a un modelo geo-estratéxico e económico de control e explotación do territorio. Unha civilización cunha rica e complexa vida política, relixiosa, cultural, comercial, en contacto co mundo ibérico, atlántico e mesmo mediterraneo”.
No apartado de turismo da web do Concello de Baños de Molgas indícase que “trátase dun xacemento castrexo de forma elíptica (190 x 150 metros), emprazado nunha cima cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia. Na superficie atopamos restos cerámicos de cor escura. O seu parte superior, chamada coroa, é plana e presenta tres diferentes niveis de altura, que se corresponden normalmente con diferentes usos de actividade humana, ademais da función común, como é a defensiva. A coroa superior está protexida por unha muralla de pedra pequena cunha altura de cinco metros no punto máis alto e rodeada por un terraplén. Polo sur soamente pódense observar un terraplén e un foso.
Os camiños próximos están feitos con paredes de pedra ben labradas, impropios dunha zona apartada de zonas non habitadas, polo que se supón que son pedras reaprovechadas do castro.
Pola zona atopáronse varios petróglifos de tipoloxía abstracta: cazoletas. Case no centro ten unha marca de termo formada por un triángulo cunha pequena pila interior.
Como curiosidade, sinalar que é a marca divisoria entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía”.
Este último verán tivo lugar a terceira campaña de escavación arqueolóxica a raíz do convenio de colaboración entre o Concello de Baños de Molgas e a Universidade de Vigo baixo a dirección do arqueólogo David Pérez López
Nas anteriores escavacións fóronse documentando as estruturas habitacionales de almacenaxe en “A Croa”, distribuídas á beira dunha rúa. Así mesmo procedeuse á restauración dos dous volumes para facelos comprensibles e á consolidación das distintas estruturas para garantir a súa estabilidade
Nas devanditas escavacións ademais de recuperar as estruturas castrexas tamén se documentaron materiais asociados á vida cotiá dos seus habitantes: restos de recipientes de barro cocido, pequenos alisadores, machacadores de morteiro e, de maneira destacada, unha fíbula de bronce en omega para suxeitar unha túnica ou capa das elites.
Na escavación deste pasado verán David Perez indicou nunha entrevista realizada á La Región que "decidiuse escavar no acceso ao castro, na zona da muralla, co obxectivo de comprobar como era o sistema defensivo". O director dos traballos realizados no castro confirmou que “Nós, a partir do estudo topográfico, intuímos máis ou menos por onde discorre a muralla e ‘pinchamos’ unha excavación en área de catro por dez metros para sacar a cara exterior e a interior da muralla. A exterior está feita con grandes lousas de pedra que conteñen o macizado interior, a pedra pequena que se mete de recheo. Por dentro vai feita con pedra máis miúda. Este era o espazo que se vía dende o interior, dende punto de almacenaxe”
Ditos traballos ademais obtiveron resultados en forma do descubrimeinto de fragmentos materiais, como tégulas, que confirmarían a romanización do lugar cuestión que viría ratificada polo feito da proximidade da Vía Nova
A construción máis extraordinaria do Castro de Acea é “O Horrea” e que se decicaba a celeiro e está considerado como o primeiro horreo galego. “É o achado máis senlleiro porque non hai ningún na provincia de Ourense, e en toda Galicia só se localizou un no castro de Astariz, no Saviñao; é un dos primeiros canastros do país», apuntaba o arqueólogo David Pérez cando descubriu dita estrutura na escavación do 2018
Trátase da primeira edificación castrexa desta características documentada formada por 8 pequenos ocos de aireación a rentes do chan e 6 alicerces de pedra sobre os que descansa un solado de madeira sobre o que depositar e almacenar a colleita de cereais.
Outro panel informativo existente no devandito lugar explica o sistema construtivo de “O Horrea” e que indica o seguinte: “Os graneiros documentados na Croa do Outeiro do Castro, presentan unha peculiar técnica construtiva. Logo de achairar o terreo, cortando a rocha e escavando no xabre, proxectan un muro perimetral de cimentación onde se intercalan pequenos ocos que funcionan despois como ventilacións do horrea. A continuación érguese a cara exterior cun paramento de moi boa calidade; mentres que na cara interior recúase sobre a base de cimentación para encaixar unha trabe de madeira que apoia en piares distribuídos no interior substentando un estrado. Sobre a trabe, seguía construíndose o muro en altura, apoiando nela parte do mesmo e continuando con boa cantería tanto no interior coma no exterior. Dese xeito, os cereais e outros produtos gardados, ficaban aireados con vans que permitían a circulación de aire. Documentouse unha elevada presenza de cantos relados de tamaño mediano que poderían estar relacionados coa loita contra a humidade no interior. Os coios serían quentados no lume a gran temperatura e logo introducidos por debaixo do estrado de madeira para contribuir a secar o ambiente interior”
Pasei uns cuantos minutos tentando recuperar o resuello, volvendo sentir as pernas, mirando todo o que alí hai, a marabillosa distribución das pedras que forman as estruturas habitacionales e gozando das vistas, vese perfectamente o campanario da Colexiata de Santa María de Xunqueria de Ambía.
Cando volvín ser persoa descendín a ladeira daquel lugar preguntándome ao meu mesmo se sería capaz de volver alí.
Claro que si, só teño que buscar un camiño que se adapte mellor ás miñas fortalezas