Pages

24.7.25

TRES CANTOS FÚNEBRES POR KOSOVO (ISMAÍL KADARÉ)



Este pequeno pero poderoso libro de Ismaíl Kadaré, escrito en 1998, parte da batalla de Kosovo en 1389, un episodio decisivo na historia dos Balcáns. A través da recreación da invasión otomá, o autor explora as raíces profundas dun conflito que se repite, case como un eco trágico, ao longo dos séculos nesta rexión castigada pola historia. 

A batalla é o punto de partida, pero o que realmente interesa a Kadaré non é só o feito militar, senón a súa mitificación, a súa persistencia na memoria colectiva e, sobre todo, a súa capacidade para explicar as fracturas culturais e relixiosas que seguen marcando os pobos dos Balcáns. A derrota da coalición cristiá —composta por serbios, albaneses e romanos— fronte ao sultán Murat non só inaugura a ocupación otomá, senón que serve de metáfora dun trauma que nunca rematou de pechar. 

Un dos aspectos que máis me gustou do libro é o último capítulo, sen dúbida o máis potente e simbólico, onde o corpo do sultán Murat é transportado de volta a Anatolia, mentres que as súas vísceras quedan enterradas no campo de batalla. Esa sangue que queda na terra é un símbolo fortísimo: fala do enraizamento do conflito, do legado inevitable da guerra, da memoria que fermenta baixo os pés dos vivos. 

Especial interese ten tamén a relación entre dous xoglares —un serbio e un albanés— que, despois da derrota, seguen co seu oficio de cantar a historia. A súa relación non é exactamente cordial, pero si representativa: ambos conservan nas súas cantigas o resentimento, as diferenzas, os relatos contrapostos que separan aos seus pobos. Kadaré retrata, a través deles, como a cultura tamén pode ser campo de batalla, e como as feridas do pasado se perpetúan a través das palabras. 

O que me chamou especialmente a atención é como, a pesar de estar ambientado no século XIV, o libro fala tamén da Europa do noso tempo. Esa Europa dividida, lenta, burocrática, con dificultade para actuar con unidade e decisión no escenario internacional. Tres cantos fúnebres por Kosovo é tamén unha ollada crítica ao fracaso europeo á hora de comprender ou xestionar os seus propios conflitos internos. 

En definitiva, é un libro curto —apenas un cento de páxinas— pero de lectura intensa e chea de matices. Escrita cunha linguaxe poética e poderosa, esta obra serve tanto como reflexión histórica coma advertencia contemporánea. Agradezo moito a Cris por prestarme este libro e compartirme non só o exemplar, senón tamén o seu amor polos libros e a súa sabedoría lectora. Grazas a ela, descubrín un autor ao que quero seguir lendo

No hay comentarios:

Publicar un comentario