Pages

24.2.26

“FLORES SOBRE EL INFIERNO” (ILARIA TUTI)

"Flores sobre el infierno" compartiu semana de lectura con "Majareta", de Juan Manuel Gil. Aínda que ambas propostas son moi distintas, este thriller italiano ofreceume unha experiencia intensa e de puro entretemento. 

A novela articula o seu argumento en dúas liñas temporais destinadas a confluír. Para comprender os crimes do presente debemos retroceder ata finais dos anos setenta, a Austria, onde se ergue unha enigmática Escola, unha institución hermética e celosa dos seus segredos. O que alí aconteceu —ás costas do mundo— proxecta unha sombra alongada sobre os acontecementos actuais nunha pequena localidade dos Alpes italianos. 

A trama comeza cun cadáver brutalmente mutilado: un home espido, co rostro desfigurado e os ollos arrincados. Ao mesmo tempo, un recentemente nado desapareceu e unha presenza fantasmal parece vagar polos bosques, algo escuro que se agocha e observa. A investigación recae en Teresa Battaglia, comisaria especializada en perfís criminais, unha muller ás portas da xubilación cuxa mente —a súa ferramenta máis poderosa— comeza a fallarlle. A súa lucidez vacila e, con ela, a súa seguridade; por primeira vez, o medo ábrese paso. 

Xunto a ela está o inspector Massimo Marini, recentemente chegado da cidade. Ambos, xunto co resto do equipo, enfróntanse a un caso estraño e complexo, un caso que afunde as súas raíces nos episodios máis turbios da historia desa poboación de montaña: unha comunidade pechada e hermética que os observa con receo. Neste sentido, un dos grandes acertos da novela é a súa ambientación: a natureza alpina non é un simple escenario, senón un personaxe máis, moi presente ao longo de todo o libro. A neve amortigua os sons e agocha pegadas e segredos; o frío e a humidade calan; o bosque respira ameaza; o illamento, forxado durante séculos, reforza a sensación de asfixia. A paisaxe, cos seus sons e silencios, contribúe a un suspense de corte case claustrofóbico. 

Teresa Battaglia é, sen dúbida, o eixo emocional da historia. É competente, intuitiva, dura e xusta; unha líder natural, brusca en ocasións pero profundamente empática. Carga co peso dunha enfermidade, da idade e, sobre todo, cunha ferida íntima que nunca rematou de cicatrizar. A súa soidade envólvea como un corsé antigo: en público mantense ergueita e firme; en privado, apenas lle deixa respirar. É un personaxe intenso, contraditorio e moi humano, que combina fraxilidade e eficacia policial, afastándose de certos clixés do xénero. 

É unha novela que avanza por ciclos de tensión: comeza con forza, ralentízase nalgúns treitos e volve coller impulso cara ao desenlace. Ese ritmo descontinuo pode resultar algo irregular e mesmo se percibe algunha pequena incongruencia na trama, pero sen desmerecer o conxunto. 

En definitiva, "Flores sobre el infierno" é un thriller de lectura áxil que explora a alma humana e formula reflexións sobre a responsabilidade individual e social, o peso do pasado e a difusa fronteira entre o ben e o mal. Unha historia onde o crime importa, pero onde tamén importan a memoria, a culpa e o contorno que moldea a quen o habita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario