Pages

7.8.25

“EL VERANO EN QUE MI MADRE TUVO LOS OJOS VERDES” (Tatiana Tibuleac)




Recomendáronme este libro con gran entusiasmo. Describírono como unha lectura intensa, transformadora, un texto fermosísimo, así que cheguei a el con altas expectativas. Non me decepcionou. É unha novela breve pero poderosa, que aborda temas duros cunha sensibilidade inesperada.

A historia parte dunha premisa incómoda: Aleksy, un adolescente marcado pola violencia e o resentimento, é levado pola súa nai a pasar un verán xuntos en Francia. Aos poucos días, ela revélalle que ten cancro e que probablemente ese será o seu último verán. O que podería terse convertido nun drama previsible ou sensiblero transfórmase nunha exploración complexa dos vínculos familiares e da dor, narrada con crudeza e beleza a partes iguais.

É un libro que fala da morte e da vida, e de como unha e outra están fondamente entrelazadas. Como lle di a nai ao seu fillo: “Solo piensas en la muerte cuando te mueres, Aleksy, solo cuando te mueres, y eso es una tontería, una inmensa tontería. Porque, en lugar de todos sus sueños, la muerte es lo más probable que va a sucederle a un individuo. De hecho, lo único que le va a suceder con toda certeza”

O personaxe do fillo está cheo de rabia, especialmente cara á súa nai, á que mesmo desexa morta. A súa visión do mundo, marcada pola perda, o abandono e a incomprensión, non deixa espazo para o afecto. A nai, pola súa parte, carga con culpas e fracasos, pero nunca se victimizou. O que se desenvolve entre eles non é tanto unha reconciliación como un intento lento e torpe de mirar ao outro con novos ollos. O cambio non é repentino nin redentor, pero si auténtico.

Sorprendeume a maneira en que Tatiana Tibuleac consegue equilibrar a violencia emocional do relato con pasaxes dunha beleza serena, case poética. A vida na aldea francesa, os obxectos cotiáns, os momentos aparentemente insignificantes convértense en pausas de humanidade. Sen caer na idealización, a autora atopa refuxio na sinxeleza, en contraste coa intensidade dos sentimentos.

A prosa é directa, fragmentaria, con frases breves que golpean. Pero tamén hai espazo para imaxes líricas que xorden como raios de luz no medio da dor. A narración, contada dende o recordo, dálle ao relato un aire de confesión madura, de axuste de contas co pasado, aínda que sen resentimento.

É unha novela que incomoda, emociona e fai reflexionar. Non ofrece respostas fáciles —de feito, non ofrece ningunha— nin pretende resolver todo. Pero amosa, con honestidade, como aprender a gozar da vida e a valorar aos que temos preto. Aínda que persoalmente me custa aceptar os xiros bruscos na vida das persoas, esta historia fai que te preguntes que é o que realmente valoramos na vida… e que non.

Un libro interesante, un libro agradable de ler.

No hay comentarios:

Publicar un comentario